Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 3 de abril de 2023 Páx. 21967

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2022/126-4).

Expediente: IN407A 2022/126-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: regulamentación SDM711 do apoio A2UV1VW3//D54-11 ao A2W6FL8U//54-15.

Situación: Vigo.

Feitos:

Primeiro. O 3 de abril de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada regulamentación SDM711 do apoio A2UV1VW3//D54-11 ao A2W6FL8U//54-15.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a retirada do apoio A2V0PAXD//D54-13 e a substitución dos apoios A2UV1VW3//D54-11, A2V59RJF//D54-12, A2VSGIBS//D54-14 e A2W6FL8U//D54-15 por tres apoios metálicos de tipo C 1000/14 e un apoio metálico de tipo C 1000/16. Como consecuencia destes cambios, téndese un novo tramo de 434 metros de lonxitude de liña de media tensión aérea (LMTA) entre os apoios proxectados. As actuacións están previstas no lugar de Cedeiras, no concello de Vigo (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, o Servizo do Patrimonio Cultural de Pontevedra e Telefónica de España, S.A.U. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Vigo e Telefónica de España, S.A.U.

O Servizo de Patrimonio Cultural notificou a resolución favorable para a regulamentación do tramo aéreo da LMT SDM711 da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 19 de maio de 2022 que foi comunicada á empresa promotora.

Terceiro. Mediante escrito do 18 de xullo de 2022, esta xefatura territorial notificoulles a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 18 de xullo de 2022, publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 11 de agosto de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 11 de agosto de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións de María del Pilar Álvarez Simón. Nestas alegacións, aproveitando a substitución do apoio que está na súa parcela, propón que o novo apoio se sitúe na cabeceira da parcela, reducindo así a súa afección.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora que indica a imposibilidade de situar o apoio onde indica a afectada porque variaría o trazado existente afectando novas parcelas.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial á vista da documentación contida no expediente analizaron todas as alegacións presentadas, e emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión en que non se xustifica por parte da alegante o cumprimento do artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Substitución de catro apoios con matrícula A2UV1VW3//D54-11, A2V59RJF//D54-12, A2VSGIBS//D54-14 e A2W6FL8U//D54-15 por tres apoios metálicos tipo C-1000-14 e un apoio metálico tipo C-1000-16. Retirada do apoio existente con matrícula A2VOPAXD//D54-13. Instalación dunha liña de media tensión aérea (LMTA) a 15 kV, con condutor LA-56 de 434 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente A2ULB671//D54-10 e final no apoio proxectado A2W6FL8U//D54-15. As instalacións están situadas no lugar de Cedeiras, na parroquia de Sárdoma, no concello de Vigo (Pontevedra).

Cuarta. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1995/200, do 1 de decembro. O trazado proposto non cumpren co conxunto das epígrafes do mencionado artigo. En todo caso, considerarase non admisible a variante cando o custo desta sexa superior nun 10 % ao orzamento da parte da liña afectada pola variante.

Ademais, pódese deducir a posibilidade de que o trazado alternativo afecte a outras persoas ou organismos, que poden igualmente opoñerse ao dito cambio.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada regulamentación SDM711 do apoio A2UV1VW3//D54-11 ao A2W6FL8U//54-15 (expediente IN407A 2022/126-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 9 de marzo de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra