Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 10 de abril de 2023 Páx. 22684

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2023 pola que se dá publicidade á encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas para a xestión das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de construción dun novo centro de saúde no concello de Meis (Pontevedra).

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á Resolución da Consellería de Sanidade, do 22 de marzo de 2023, pola que se encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de construción do novo centro de saúde de Meis (Pontevedra).

– Actividades que realizará a Axencia Galega de Infraestruturas:

1. A dirección da redacción do proxecto con base no plan funcional redactado polo Servizo Galego de Saúde, así como a supervisión e aprobación técnica do proxecto.

2. Realizar os actos e negocios xurídicos propios da preparación, selección de contratista, adxudicación e execución dos contratos que sexan precisos para cumprir o obxecto da encomenda e, nomeadamente, os de redacción de proxecto, obra, dirección da obra, dirección de execución material e coordinación de seguridade e saúde.

3. Con base no establecido no artigo 62 da LCSP, asumir a función de responsable do contrato, para o que o órgano de contratación designará unha persoa física ou xurídica vinculada a esta Axencia, a quen corresponderá supervisar a súa execución, adoptar as decisións e ditar as instrucións necesarias co fin de asegurar a correcta realización da prestación pactada, dentro do ámbito de facultades que o órgano de contratación lle atribúa.

4. Convocar o Servizo Galego de Saúde para que designe unha persoa representante, que asistirá ao acto de recepción das obras, en que se levará a cabo a súa entrega.

5. Calquera competencia que lle corresponda en virtude da normativa de aplicación.

A Axencia, no desenvolvemento da actividade encomendada, seguirá as directrices e instrucións da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, aos cales lles corresponden os poderes de verificación e control da encomenda.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: a encomenda ten natureza de encarga a medio propio, de acordo co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Tal condición de medio propio vén recollida no artigo 5 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos.

– Prazo de vixencia: desde o día seguinte ao da súa sinatura ata a data de finalización do prazo de garantía da obra.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade