Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 10 de abril de 2023 Páx. 22680

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 4 de abril de 2023 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal da empresa que presta servizos de limpeza no Hospital Abente y Lago da Coruña, que se desenvolverá con carácter indefinido a partir do día 11 de abril de 2023.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito tanto na Administración como nas empresas privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O desempeño da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este, o que implica a necesidade de conxugar o citado exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, en prol de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A organización Confederación Intersindical Galega (CIG) comunicou a convocatoria dunha folga do persoal da empresa Lacera Servicios y Mantenimiento, S.A., que presta servizos de limpeza no Hospital Abente y Lago da Coruña, que se desenvolverá con carácter indefinido a partir do día 11 de abril de 2023.

Dado que a folga afectará o servizo de limpeza do dito centro, resulta obvio que a suspensión da dita actividade pode implicar niveis de contaminación que porían en risco a saúde tanto das persoas doentes e usuarias como dos e das profesionais deste tipo de institucións. Polo tanto, esta soa circunstancia determina de seu a procedencia de fixar servizos mínimos.

Con base no que antecede e logo da audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. A folga referida na parte expositiva, dado o seu carácter indefinido, entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos segundo os criterios que se establecen nesta orde.

a) Días laborables:

I. Áreas de urxencias, laboratorio de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, UCI, área cirúrxica, reanimación poscirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía, hospital de día e diálise: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

II. Áreas de radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización: o persoal preciso para garantir o 70 % das presenzas e prestación de limpeza habituais actualmente.

III. Restantes áreas: o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

Respecto dos puntos II e III, os efectivos de servizos mínimos que resulten das ditas garantías (70 % ou 50 %) poderán ampliarse sempre que se xustifique que resulta estritamente necesario para evitar riscos inminentes para a saúde. Neste caso, a xustificación debe constar nun informe elaborado para os ditos efectos.

b) Domingos e días festivos: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais nos ditos días.

Debido á hixiene necesaria para a prestación dos servizos sanitarios, neste eido sempre resulta preciso garantir con carácter xeral que as instalacións estean en perfectas condicións de limpeza e hixiene, no que atinxe a zonas de hospitalización de doentes, vestiarios de persoal, áreas críticas, servizos de urxencias e quirófanos, así como nas zonas comúns de uso xeral, pois as eventuais diminucións dos parámetros de limpeza nalgunha destas pode incidir directamente tamén nas demais.

2. A determinación do persoal necesario con base nos criterios anteriores faraa a empresa de modo coordinado coa Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee, e a súa fixación deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe contar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No anexo desta orde recóllese o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga.

3. Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

4. O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

5. Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Servizo de limpeza do Hospital Abente y Lago*.

Mañá

Tarde

Noite

Luns-venres

Sábado

Domingo

Luns-venres

Sábado

Domingo

Luns-domingo

8

6

6

7

2

2

1

* A unidade (1) equivale á presenza dun efectivo a xornada completa.