Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32843

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra do Farelo, sito nos concellos de Agolada (Pontevedra) e Antas de Ulla (Lugo) e promovido por AV Serra do Farelo, S.L. (expediente IN661A DXIEM-01/11).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de AV Serra do Farelo, S.L. en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Serra do Farelo, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Serra do Farelo, cunha potencia de 18MW e promovido por Airosa Vento, S.L.

Segundo. O 27.6.2012 AV Serra do Farelo, S.L. (en diante, a promotora) como sociedade filial unipersoal de Airosa Vento, S.L. e, en virtude da redacción nese momento vixente do artigo 36.1.e) da Lei 8/2009, do 22 de decembro, solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

Terceiro. O 2.4.2013 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu a Declaración de Impacto Ambiental para o parque eólico que se fixo pública por Resolución do 22 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (DOG nº 98, do 24 de maio).

Cuarto. O 25.1.2021, AV Serra do Farelo, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

A modificación consiste en esencia no desprazamento de todos os aeroxeradores do parque eólico xunto cun cambio de modelo de aeroxerador, o que implica a redución de 6 a 5 no número de aeroxeradores do parque eólico e mantendo a potencia total de 18 MW.

Quinto. Por Resolución do 28 de maio de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, aceptáronse as modificacións do proxecto do parque eólico solicitadas pola promotora.

Sexto. Con data do 17 de xuño de 2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Serra do Farelo (nº expediente IN661A DXIEM-01/11), promovido por AV Serra do Farelo, S.L., e por Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Serra do Farelo, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Sétimo. O 15.10.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial.

Oitavo. O 21.10.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

Noveno. Mediante Resolución do 28 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, someteuse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto de interese autonómico, o estudo de impacto ambiental e a solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico Serra do Farelo, situado nos concellos de Agolada na provincia de Pontevedra e Antas de Ulla na provincia de Lugo e promovido por AV Serra do Farelo, S.L. (DOG nº 217, do 11 de novembro).

Décimo. En vista da Sentenza 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, aínda que esta non adquiriu firmeza, e consonte o principio de seguridade xurídica, mediante Resolución do 1 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, someteuse de novo a información pública por un prazo de 30 días as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto de interese autonómico, o estudo de impacto ambiental e a solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico Serra do Farelo.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 30.3.2022, e nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia o 30.3.2022. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Agolada e Antas de Ulla), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Pontevedra e Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo dispoñible na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

Décimo primeiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: concellos de Agolada e de Antas de Ulla, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A.

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A. o 22.11.2021, Cellnex Telecom, S.A. o 19.11.2021. O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, con data do 6.7.2022, informou que o aeroxerador SF05 non cumpría coa distancia mínima respecto do bordo exterior da calzada máis próxima.

O 27.7.2022 a promotora, en resposta ao informe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, propuxo modificacións do proxecto consistentes, con carácter xeral, na eliminación do aeroxerador SF-05 e as súas infraestruturas asociadas e a redistribución da potencia do parque entre os 4 aeroxeradores restantes, que manteñen o modelo e posición.

O 18.10.2022 Demarcación de Estradas do Estado en Galicia informou favorablemente a modificación do proxecto do parque eólico Serra do Farelo, sempre que se observen as consideracións recollidas nos informes e indicou que con carácter previo ás obras a promotora solicitará ante a administración titular da estrada a necesaria autorización sectorial. O 26.10.2022 AV Serra do Farelo, S.L.U. presentou escrito de resposta, non presentando obxeccións ao indicado no antedito informe.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. Ao estar o parque eólico Serra do Farelo declarado iniciativa empresarial prioritaria o prazo para a emisión destes condicionados técnicos é da metade do prazo indicado. De non recibirse estes condicionados en prazo, entendeuse a conformidade co proxecto, e continuouse a tramitación do procedemento.

Décimo segundo. Con respecto do estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, concellos de Agolada e Antas de Ulla, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Cuberta a tramitación ambiental, o 11.11.2022 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que a fixo pública mediante o Anuncio do 11 de novembro de 2022 (DOG nº 225, do 25 de novembro).

Décimo terceiro. O 23.11.2022 e con posterioridade o 2.2.2023, a promotora presentou o proxecto de execución refundido no que se inclúen as modificacións introducidas durante a tramitación do expediente.

Décimo cuarto. O 13.2.2023 solicitáronse informes á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo e de Pontevedra, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas do proxecto de execución presentado.

Décimo quinto. O 10.3.2023 AV Serra do Farelo, S.L.U. para dar resposta aos requirimentos das xefaturas territoriais, presentou o proxecto de execución refundido do parque eólico Serra do Farelo, novembro de 2022, asinado polo enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos Gonzalo Cibrao Flores Fuciños e pola enxeñeira industrial Sara Calo Dieste, e visado o 10.3.2023 no Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia co nº 2021/03550/05.

Décimo sexto. O 20.3.2023 e o 24.3.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo e de Pontevedra, respectivamente, emitiron o informe relativo ao cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo sétimo. O 10.4.2023 a promotora presentou unha declaración responsable na que expón que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico non modifica as afeccións xa informadas a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar novas separatas. Así mesmo, achegou o acordo do 30.4.2021 da Axencia Estatal de Seguridade Aérea, pola que autoriza a instalación do parque eólico e establecendo o correspondente condicionado.

Décimo oitavo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 19,8 MW, segundo o informe do xestor da rede do 17.6.2021.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG nº 39, do 26 de febreiro) e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental hai que indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 11.11.2022, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Saúde Pública, Axencia de Turismo de Galicia e Augas de Galicia. Tamén se recibiu informe da organización ecoloxista Sociedade Galega de Historia Natural.

2. No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico e sobre o proxecto de interese autonómico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante esta resolución conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle nos antecedentes de feito oitavo.

3. No que respecta ao fraccionamento de proxectos, a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «despezamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías ou de efectos de carácter acumulativo, incluído no estudo de impacto ambiental, cunha zona de estudo que comprende un raio de 10 km e no que se tiveron en conta os parques eólicos e liñas de alta tensión que existen nesa contorna.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que: «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a situación dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

4. Polo que respecta aos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, debe indicarse que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución, afeccións que en ningún caso se estenden a toda a poligonal do parque. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o eventual procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

5. En canto á alegación relativa a que se trata dun procedemento de gran complexidade técnico-xurídica, o que provoca unha feble posición dos particulares afectados respecto dos dereitos de participación neste, cabe sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

Cabe engadir que nos antecedentes de feito noveno e décimo recóllense as dúas veces nas que este proxecto foi sometido a información pública, unha mediante a Resolución do 28 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se someten a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto de interese autonómico, o estudo de impacto ambiental e a solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico Serra do Farelo, situado nos concellos de Agolada, na provincia de Pontevedra, e Antas de Ulla, na provincia de Lugo, e promovido por AV Serra do Farelo, S.L. (DOG nº 217, do 11 de novembro) e outra pola Resolución do 1 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se someten a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto de interese autonómico, o estudo de impacto ambiental e a solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico Serra do Farelo, situado nos concellos de Agolada, na provincia de Pontevedra, e Antas de Ulla, na provincia de Lugo, e promovido por AV Serra do Farelo, S.L. (DOG nº 62, do 30 de marzo).

Estas dúas resolucións e a documentación obxecto da información pública estiveron a disposición de todas aquelas persoas interesadas nos Concellos de Agolada e Antas de Ulla, nas xefaturas territoriais en Lugo e Pontevedra da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, así como nas dependencias da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e na propia web da Consellería.

6. No que respecta a falta de avaliación estratéxica do desenvolvemento eólico actual e á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor e incorpora aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997 e publicouse o acordo no Diario Oficial de Galicia do 15.12.1997. Posteriormente, publicouse no Diario Oficial de Galicia do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia. En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Polo tanto, este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non se pode aplicar con efectos retroactivos.

7. Polo que respecta á suposta vulneración da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, debe sinalarse que na tramitación do expediente consta a emisión de dous informes favorables dos Servizos de Montes das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural en Lugo e Pontevedra, respecto da compatibilidade de proxecto co aproveitamento dos montes. En definitiva, o órgano competente para pronunciarse sobre este aspecto non apreciou vulneración da devandita lei.

8. En canto ás afeccións e prexuízos para a poboación do contorno, cabe sinalar que a Dirección Xeral de Saúde Pública emitiu diversos informes, no último dos cales sinala que se consideran satisfeitos os requirimentos feitos en relación co seu ámbito competencia, que teñen que ver, entre outros, con aspectos que poden afectar a poboación do contorno, como campos electromagnéticos, ruídos, gases, e efecto pestanexo de sombras. O promotor sinala, pola súa banda, os beneficios que a construción e explotación do parque terán na zona de implantación, como creación de emprego, impostos sobre a obra e a actividade, o pagamento do canón eólico que redundará en parte de forma directa nos concellos nos que se implante, pagamento de rendas anuais a propietarios, etc.

9. En canto á falta de valoración do impacto na apicultura, cultivo de castañas e recursos micolóxicos e as afeccións severas e prexuízos para as explotacións gandeiras, debe indicarse que a afección dos elementos do parque se limita aos terreos directamente afectados polas infraestruturas do parque eólico e as súas servidumes, sendo o resto do espazo totalmente compatible con outros usos ou aproveitamentos que poida ter o monte e o contorno.

10. Sobre a falta de utilidade pública do proxecto, debe sinalarse que o artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que «se declararán de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte, distribución de enerxía eléctrica (…), para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e a imposición de servidume de paso». Polo tanto, a utilidade pública da instalación está xustificada por tratarse dunha instalación de xeración de enerxía eléctrica de acordo coa dita lei.

11. En relación coa suposta ausencia do estudo do potencial eólico na documentación que foi sometida a información pública, debe indicarse que o proxecto que foi sometido a exposición pública dispón dun punto específico no que se avalía este aspecto.

12. Polo que respecta á ausencia de retorno social do proxecto, cabe indicar que está previsto que durante a construción e explotación do parque se creen postos de traballos tanto directos e indirectos. Tamén, que tanto a construción como a explotación do parque van xerar ingresos derivados das taxas e tributos aos concellos nos que se vai implantar, o que terá un impacto positivo na poboación local.

13. En relación coa alegación que sinala a incompetencia dun enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos para asinar o proxecto de construción deste parque eólico, polo que cabería a inadmisión do dito proxecto, cabe sinalar que o proxecto que por esta resolución se autoriza a súa construción está asinado por un enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos e por unha enxeñeira industrial, e así mesmo foi visado o 10.3.2023 polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia.

No caso das alegacións ambientais presentadas con posterioridade á Declaración de Impacto Ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso dos escritos de oposición á declaración de impacto ambiental, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Serra do Farelo, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 11.11.2022.

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Serra do Farelo, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Serra do Farelo.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Serra do Farelo, sito no concellos de Agolada (Pontevedra) e Antas de Ulla (Lugo) e promovido por AV Serra do Farelo, S.L., para unha potencia de 18 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Serra do Farelo, composto polo documento Proxecto de execución refundido parque eólico Serra do Farelo, novembro 2022, asinado polo enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos Gonzalo Cibrao Flores Fuciños e pola enxeñeira industrial Sara Calo Dieste, e visado o 10.3.2023 no Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia co nº 2021/03550/05.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: AV Serra do Farelo, S.L.

Domicilio social: r/ Faraday, 1 -2º dta., Pol. Tambre, 15890 Santiago de Compostela (A Coruña).

Denominación: parque eólico Serra do Farelo.

Potencia instalada: 18 MW.

Potencia autorizada/máxima evacuable: 18 MW.

Produción neta: 56.371 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.131 h.

Concellos afectados: Agolada (Pontevedra) e Antas de Ulla (Lugo).

Orzamento de execución material: 12.139.081 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

a

582.275,20

4.737.785,57

b

585.956,45

4.737.785,57

c

588.443,34

4.735.485,57

d

583.875,20

4.733.785,57

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SF-1

583.431,46

4.737.496,20

SF-2

583.497,07

4.737.003,26

SF-3

583.817,50

4.736.520,57

SF-4

583.915,25

4.736.209,19

Coordenadas do centroide e da envolvente da subestación do parque eólico:

Subestación

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SUB

583.413,00

4.736.235,00

ENV A

583.375,18

4.736.235,34

ENV B

583.428,84

4.736.269,68

ENV C

583.451,61

4.736.234,09

ENV D

583.397,96

4.736.199,75

Coordenadas da torre meteorolóxica:

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM

583540,15

4737167,92

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 1 aeroxerador do fabricante VESTAS modelo V150, cunha potencia de 5,6 MW, altura de buxa de 105 m, diámetro de rotor de 150 m, cos seus correspondentes centros de transformación situados na propia góndola dos aeroxeradores, con potencia unitaria de 7.000 kVA e relación de transformación de 0,72/30 kV.

– 3 aeroxeradores do fabricante VESTAS modelo V136, dous deles cunha potencia de 4,3 MW e un con 3,8 MW, altura de buxa de 112 m, diámetro de rotor de 136 m, cos seus correspondentes centros de transformación situados na propia góndola dos aeroxeradores, con potencia unitaria de 5.150 kVA e relación de transformación de 0,72/30 kV.

– Redes soterradas de media tensión (30 kV) para a evacuación da enerxía xerada e interconexión entre os centros de transformación 0,72/30 kV e a subestación transformadora 30/132 kV, e unha rede de terras xeral.

– Subestación transformadora 30/132 kV, con edificio de control, con transformador de potencia trifásico de 20/25 MVA ONAN/ONAF, transformador de servizos auxiliares de 100 kVA de potencia nominal e relación de transformación 30/0,4 kV, equipos de seccionamento, medida, protección, telemando e demais elementos auxiliares.

– Torre meteorolóxica de 112 m de altura.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, AV Serra do Farelo, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 114.750 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da Declaración de Impacto Ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 11.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo co condicionado recollido na DIA, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, con informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante as xefaturas territoriais de Pontevedra e Lugo un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais de Pontevedra e Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionarán, nos seus respectivos ámbitos, a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para obter a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios público ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais