Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 16 de maio de 2023 Páx. 30439

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 12 de maio de 2023 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal da empresa Catering Arcasa, S.L., adscrito ao servizo de cociña do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, a partir do 18 de maio de 2023.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O desempeño da prestación da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. O que implica a necesidade de conxugar o dito exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, en aras de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

O Comité de Empresa do servizo de cociña do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Hospital Álvaro Cunqueiro, Hospital O Meixoeiro e Hospital Nicolás Peña) comunicou a convocatoria dunha folga que afectará, segundo o seu teor literal, a todo o persoal da empresa Catering Arcasa, S.L. adscrito ao dito servizo, e que se desenvolverá con carácter indefinido a partir do día 18 de maio de 2023 desde as 00.00 horas.

Con base no que antecede e logo da audiencia ao Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida na parte expositiva deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen na presente orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, aos efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. E ao propio tempo responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

De acordo co anterior, debe garantirse a atención ás persoas usuarias que non se poida aprazar sen consecuencias negativas para a saúde. E con esa finalidade establécense os servizos mínimos esenciais nos centros de traballo afectados pola folga, que se recollen no Anexo desta orde.

Dado o carácter indefinido da folga, o criterio reitor dos servizos mínimos é un número mínimo igual ao dos domingos e festivos, en función do tamaño das prestacións dependentes da hostalería de cada centro. No servizo de cociña é preciso garantir a dispoñibilidade de alimentos ás persoas doentes e ao persoal de garda, polo que os mínimos necesarios para a súa atención son os efectivos que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos, para manter unha actividade que garanta que non se quebranten as existencias de alimentos preparados nas unidades, sen que sexa posible asumila sen romper a cadea de produción nos restantes días da semana.

Artigo 2

A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios da empresa con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será realizada pola dirección da empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a profesional que voluntariamente acepte o cambio de maneira expresa.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos establecidos serán considerados ilegais aos efectos do artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e ás persoas usuarias dos servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

A presente orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Efectivos de servizos mínimos

Centro

Quenda

Agrupación profesional

Servizos mínimos

Hospital Álvaro Cunqueiro

Mañá

Camareiras/os

12

Hospital Álvaro Cunqueiro

Mañá

Pinches

7

Hospital Álvaro Cunqueiro

Mañá

Dietistas

2

Hospital Álvaro Cunqueiro

Mañá

Mozo/a de almacén

3

Hospital Álvaro Cunqueiro

Mañá

Pinches limpeza

4

Hospital Álvaro Cunqueiro

Mañá

Cociñeira/o

3

Hospital Álvaro Cunqueiro

Mañá

Axudante de cociña

7

Hospital Álvaro Cunqueiro

Tarde

Camareiras/os

12

Hospital Álvaro Cunqueiro

Tarde

Pinches

7

Hospital Álvaro Cunqueiro

Tarde

Dietistas

2

Hospital Álvaro Cunqueiro

Tarde

Mozo/a de almacén

1

Hospital Álvaro Cunqueiro

Tarde

Pinche

1

Hospital Álvaro Cunqueiro

Tarde

Axudante de cociña

2

Hospital O Meixoeiro

Mañá

Camareiras/os

5

Hospital O Meixoeiro

Mañá

Pinches

6

Hospital O Meixoeiro

Mañá

Dietistas

1

Hospital O Meixoeiro

Tarde

Camareiras/os

4

Hospital O Meixoeiro

Tarde

Pinches

5

Hospital O Meixoeiro

Tarde

Dietistas

1

Hospital O Meixoeiro

Tarde

Axudante de cociña

1

Hospital Nicolás Peña

Mañá

Camareiras/os

1

Hospital Nicolás Peña

Tarde

Camareiras/os

1