Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32807

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 12 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Vilartoxo, sito nos concellos da Baña e Val do Dubra (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2019/044).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 12 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Vilartoxo.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Vilartoxo, sito nos concellos de A Baña e Val do Dubra (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L., para unha potencia de 27 MW.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, o promotor (Green Capital Power, S.L.) constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta do órgano ambiental, en 161.500 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento, cuxo importe se fixa en 215.334 euros, por proposta do órgano ambiental.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da DIA.

5. De acordo co condicionado recollido na DIA, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra, subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, o promotor disporá dun prazo de tres anos contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

10. O promotor deberá cumprir todas as condicións establecidas na DIA, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 13.6.2019, o promotor, Green Capital Power, S.L., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Vilartoxo, sito nos concellos da Baña e Val do Dubra (A Coruña), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009).

2. O 19.7.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; en diante, esta dirección xeral) notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, quen achegou, o 29.7.2019, o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da dita lei.

3. O 14.12.2020, o promotor solicitou unha modificación substancial do parque eólico Vilartoxo, achegando a documentación técnica correspondente. Con carácter xeral, a modificación solicitada consiste no cambio de modelo dos aeroxeradores. O 27.1.2021, esta dirección xeral notificoulle ao promotor a admisión a trámite desta modificación.

4. O 4.2.2021, esta dirección xeral solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009 (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia). A este respecto:

• O 9.2.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (en diante, órgano ambiental) emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que se indica o procedemento ambiental que hai que seguir e se recollen os organismos que se deben consultar durante a fase de información pública.

• O 21.4.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, en que se conclúe que as posicións dos aeroxeradores compren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega (Plan sectorial eólico de Galicia) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable. Así mesmo, recolle os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

5. O 9.7.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Vilartoxo á Xefatura Territorial da Coruña desta consellería (en diante, xefatura territorial) para a continuación da tramitación deste expediente (IN408A 2019/044), de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009.

6. O 30.8.2021, a xefatura territorial ditou acordo polo que se someteron a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Vilartoxo, nos concellos da Baña e Val do Dubra (expediente IN408A 2019/044).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 30.8.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Baña e Val do Dubra) e nas dependencias da xefatura territorial, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web desta consellería.

O 24.2.2023, a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación relativo ás alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente.

7. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do referido parque eólico ás seguintes entidades: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Concello da Baña, Concello de Val do Dubra, Dirección Xeral de Telecomunicacións, UFD Distribución Electricidad, S.A., Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. e Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.).

A continuación relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 15.10.2021, AXI o 28.9.2021, 28.3.2022 e 12.5.2022, Dirección Xeral de Telecomunicacións o 12.11.2021 e 23.12.2021, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 21.10.2021, Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. o 25.9.2021 e Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.) o 6.10.2021 e 26.10.2021. O promotor prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

O Concello de Val do Dubra emitiu dous informes (un primeiro, o 22.10.2021, e un segundo de contestación á resposta do promotor, o 25.5.2022) e o Concello da Baña tamén (un primeiro, o 19.10.2021, e un segundo de contestación á resposta do promotor, o 25.5.2022) nos cales, ademais de fixar o condicionado técnico, formulan cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole, como as relativas ás distancias a núcleos de poboación ou ás afeccións. O promotor prestou a súa conformidade co condicionado técnico e deu resposta ao resto de cuestións. Ao respecto destas, hai que indicar o seguinte: existe informe da DXOTU sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación e o resto de cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver).

8. Con respecto ao estudo de impacto ambiental (EIA), solicitáronse informes ás seguintes entidades: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Concello da Baña, Concello de Val do Dubra, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Instituto de Estudos do Territorio e Sociedade Galega de Historia Natural.

9. Con datas 21.7.2022 e 4.8.2022, o promotor presentou a documentación técnica definitiva, coas adaptacións realizadas con base nas alegacións e informes recibidos durante a tramitación, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

10. O 17.8.2022, a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente IN408A 2019/044 e de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009, deu traslado deste a esta dirección xeral para os efectos de continuar coa súa tramitación, xuntando o informe do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial, do 17.8.2022, en que se recolle un resumo da tramitación.

Así mesmo, xuntan informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas, emitido polos servizos técnicos da xefatura territorial o 5.8.2022, en que se conclúe que se emite informe favorable sobre o proxecto de execución do parque eólico Vilartoxo, para os efectos das autorizacións administrativas previa e de construción.

11. O 21.9.2022, esta dirección xeral, de acordo co disposto no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, deu traslado do expediente ao órgano ambiental, para os efectos de tramitar a declaración de impacto ambiental (DIA).

O órgano ambiental resolveu, o 25.11.2022, formular a DIA do parque eólico Vilartoxo, nos concellos da Baña e Val do Dubra (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L. (clave: 2020/0018), que se fixo pública mediante o Anuncio do 28.11.2022 do órgano ambiental (DOG núm. 237, do 15.12.2022).

12. O 27.1.2023, esta dirección xeral, para os efectos da emisión das autorizacións administrativas previa e de construción, requiriulle ao promotor o proxecto de execución refundido resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, así como, de ser o caso, as separatas técnicas refundidas.

En resposta a este requirimento, o 20.2.2023 o promotor achegou o proxecto de execución refundido, xunto coa declaración responsable en que indica que este non orixina novas afeccións respecto ás separatas xa informadas, agás para tres entidades (Concello da Baña, Concello de Val do Dubra e Augas de Galicia), para as que presenta novas separatas.

13. O 7.3.2023, esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, remitiulles as novas separatas do proxecto de execución refundido ás referidas tres entidades (Concello da Baña, Concello de Val do Dubra e Augas de Galicia), para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos.

A continuación relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 3.4.2023. O promotor prestou a súa conformidade ao condicionado emitido.

O Concello de Val do Dubra emitiu informe, o 4.4.2023, no mesmo sentido que os informes emitidos para a primeira separata. O promotor prestou a súa conformidade co condicionado técnico e deu resposta ao resto de cuestións formuladas polo Concello. Ao respecto destas cuestións, cabe indicar o mesmo que o xa manifestado en contestación aos seus primeiros informes.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

14. O 7.3.2023, esta dirección xeral solicitoulle á xefatura territorial o informe previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido.

A xefatura territorial emitiu informe, o 15.3.2023, para a autorización administrativa previa e de construción do proxecto da instalación do parque eólico Vilartoxo, en que se conclúe que o informe emitido o 5.8.2022 segue tendo validez, coa única corrección do orzamento e da versión do proxecto.

15. O parque eólico Vilartoxo conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 27 MW, segundo informes do xestor da rede de datas 11.9.2019, 15.4.2020 e 23.4.2020.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais