Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32835

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 17 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Reboiro, sito nos concellos de Baralla, Castroverde e O Corgo (Lugo) e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A/2018/041).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 17 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Reboiro.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar a autorización administrativa previa e a de construción ás instalacións do parque eólico Reboiro, sito nos concellos de Baralla, Castroverde e O Corgo (Lugo), promovido por Green Capital Power, S.L., cunha potencia de 37,02 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital Power, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 310.229 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 5.1.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, de acordo cos puntos 4.1.2, 4.1.4 e 4.1.5 da DIA.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e das demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá coas condicións e cos informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación destes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 5.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron no seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outras condicións técnicas de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Con data do 19.12.2018, a promotora Green Capital Power, S.L. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Reboiro, sito nos concellos de Baralla, Castroverde e O Corgo (Lugo). Con data do 18.3.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle á promotora a admisión a trámite da dita solicitude.

2. Con data do 1.9.2020, esta dirección xeral procedeu a solicitarlles os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia) ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

3. Con data do 2.12.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 onde se indica que o aeroxerador RE1 se atopa a unha distancia de 445 metros do núcleo de Coedo, do concello do Corgo, polo que non cumpre a distancia mínima de 500 metros aos núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do PSEGA respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable. As posicións do resto dos aeroxeradores cumpren a antedita distancia mínima. Asemade, recóllense os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

4. Con data do 14.12.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, no cal indica o procedemento ambiental a seguir e os organismos que consultar durante a fase de información pública.

5. Con data do 10.5.2021, Green Capital Power, S.L. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto do parque eólico Reboiro (expediente IN408A/2018/041), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. Con data do 29.9.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora a admisión a trámite da dita solicitude de modificación substancial.

6. Con data do 21.10.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, no cal se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia (PSEGA) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

7. Con data do 23.11.2021, esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Reboiro á Xefatura Territorial de Lugo para a continuación da tramitación.

8. Mediante o Acordo do 15 de febreiro de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse á información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto do parque eólico Reboiro, nos concellos de Baralla, Castroverde e O Corgo (Lugo) (expediente IN408A 2018/041).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 24.2.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Baralla, Castroverde e O Corgo) e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Asemade, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

9. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no punto 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión das correspondentes condicións técnicas e das separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A.; Cellnex Telecom (Retevisión), Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A.; Dirección Xeral de Estradas, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Concello de Baralla, Concello de Castroverde, Concello do Corgo e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, as correspondentes condicións técnicas: Retegal, S.A., o 7.3.2022; Cellnex Telecom (Retevisión), o 21.3.2022; Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., o 10.3.2022 e o 27.4.2022; Dirección Xeral de Telecomunicacións, o 28.5.2022, e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta ás condicións emitidas.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión das condicións técnicas do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estas condicións no prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

10. Con data do 25.5.2022, a Xefatura Territorial emitiu informe favorable relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas do proxecto do parque eólico Reboiro 49,5 MW. Proxecto executivo. Xaneiro de 2022 e addenda ao parque eólico de Reboiro 49,5 MV. Resposta ao requirimento (UT A12X00215) do proxecto executivo.

11. Con data do 2.6.2022, a Xefatura Territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

12. Con data do 12.8.2022, Green Capital Power, S.L. presentou ante esta dirección xeral o proxecto refundido do parque eólico Reboiro 49,5 MW. Xullo de 2022.

13. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Baralla, Concello de Castroverde e Concello do Corgo.

Cumprida a tramitación ambiental, o 5.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 5 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG nº 13, do 19 de xaneiro).

14. Con data do 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante como consecuencia das diversas condicións técnicas e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

15. Con data do 9.2.2023, Green Capital Power, S.L. presentou o proxecto de execución refundido e as separatas técnicas para a emisión das condicións técnicas dos seguintes organismos: Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A.; Dirección Xeral de Estradas, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Concello de Baralla, Concello de Castroverde e Concello do Corgo.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, as correspondentes condicións técnicas: Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., o 1.3.2023; e Dirección Xeral de Telecomunicacións, o 6.3.2023.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta ás condicións emitidas.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión das condicións técnicas do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estas condicións no prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

16. Con data do 21.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a modificación da documentación técnica refundida como consecuencia da detección de que as posicións dos aeroxeradores 6 e 7 do parque eólico Reboiro infrinxen o establecido na Instrución técnica complementaria ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008 respecto da área de servidume aérea para a LAT 132 kV SET PE Serra da Lagoa-SET PE Navallos (expediente IN408A/2020/117), de Enerxías Renovables de Galicia, S.A., e para a LAT Montelora (expediente IN408A/2017/009), de Naturgy Renovables, S.L.U.

17. Con data do 8.3.2023, Green Capital Power S.L achegou a autorización do 28.2.2023, da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para o proxecto do parque eólico Reboiro.

18. Con data do 13.3.2023, Green Capital Power, S.L. achegou un novo proxecto de execución refundido onde elimina os aeroxeradores RE06 e RE07 e respondeu ao requirimento mencionado no antecedente de feito décimo sexto indicando que non son necesarias novas separatas para os seguintes organismos que xa emitiron informe durante o tramite de información pública:

• Retegal.

• Retevisión.

• Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS).

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC).

19. O 27.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

20. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 37,02 MW, segundo os informes do xestor da rede do 7.5.2020 e do 13.10.2021, e a potencia instalada é de 49,5 MW. Segundo o establecido no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as autorizacións administrativas de instalacións de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais