Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32860

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra do Farelo, sito nos concellos de Agolada (Pontevedra) e Antas de Ulla (Lugo) e promovido por AV Serra do Farelo, S.L. (expediente IN661A DXIEM-01/11).

A continuación recóllese a información esixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Serra do Farelo.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra do Farelo, para unha potencia de 18 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte ao disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, AV Serra do Farelo, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 114.750 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 11.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo co condicionado recollido na DIA, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, con informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante as xefaturas territoriais de Pontevedra e Lugo un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais de Pontevedra e Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionarán, nos seus respectivos ámbitos, a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, a contar desde a notificación da autorización administrativa de construción, para obter a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no apartado 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios público ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Serra do Farelo, cunha potencia de 18MW e promovido por Airosa Vento, S.L.

2. O 27.6.2012 AV Serra do Farelo, S.L. (en diante, a promotora) como sociedade filial unipersoal de Airosa Vento, S.L. e en virtude da redacción nese momento vixente do artigo 36.1.e) da Lei 8/2009, do 22 de decembro, solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

3. O 2.4.2013 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu a Declaración de Impacto Ambiental para o parque eólico que se fixo pública por Resolución do 22 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (DOG nº 98, do 24 de maio).

4. O 25.1.2021, AV Serra do Farelo, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

A modificación consiste en esencia no desprazamento de todos os aeroxeradores do parque eólico xunto cun cambio de modelo de aeroxerador, o que implica a redución de 6 a 5 no número de aeroxeradores do parque eólico e mantendo a potencia total de 18 MW.

5. Por Resolución do 28 de maio de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, aceptáronse as modificacións do proxecto do parque eólico solicitadas pola promotora.

6. Con data 17 de xuño de 2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Serra do Farelo (nº expediente IN661A DXIEM-01/11), promovido por AV Serra do Farelo, S.L., e por Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Serra do Farelo, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

7. O 15.10.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial.

8. O 21.10.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

9. Mediante Resolución do 28 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, someteuse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto de interese autonómico, o estudo de impacto ambiental e a solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico Serra do Farelo, situado nos concellos de Agolada na provincia de Pontevedra e Antas de Ulla na provincia de Lugo e promovido por AV Serra do Farelo, S.L. (DOG nº 217, do 11 de novembro).

10. En vista da Sentenza 18/2022 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, aínda que esta non adquiriu firmeza, e consonte ao principio de seguridade xurídica, mediante Resolución do 1 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, someteuse de novo a información pública por un prazo de 30 días as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto de interese autonómico, o estudo de impacto ambiental e a solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico Serra do Farelo.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 30.3.2022, e nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia o 30.3.2022. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Agolada e Antas de Ulla), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Pontevedra e Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo dispoñible na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

11. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: concellos de Agolada e de Antas de Ulla, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A.

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A. o 22.11.2021, Cellnex Telecom, S.A. o 19.11.2021. O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

A Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, con data 6.7.2022, informou que o aeroxerador SF05 non cumpría coa distancia mínima respecto do bordo exterior da calzada máis próxima.

O 27.7.2022 a promotora, en resposta ao informe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, propuxo modificacións do proxecto consistentes, con carácter xeral, na eliminación do aeroxerador SF-05 e as súas infraestruturas asociadas e a redistribución da potencia do parque entre os 4 aeroxeradores restantes, que manteñen o modelo e posición.

O 18.10.2022 Demarcación de Estradas do Estado en Galicia informou favorablemente a modificación do proxecto do parque eólico Serra do Farelo, sempre que se observen as consideracións recollidas nos informes e indicou que con carácter previo ás obras a promotora solicitará ante a administración titular da estrada a necesaria autorización sectorial. O 26.10.2022 AV Serra do Farelo, S.L.U. presentou escrito de resposta, non presentando obxeccións ao indicado no antedito informe.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. Ao estar o parque eólico Serra do Farelo declarado iniciativa empresarial prioritaria o prazo para a emisión destes condicionados técnicos é da metade do prazo indicado. De non recibirse estes condicionados en prazo, entendeuse a conformidade co proxecto, e continuouse a tramitación do procedemento.

12. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, concellos de Agolada e Antas de Ulla , Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Cumprimentada a tramitación ambiental, o 11.11.2022 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que a fixo pública mediante o Anuncio do 11 de novembro de 2022 (DOG nº 225, do 25 de novembro).

13. O 23.11.2022 e con posterioridade o 2.2.2023, a promotora presentou o proxecto de execución refundido no que se inclúen as modificacións introducidas durante a tramitación do expediente.

14. O 13.2.2023 solicitáronse informes á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo e de Pontevedra, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas do proxecto de execución presentado.

15. O 10.3.2023 AV Serra do Farelo, S.L.U. para dar resposta aos requirimentos das Xefaturas Territoriais, presentou o proxecto de execución refundido do parque eólico Serra do Farelo, novembro 2022, asinado polo enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos Gonzalo Cibrao Flores Fuciños e pola enxeñeira industrial Sara Calo Dieste, e visado o 10.3.2023 no Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia co nº 2021/03550/05.

16. O 20.3.2023 e o 24.3.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo e de Pontevedra, respectivamente, emitiron o informe relativo ao cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

17. O 10.4.2023 a promotora presentou unha declaración responsable na que expón que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico non modifica as afeccións xa informadas a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar novas separatas. Así mesmo, achegou o Acordo do 30.4.2021 da Agencia Estatal de Seguridad Aérea, pola que autoriza a instalación do parque eólico e establecendo o correspondente condicionado.

18. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 19,8 MW, segundo o informe do xestor da rede do 17.6.2021.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais