Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 14 de abril de 2023 Páx. 23530

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 17 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico O Cerqueiral, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba, promovido por Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U. (expediente IN408A/2019/015).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 17 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico O Cerqueiral.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico O Cerqueiral, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba (A Coruña), promovido por Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U., cunha potencia de 27 MW.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 145.992 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental e na aclaración do 16.2.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e de Augas de Galicia, de acordo cos puntos 4.1.2, 4.1.3 e 4.1.4 da DIA.

5. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto autorizado pola presente resolución, a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

10. No caso de que se manifesten perturbacións na recepción do sinal da TDT directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 11.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 15.3.2019 Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico O Cerqueiral (en diante, o parque eólico), sito nos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba (A Coruña).

2. O 18.6.2019 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 19.6.2019 a promotora achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

3. O 23.1.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas solicitou informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio de acordo co previsto no artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

4. O 23.1.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitiu o documento de inicio ambiental presentado pola promotora para os efectos de obter o documento de alcance a que fai referencia o artigo 34 da Lei 21/2013.

5. O 20.2.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático comunicou a esta dirección xeral o inicio de trámite de consultas.

6. O 22.4.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental e a relación de organismos que deben emitir informe, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 21/2013.

7. O 13.5.2020 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deben emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

8. O 14.9.2020 a promotora, Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U. presentou o estudo de impacto ambiental.

9. O 16.9.2020 esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico O Cerqueiral á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33.6 da Lei 8/2009.

10. Mediante Acordo do 14 de outubro de 2020, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico O Cerqueiral nos concellos de Coristanco, Cabana de Bergantiños e Santa Comba (expediente IN408A 2019/15).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 11.11.2020 e no xornal La Voz de Galicia do 11.11.2020. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Coristanco, Cabana de Bergantiños e Santa Comba), e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Con data do 17.2.2023 a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación co resumo de alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, cuxo contido se transcribe:

«Ambientais:

• Falla de avaliación sinérxica e acumulada deste parque cos outros nove que hai dentro das ADE afectadas.

• Impacto sinérxico e acumulado de 9 parques eólicos.

• Negativa ao procedemento pola imposibilidade de inicialo como un PE autónomo.

• Fragmentación e sinerxías. A avaliación ambiental debería realizarse conxuntamente con outros parques da zona. Consideran nula a autorización administrativa deste parque.

• Non hai estudio de campo, realizouse sobre a bibliografía dispoñible.

• Que o EIA avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto.

• Que o estudo de impacto ambiental avalíe os impactos acumulativos e sinérxicos cos outros parques eólicos (autorizados ou proxectados, incluídas as repotenciacións), así como das restantes infraestruturas asociadas (tendidos eléctricos, subestacións, pistas de acceso, etc.), nun raio de 10-15 quilómetros.

• Impacto acústico severo para os veciños e os animais, non avaliado adecuadamente no EIA.

• Que se exixa á promotora do proxecto o cumprimento das recomendacións de SEO/BirdLife e da Sociedad Española para la Conservación y Estudio de los Murciélagos.

• Que se exixa á promotora a implementación dun programa de vixilancia ambiental rigoroso.

• Rexeitamento do proxecto por impactos moi severos e/ou inadmisibles.

• Falla de retorno social e licenza social.

• Que se fagan públicos determinados documentos de xestión ambiental en relación coa centáurea e as rapinas esteparias para o coñecemento da cidadanía e se someta o proxecto novamente a exposición pública tras a publicación deses documentos.

• Que se declare o impacto das máquinas (principalmente a AE-04) como non compatibles e se impida a súa localización, ben pedindo á promotora que procure novas localizacións ou as suprima do proxecto. Na súa falta, que se exixa reformulación e medidas correctoras para os impactos non compatibles, principalmente o ruído e a alteración do descanso nocturno.

• Impacto acústico moi severo.

• Contaminación luminosa polo balizamento dos aeroxeradores.

• Risco de accidentes por condicións climatolóxicas.

• Impacto sobre a saúde das persoas.

• Afección a augas e ás especies de anfibios asociados: Rego de Boaña e Rego de Bordesca.

• Impacto sobre as augas soterradas.

• O EIA non considera a influencia sobre flora e fauna e, en particular, sobre a fauna da Lagoa de Fonte Cova.

• Deforestación prevista.

• Impacto severo sobre hábitats naturais.

• Impactos paisaxísticos, ambientais, patrimoniais, visuais e acústicos, pola proximidade ás casas.

• Impacto moi severo sobre as áreas de especial interese paisaxístico.

• Deterioración grave da paisaxe. Moi en particular, débense reconsiderar as máquinas 3 e 4.

• Impacto arqueolóxico moi severo.

Urbanísticas:

• Prodúcese unha transformación urbanística a favor da promotora e en detrimento da veciñanza e das comunidades rurais afectadas, que coa nova cualificación urbanística perden capacidade sobre a xestión de usos nos solos rústicos de protección de augas, de protección agropecuaria e de protección forestal.

• Distancias das poboacións ao PE.

Utilidade pública:

• Impacto económico e risco de ruína.

• Alegacións sobre os predios 160 e 162. Son eucaliptais e non labradíos. Prexuízo causado pola vía que cruzará o predio 160, partíndoo en dous, polo que pide que se compense o prezo xusto.

• Existe unha explotación de porcos na poboación de Rial e dúas explotacións industriais leiteiras de vaca.

• O EIA non considera as influencias sobre filóns e concesións mineiras da zona.

Outras:

• A evacuación do PE realizarase a través dunha SET prevista no PE Campelo, aínda en tramitación.

• Incongruencia nos datos técnicos das máquinas que se van instalar.

• Non se indica cal é a viabilidade económico-financeira do proxecto para as comunidades locais afectadas.

• O PE bloqueará un corredor de carga de auga de extinción de incendios dos medios aéreos nunha zona declarada polo Pladiga como de risco alto de incendio.

• Plan sectorial eólico de Galicia (PSEG) obsoleto, non democrático e vulnera o Convenio europeo da paisaxe.

• Solicita a inaplicación do PSEG con base na súa ilegalidade.

• Diversos escritos de oposición á DIA emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

• Solicítase o rexeitamento da solicitude e a súa retirada definitiva pola súa incompatibilidade cos valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos presentes na área de afección do proxecto e a falla de licenza social.

• Solicitude de moratoria na autorización de parques».

11. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Concello de Cabana de Bergantiños, Concello de Coristanco, Concello de Santa Comba, Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa), Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, EDP-Eólica Fontesilva, S.L. e UFD.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A. o 6.12.2020, Cellnex Telecom, S.A. o 5.3.2021, Concello de Cabana de Bergantiños o 17.2.2021, Concello de Coristanco o 22.1.2021, Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa) o 23.12.2020, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 8.1.2021 e o 2.5.2022, EDP-Eólica Fontesilva, S.L. o 4.12.2020, o 16.2.2021, o 29.6.2022 e o 13.9.2022.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

12. O 13.6.2022 a Xefatura Territorial da Coruña remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

13. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa), Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Concello de Cabana de Bergantiños, Concello de Coristanco e Concello de Santa Comba.

Formalizada a tramitación ambiental, o 11.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 11 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 225, do 25 de novembro).

14. O 2.12.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos durante o proceso de información pública, así como a documentación necesaria para dar cumprimento aos puntos 4.1.2, 4.1.3 e 4.1.4 da DIA (documentación para a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Augas de Galicia, respectivamente).

15. O 15.12.2022 Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U. presentou unha declaración responsable en que indica que o proxecto de execución e as separatas emitidas en relación coa versión do proxecto de execución sometido a exposición pública non implican alteracións nos alcances nin nos aspectos valorados e apuntados polos organismos que manifestaron os seus condicionados.

16. O 12.1.2023 e o 25.1.2023 Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U. presentou documentación para dar resposta aos puntos 4.1.2 e 4.1.4 de condicións particulares da DIA, polos que a promotora deberá contar previamente coa autorización administrativa, cos informes favorables de Augas de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

17. O 17.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Xefatura Territorial da Coruña un novo informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución do parque eólico, achegando como documentación adicional as separatas, informes favorables condicionados e a resposta de aceptación por parte da promotora.

18. O 18.1.2023 e o 26.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu a documentación achegada pola promotora, mencionada no antecedente de feito décimo sexto e solicitou os informes respectivos a Augas de Galicia e á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

19. O 27.1.2023 Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa) emitiu informe favorable en que indica «que se considera xustificado manter a gabia de cablaxe pola marxe planeada na documentación», en relación coa documentación achegada pola promotora o 12.1.2023.

20. O 16.2.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático presentou unha aclaración á DIA «No marco da declaración de impacto ambiental (DIA) do parque eólico O Cerqueiral (clave 2020/0019) detectouse que, na epígrafe Condicións particulares, para algunhas delas estableceuse que deben cumprirse previamente á autorización por ese órgano substantivo, porén, isto debe ser interpretado como ao inicio das obras».

21. O 23.2.2023 Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U. presentou acordo vinculante en relación co uso compartido da infraestrutura de evacuación, tal e como prescribe o artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro:

«Acordo de promotores para a tramitación, construción e explotación das infraestruturas necesarias para a conexión á rede de transporte de electricidade na subestación O Mesón do Vento 220 kV, titularidade de Red Eléctrica de España, S.A.U.».

22. O 10.3.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto do parque eólico no cal indica que «emite informe favorable sobre o proxecto en relación coa normativa de instalacións industriais e eléctricas».

23. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 27 MW, segundo os informes do xestor da rede do 29.9.2019 e do 8.6.2020.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais