Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 12 de abril de 2023 Páx. 23003

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 30 de marzo de 2023 pola que se clasifica como mixta a Fundación O Castro.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación O Castro con domicilio na praza da Constitución, número 5, en Betanzos (A Coruña).

Feitos:

1. O 7 de xuño de 2021, Wifredo Luis Meléndrez Sancosmed, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación O Castro constituíuna Wifredo Luis Meléndrez Sancosmed, mediante escritura pública outorgada o 30 de abril de 2021, ante o notario de Betanzos (A Coruña) Óscar Manuel López Doval, co número 422 do seu protocolo.

Tras o requirimento do 11 de agosto de 2021, o 7 de setembro de 2022 o fundador achega as escrituras do 13 de xaneiro e do 2 de setembro de 2022, outorgadas tamén en Betanzos, ante o notario anteriormente indicado, cos números 84 e 2.100 respectivamente do seu protocolo, que emendan a primeira escritura.

O 22 de setembro de 2022 emitiuse un novo requirimento que foi respondido cos escritos do 30 de setembro de 2022 e do 3 de febreiro de 2023. Este último inclúe unha nova escritura de rectificación outorgada o 3 de xaneiro de 2023, na mesma localidade das anteriores e ante o mesmo notario, co número 21 do seu protocolo.

3. A Fundación, consonte o artigo 5 dos seus estatutos, ten por obxecto:

«a) Fins culturais: a recuperación e a conservación do patrimonio arquitectónico e dos oficios tradicionais, e o desenvolvemento económico, industrial e comercial das vilas históricas de Galicia. Fomentar o deseño, a pintura, a escultura, a fotografía, a arquitectura, o interiorismo e a artesanía nas súas diferentes formas.

b) Fins sociais: fomentar a igualdade de xénero e/ou raza, especialmente levando a cabo actividades que contribúan a unha empregabilidade de calidade e diversidade e á procura de autonomía económica dos individuos, especialmente mulleres e mozos.

c) Fins asistenciais: buscar a capacitación de persoas con limitacións, tanto en ámbitos ordinarios como protexidos, co fin de favorecer a súa integración laboral e económica nunha contorna social en igualdade e inclusiva.

d) Fins de fomento da economía social e produtiva de Galicia: a través da industrialización do medio rural mediante actividades vinculadas ao sector agroalimentario, e á recuperación da industria de teares-téxtil e a vitícola.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Wifredo Luis Meléndrez Sancosmed, como presidente; Javier Aguilera Navarro, como secretario; e Jaime Pita Varela, como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como mixta da Fundación O Castro, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 13 de marzo de 2023,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación O Castro, adscribíndoa ao protectorado da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, poderase interpoñer recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes