Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 14 de abril de 2023 Páx. 23507

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico O Cerqueiral, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba, promovido por Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U. (expediente IN408A/2019/015).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico O Cerqueiral, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 15.3.2019 Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico O Cerqueiral (en diante, o parque eólico), sito nos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba (A Coruña).

Segundo. O 18.6.2019 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 19.6.2019 a promotora achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

Terceiro. O 23.1.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas solicitou informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio de acordo co previsto no artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Cuarto. O 23.1.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitiu o documento de inicio ambiental presentado polo promotor para os efectos de obter o documento de alcance a que fai referencia o artigo 34 da Lei 21/2013.

Quinto. O 20.2.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático comunicou a esta dirección xeral o inicio de trámite de consultas.

Sexto. O 22.4.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental e a relación de organismos que deben emitir informe, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 21/2013.

Sétimo. O 13.5.2020 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deben emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Oitavo. O 14.9.2020 o promotor, Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U. presentou o estudo de impacto ambiental.

Noveno. O 16.9.2020 esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico O Cerqueiral á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33.6 da Lei 8/2009.

Décimo. Mediante Acordo do 14 de outubro de 2020, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico O Cerqueiral nos concellos de Coristanco, Cabana de Bergantiños e Santa Comba (expediente IN408A 2019/15).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 11.11.2020 e no xornal La Voz de Galicia do 11.11.2020. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Coristanco, Cabana de Bergantiños e Santa Comba), e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Con data do 17.2.2023 a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación co resumo de alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, cuxo contido se transcribe:

«Ambientais:

• Falla de avaliación sinérxica e acumulada deste parque cos outros nove que hai dentro das ADE afectadas.

• Impacto sinérxico e acumulado de 9 parques eólicos.

• Negativa ao procedemento pola imposibilidade de inicialo como un PE autónomo.

• Fragmentación e sinerxías. A avaliación ambiental debería realizarse conxuntamente con outros parques da zona. Consideran nula a autorización administrativa deste parque.

• Non hai estudio de campo, realizouse sobre a bibliografía dispoñible.

• Que o EIA avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto.

• Que o estudo de impacto ambiental avalíe os impactos acumulativos e sinérxicos cos outros parques eólicos (autorizados ou proxectados, incluídas as repotenciacións), así como das restantes infraestruturas asociadas (tendidos eléctricos, subestacións, pistas de acceso, etc.), nun raio de 10-15 quilómetros.

• Impacto acústico severo para os veciños e os animais, non avaliado adecuadamente no EIA.

• Que se exixa ao promotor do proxecto o cumprimento das recomendacións de SEO/BirdLife e da Sociedad Española para la Conservación y Estudio de los Murciélagos.

• Que se exixa ao promotor a implementación dun programa de vixilancia ambiental rigoroso.

• Rexeitamento do proxecto por impactos moi severos e/ou inadmisibles.

• Falla de retorno social e licenza social.

• Que se fagan públicos determinados documentos de xestión ambiental en relación coa centáurea e as rapinas esteparias para o coñecemento da cidadanía e se someta o proxecto novamente a exposición pública tras a publicación deses documentos.

• Que se declare o impacto das máquinas (principalmente a AE-04) como non compatibles e se impida a súa localización, ben pedindo ao promotor que procure novas localizacións ou as suprima do proxecto. Na súa falta, que se exixa reformulación e medidas correctoras para os impactos non compatibles, principalmente o ruído e a alteración do descanso nocturno.

• Impacto acústico moi severo.

• Contaminación luminosa polo balizamento dos aeroxeradores.

• Risco de accidentes por condicións climatolóxicas.

• Impacto sobre a saúde das persoas.

• Afección a augas e ás especies de anfibios asociados: Rego de Boaña e Rego de Bordesca.

• Impacto sobre as augas soterradas.

• O EIA non considera a influencia sobre flora e fauna e, en particular, sobre a fauna da Lagoa de Fonte Cova.

• Deforestación prevista.

• Impacto severo sobre hábitats naturais.

• Impactos paisaxísticos, ambientais, patrimoniais, visuais e acústicos, pola proximidade ás casas.

• Impacto moi severo sobre as áreas de especial interese paisaxístico.

• Deterioración grave da paisaxe. Moi en particular, débense reconsiderar as máquinas 3 e 4.

• Impacto arqueolóxico moi severo.

Urbanísticas:

• Prodúcese unha transformación urbanística a favor da promotora e en detrimento da veciñanza e das comunidades rurais afectadas, que coa nova cualificación urbanística perden capacidade sobre a xestión de usos nos solos rústicos de protección de augas, de protección agropecuaria e de protección forestal.

• Distancias das poboacións ao PE.

Utilidade pública:

• Impacto económico e risco de ruína.

• Alegacións sobre os predios 160 e 162. Son eucaliptais e non labradíos. Prexuízo causado pola vía que cruzará o predio 160, partíndoo en dous, polo que pide que se compense o prezo xusto.

• Existe unha explotación de porcos na poboación de Rial e dúas explotacións industriais leiteiras de vaca.

• O EIA non considera as influencias sobre filóns e concesións mineiras da zona

Outras:

• A evacuación do PE realizarase a través dunha SET prevista no PE Campelo, aínda en tramitación.

• Incongruencia nos datos técnicos das máquinas que se van instalar.

• Non se indica cal é a viabilidade económico-financeira do proxecto para as comunidades locais afectadas.

• O PE bloqueará un corredor de carga de auga de extinción de incendios dos medios aéreos nunha zona declarada polo Pladiga como de risco alto de incendio.

• Plan sectorial eólico de Galicia (PSEG) obsoleto, non democrático e vulnera o Convenio europeo da paisaxe.

• Solicita a inaplicación do PSEG con base na súa ilegalidade.

• Diversos escritos de oposición á DIA emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

• Solicítase o rexeitamento da solicitude e a súa retirada definitiva pola súa incompatibilidade cos valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos presentes na área de afección do proxecto e a falla de licenza social,

• Solicitude de moratoria na autorización de parques».

Décimo primeiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Concello de Cabana de Bergantiños, Concello de Coristanco, Concello de Santa Comba, Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa), Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, EDP-Eólica Fontesilva, S.L. e UFD.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A. o 6.12.2020, Cellnex Telecom, S.A. o 5.3.2021, Concello de Cabana de Bergantiños o 17.2.2021, Concello de Coristanco o 22.1.2021, Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa) o 23.12.2020, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 8.1.2021 e o 2.5.2022, EDP-Eólica Fontesilva, S.L. o 4.12.2020, o 16.2.2021, o 29.6.2022 e o 13.9.2022.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo segundo. O 13.6.2022 a Xefatura Territorial da Coruña remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

Décimo terceiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa), Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Concello de Cabana de Bergantiños, Concello de Coristanco e Concello de Santa Comba.

Formalizada a tramitación ambiental, o 11.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 11 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 225, do 25 de novembro).

Décimo cuarto. O 2.12.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, así como a documentación necesaria para dar cumprimento aos puntos 4.1.2, 4.1.3 e 4.1.4 da DIA (documentación para a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Augas de Galicia, respectivamente).

Décimo quinto. O 15.12.2022 Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U. presentou unha declaración responsable en que indica que o proxecto de execución e as separatas emitidas en relación coa versión do proxecto de execución sometido a exposición pública non implican alteracións nos alcances nin nos aspectos valorados e apuntados polos organismos que manifestaron os seus condicionados.

Décimo sexto. O 12.1.2023 e o 25.1.2023 Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U. presentou documentación para dar resposta aos puntos 4.1.2 e 4.1.4 de condicións particulares da DIA, polos que o promotor deberá contar previamente coa autorización administrativa, cos informes favorables de Augas de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Décimo sétimo. O 17.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Xefatura Territorial da Coruña un novo informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución do parque eólico, achegando como documentación adicional as separatas, informes favorables condicionados e a resposta de aceptación por parte do promotor.

Décimo oitavo. O 18.1.2023 e o 26.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu a documentación achegada polo promotor, mencionada no antecedente de feito décimo sexto e solicitou os informes respectivos a Augas de Galicia e á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Décimo noveno. O 27.1.2023 Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa) emitiu informe favorable no cal indica «que se considera xustificado manter a gabia de cablaxe pola marxe planeada na documentación», en relación coa documentación achegada polo promotor o 12.1.2023.

Vixésimo. O 16.2.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático presentou unha aclaración á DIA «No marco da declaración de impacto ambiental (DIA) do parque eólico O Cerqueiral (clave 2020/0019) detectouse que, na epígrafe Condicións particulares, para algunhas delas estableceuse que deben cumprirse previamente á autorización por ese órgano substantivo, porén, isto debe ser interpretado como ao inicio das obras».

Vixésimo primeiro. O 23.2.2023 Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U. presentou acordo vinculante en relación co uso compartido da infraestrutura de evacuación, tal e como prescribe o artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro:

«Acordo de promotores para a tramitación, construción e explotación das infraestruturas necesarias para a conexión á rede de transporte de electricidade na subestación O Mesón do Vento 220 kV, titularidade de Red Eléctrica de España, S.A.U.».

Vixésimo segundo. O 10.3.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto do parque eólico en que indica que «emite informe favorable sobre o proxecto en relación coa normativa de instalacións industriais e eléctricas».

Vixésimo terceiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 27 MW, segundo os informes do xestor da rede do 29.9.2019 e do 8.6.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, resumidas no antecedente de feito décimo, o 17.2.2023 a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta destas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución.

«a) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o “mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I”. O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados. Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que serán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as “Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que estean a menos de 2 quilómetros doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental”. Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria). Por outra parte, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto “fraccionamento” dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas. O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 5 quilómetros dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parques eólicos Silvarredonda, Fonte Silva, Ampliación de Fonte Silva e Zas-Meda, en funcionamento, así como Campelo, Monte Toural e Barilongo, en tramitación, e as súas liñas de evacuación. Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que “... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter una consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede”. Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares de ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, “non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais”. Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo e a redución das superficies afectadas polas instalacións. No que respecta á definición de instalacións de conexión a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións. Neste caso concreto, o parque eólico O Cerqueiral comparte infraestruturas de evacuación co parque eólico Campelo, o que non impide que os dous parques que comparten evacuación teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

b) En relación co órgano competente para resolver este procedemento remítese ao exposto no fundamento de dereito número un. Así mesmo, indícase que, de acordo co artigo 3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, corresponden á Administración xeral do Estado, a competencia de autorizar instalacións peninsulares de produción de enerxía eléctrica, incluíndo as súas infraestruturas de evacuación, cando a potencia eléctrica instalada é superior a 50 MW eléctricos.

c) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, hai que indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 11.11.2022, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao cal o proxecto foi sometido recibíronse informes dos seguintes organismos: concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco, direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia Turismo de Galicia e de Augas de Galicia.

d) En canto á solicitude de publicación de determinada documentación de carácter ambiental, a solicitude foi trasladada ao órgano competente.

e) A exixencia de instalación de balizas luminosas e as súas características vén establecida pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

f) O proxecto cumpre con todas as exixencias legais aplicables en materia de seguridade dos equipamentos.

g) No expediente constan informes da Dirección Xeral de Saúde Pública do 7.5.2021 e do 18.4.2022, que consideran satisfeitos os requisitos exixibles sobre os posibles impactos que puidesen ter unha repercusión na saúde humana.

h) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 8.1.2021 e o 2.5.2022 de que “as obras causarán afeccións ao monte Olveira, propiedade do Concello de Cabana de Bergantiños, e ao monte Campelo, propiedade da Xunta de Galicia. Trátase de dous montes patrimoniais. (...) para estes proxectos o cambio de clasificación debería limitarse ás superficies de afección directa dos aeroxeradores e vías, co obxecto de non perder potencial para a produción forestal nos arredores.

i) En relación cos riscos de incendios forestais, a Dirección Xeral de Defensa do Monte emitiu informe favorable o 14.10.2022, tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas (mantemento permanente do acceso dos medios dos servizos de prevención de incendios forestais).

j) No que respecta á afección á paisaxe, o Instituto de Estudos do Territorio emitiu o 14.12.2020 e o 21.12.2021 informes nos cales considera cumprido o disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008 de protección da paisaxe de Galicia.

k) En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Cultura emitiu o 4.2.2021 e o 27.9.2021 informe favorable sobre a documentación presentada polo promotor, co cumprimento de determinadas condicións.

l) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 13.5.2020.

m) En particular, no que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 13.5.2020, recóllese que “Logo de comprobar o planeamento vixente nos concellos afectados (Coristanco, PXOM AD 3.12.2015; Cabana de Bergantiños, PXOM AD 9.6.1996; Santa Comba, PXOM AD 5.4.2001) e as coordenadas UTM (Datum ETRS 89) dos aeroxeradores que compoñen o parque recollidas no número 1.3.2 da memoria do proxecto, conclúese que todas as posicións cumpren a distancia mínima de 500 m regulada no punto 3.1 do PSEGA respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable”.

n) En relación coa falta de utilidade pública do proxecto, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares de ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña.

ñ) Sobre as características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas a determinación efectiva das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

o) No que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, só no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

p) Así mesmo, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, hai que indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

q) A influencia sobres as concesións mineiras existentes na zona analizarase durante o procedemento de compatibilidade entre ambos os aproveitamentos.

r) O dereito de participación da cidadanía está garantido polo proceso de información pública incluído no procedemento de autorización administrativa.

s) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en canto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que “en canto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei”. Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

t) Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e o Acordo publicouse no DOG do 15.12.1997. Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

u) En ambos os casos se cumpriu co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal. Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira Lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

v) Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, hai que expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

w) En relación cos escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 11.11.2022, segundo o establecido no artigo 42 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto».

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico O Cerqueiral, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 11.11.2022, e recollida no antecedente de feito décimo terceiro desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu «formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico O Cerqueiral, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico O Cerqueiral.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6 Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico O Cerqueiral, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba (A Coruña), promovido por Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U., para unha potencia de 27 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico O Cerqueiral, composto polo documento Proxecto de execución do parque eólico O Cerqueiral nos termos municipais de Coristanco, Cabana de Bergantiños e Santa Comba (A Coruña), asinado pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez en decembro de 2021 (colexiada nº 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste).

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U.

Enderezo social: praza María Pita, nº 10, 1º, A Coruña.

Denominación: parque eólico O Cerqueiral.

Potencia instalada: 27 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 27 MW.

Produción neta: 88.758 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.287 horas.

Concellos afectados: Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba (A Coruña).

Orzamento de execución: 19.465.560,60 €.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS 89)

X

Y

1

512.875

4.775.786

2

513.875

4.775.786

3

513.875

4.775.286

4

514.384

4.775.286

5

514.393

4.774.536

6

514.981

4.774.532

7

515.430

4.775.433

8

519.496

4.772.721

9

519.549

4.774.891

10

517.875

4.776.293

11

517.275

4.776.288

12

517.275

4.776.036

13

515.853

4.776.034

14

515.875

4.777.784

15

512.371

4.777.781

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS 89)

X

Y

AE 01

514.479

4.776.586

AE 02

514.711

4.776.090

AE 03

514.721

4.775.451

AE 04

514.728

4.775.001

AE 05

517.367

4.775.476

AE 06

517.756

4.774.807

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre medición

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS 89)

X

Y

TM1

514.767

4.775.220

Coordenadas do centro colector e da súa poligonal envolvente:

Centro colector e envolvente

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS 89)

X

Y

Centro colector

517.797

4.775.051

1

517.792

4.775.064

2

517.809

4.775.046

3

517.801

4.775.039

4

517.784

4.775.056

Cela de entrada da SET Campelo:

SET Campelo

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS 89)

X

Y

SET

519.283

4.774.646

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

1. 6 aeroxeradores, cunha altura ata a buxa de 111 m e un diámetro de rotor de 136 m, con xerador síncrono de 4,5 MW potencia nominal unitaria e cos seus correspondentes centros de transformación montados en góndola con potencia unitaria de 5.000 kVA de relación de transformación de 0,69/30 kV, montados sobre fuste tubular metálico e coas súas correspondentes aparellaxes de seccionamento, manobra e protección.

2. Rede eléctrica soterrada a 30 kV composta por:

a) 3 circuítos colectores con condutores tipo RHZ1-OL 18/30 kV (Al); circuíto 1 de 2x(3x400) mm2 e 6.446 m de lonxitude, entre os centros de transformación dos aeroxeradores 1, 2, 3 e 4 e o centro colector e de control do parque eólico; circuíto 2 de 1x(3x240) mm2 e 779 m de lonxitude, entre o centro de transformación do aeroxerador 5 e o centro colector e de control do parque eólico, e circuíto 3 de 1x(3x240) mm2 e 394 m de lonxitude entre o centro de transformación do aeroxerador 06 e o centro colector e de control do parque eólico.

b) 1 circuíto de saída, circuíto de evacuación, con condutor de 2.554 m de lonxitude, tipo RHZ1-OL 18/30 kV (Al) 2x(3x400) mm2, con orixe no centro colector proxectado e final na SET Campelo do PE Campelo (IN661A 2011/16). O último tramo da cablaxe desta liña irá por gabia proxectada no mencionado PE Campelo.

3. Centro colector e de control en envolvente prefabricada que conterá un trafo para servizos auxiliares de 50 kVA e 6 celas coa seguinte configuración: cela protección servizos auxiliares, cela de entrada (circuíto 1), cela de entrada (circuíto 2), cela de entrada (circuíto 3), cela de protección xeral e cela de medida e saída de evacuación.

4. Rede de terras xeral con condutor Cu-50 mm2, de xeito que as instalacións electromecánicas e centro de control/colector do parque eólico forman un conxunto equipotencial.

5. Torre meteorolóxica de 98 m de altura.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 145.992 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental e na aclaración do 16.2.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e de Augas de Galicia, de acordo cos puntos 4.1.2, 4.1.3 e 4.1.4 da DIA.

5. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto autorizado pola presente resolución, a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

10. No caso de que se manifesten perturbacións na recepción do sinal da TDT directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Greenalia Wind Power O Cerqueiral, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 11.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais