Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 12 de abril de 2023 Páx. 23006

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 24 de marzo de 2023 pola que se modifica a autorización do centro privado estranxeiro Semente Trasancos de Neda.

Mediante a Orde do 25 de outubro de 2019 autorízase a apertura e funcionamento temporal do centro privado estranxeiro Semente Trasancos, de Neda, para impartir as ensinanzas de Pre-School Section e de Elementary Section do sistema educativo dos Estados Unidos de América, prorrogada mediante a Orde do 13 de novembro de 2020.

A titularidade do centro solicita unha prórroga da autorización temporal e achega un certificado de renovación da elixibilidade do 31 de agosto de 2021, con validez ata o 31 de agosto de 2023, emitido pola New England Association of Schools & Colleges/Commission on International Education (NEASC/CIE) autorizando as seccións de Pre-School Section (de 3 a 6 anos), que se corresponde co segundo ciclo da educación infantil do sistema educativo de España, para un máximo de 20 estudantes e de Elementary Section (de 6 a 12 anos), que se corresponde coa etapa de educación primaria, para un máximo de 30 estudantes.

O Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación informa que non se aprecia ningunha disposición que impida o establecemento dun centro docente para impartir as ditas ensinanzas e tendo en conta o principio de reciprocidade, non existe inconveniente para a autorización.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e a Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Prórroga da autorización temporal

Prorrogar a autorización temporal do centro privado estranxeiro Semente Trasancos, de Neda, para impartir as ensinanzas de Pre-School Section (de 3 a 6 anos) e as de Elementary Section (de 6 a 12 anos) do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

Os datos do centro son os que se detallan a seguir:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPREX).

Denominación específica: Semente Trasancos.

Código do centro: 15033216.

Domicilio: Aldea Roxal, 36.

Código postal: 15510.

Localidade: Neda (San Nicolás).

Concello: Neda.

Provincia: A Coruña.

Titular: Asociación Semente Trasancos.

Ensinanzas que se autorizan con carácter temporal do sistema educativo dos Estados Unidos de América:

Pre-School Section para un máximo de 20 estudantes.

Elementary Section para un máximo de 30 estudantes.

Alumnado: español e estranxeiro.

Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveles equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo español con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 3. Requisitos do profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 2 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 4. Validez da autorización

A prórroga da autorización temporal que se cita no artigo 1, terá validez ata o 31 de agosto de 2023, conforme o certificado emitido pola New England Association of Schools & Colleges.

A partir desta data, a autorización dependerá dunha nova inspección dos servizos da Embaixada dos Estados Unidos de América.

Artigo 5. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades