Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 14 de marzo de 2023 Páx. 17797

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Ventumelo, sito nos concellos da Pobra de Trives e San Xoán de Río (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo), e promovido por Wind Hero, S.L. (expediente IN408A 2019/079).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Wind Hero, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Ventumelo, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 3.10.2019, a promotora, Wind Hero, S.L., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Ventumelo, sito nos concellos da Pobra de Trives e San Xoán de Río (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo). O 7.2.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle á promotora a admisión a trámite da dita solicitude.

Segundo. O 24.9.2020, esta dirección xeral solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia) ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia de territorio.

Terceiro. O 2.12.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Cuarto. O 7.4.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que indica o procedemento ambiental que se debe seguir e os organismos que hai que consultar durante a fase de información pública.

Quinto. O 25.6.2021, Wind Hero, S.L. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico Ventumelo (expediente IN408A/2019/079), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. O 17.8.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora a admisión a trámite da dita solicitude de modificación substancial.

Sexto. O 31.8.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia (Psega) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Sétimo. Mediante a Resolución do 30 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e o estudo de impacto ambiental do parque eólico Ventumelo, nos concellos da Pobra de Trives, San Xoán de Río (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo), e promovido por Wind Hero, S.L. (expediente IN408A 2019/079).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 11.10.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Pobra de Trives, San Xoán de Río e Ribas de Sil), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da xefaturas territoriais de Ourense e de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

A seguir, resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, as cales se recollen no anexo desta proposta:

– Vulneración flagrante da Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación de hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

– Graves e significativos impactos ambientais.

– Afección moi severa e prexuízos moi significativos para os recursos hídricos.

– Afección severa e prexuízos irreversibles para o sistema de brañas da zona de afección do proxecto.

– Afección severa ás briófitas e a afloramentos rochosos sen caracterizar.

– Afección severa e danos irreparables para a área delimitada como BIC da paisaxe cultural da Ribeira Sacra.

– Prexuízos significativos e irreparables para o bosque de ribeira e o bosque autóctono galego.

– Prexuízos significativos e irreparables para a avifauna.

– Prexuízos significativos para o lobo. Plan de xestión do lobo de Galicia.

– Afección severa e irreversible ao benestar dás familias que viven, residen e traballan nos núcleos rurais afectados.

– Afección aos montes e ás explotacións forestais, madeireiras e agrogandeiras.

– Fragmentación en proxectos independentes do que sería un plan industrial eólico para a mesma área xeográfica. Fragmentación artificiosa dos parques eólicos desenvolvidos por Wind Grower, S.L. e Wind Hero, S.L. (parques eólicos Treboada e Ventumelo).

– Desde o punto de vista urbanístico, o proxecto eólico Ventumelo é incompatible. A promotora pretende unha recualificación urbanística non amparada legalmente en relación co solo rústico de protección forestal, co solo rústico de protección de leitos, co solo rústico de protección paisaxística e co solo rústico de protección de espazos naturais.

– O Plan sectorial eólico de Galicia é un regulamento que non está adaptado á actual normativa de avaliación de impacto ambiental e que está desfasado, caduco e obsoleto, que carece de avaliación ambiental estratéxica e cuxo texto non chegou a ser publicado no Diario Oficial de Galicia. Por outra banda, tampouco está adaptado ao establecido no Convenio europeo da paisaxe.

– O rexeitamento das solicitudes de autorización administrativa e a súa retirada definitiva, pola súa incompatibilidade cos valores ambientais e paisaxísticos presentes na área de afección do proxecto e a falla de licenza social.

Oitavo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no punto 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Retevisión I, S.A.U., Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Obras, Caminos y Asfaltos, S.A, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Concello da Pobra de Trives, Concello de San Xoán de Río e Deputación Provincial de Ourense.

A seguir, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A. o 20.11.2021, Retevisión I, S.A.U. o 18.10.2021, Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. o 3.11.2021, Concello de San Xoán de Río o 26.11.2021 e Deputación Provincial de Ourense o 26.11.2021.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Noveno. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Concello da Pobra de Trives, Concello de San Xoán de Río e Concello de Ribas de Sil.

Cumprida a tramitación ambiental, o 8.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 9 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 224, do 24 de novembro).

Décimo. O 6.10.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora o proxecto de execución refundido resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo primeiro. O 23.10.2022, Wind Hero, S.L. presentou acordo vinculante entre Wind Hero, S.L. como promotora do parque eólico Ventumelo e o resto de promotores con acceso ao nó Trives 220 kV, para o uso compartido das infraestruturas de evacuación na subestación Treboada e a liña 220 kV Treboada-Trives.

Décimo segundo. O 31.10.2022, Wind Hero, S.L. presentou a documentación técnica refundida mencionada no antecedente de feito décimo.

Décimo terceiro. O 10.11.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora as separatas técnicas refundidas resultantes como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo cuarto. O 24.11.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico favorable, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Décimo quinto. O 13.12.2022, Wind Hero, S.L. presentou declaración responsable en que indica que o proxecto de execución refundido, presentado o 31.10.2022 e mencionado no antecedente de feito décimo segundo, non orixina novas afeccións respecto ás separatas xa informadas no proxecto de execución sometido a información pública, polo que non é necesario solicitar novo informe aos devanditos organismos.

Décimo sexto. O 21.12.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido por estar afectado pola poligonal do parque eólico, en que indica que a infraestrutura do parque eólico de Ventumelo non se atopa dentro da provincia de Lugo, polo que non procede a emisión de informe por parte desta xefatura.

Décimo sétimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 50 MW, segundo os informes do xestor da rede do 15.11.2019 e do 24.3.2021.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo 1 desta resolución, e resumidas no antecedente de feito sétimo, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas se tiveron en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 8.11.2022, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.

2. Con respecto á fragmentación do expediente do parque eólico Ventumelo (IN408A 2019/079) con outros proxectos industriais, cómpre efectuar as seguintes consideracións:

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria). Dito noutras palabras, as presuntas vantaxes que desde o punto de vista da tramitación ambiental podería ter un fraccionamento non son tales, xa que a existencia doutros parques eólicos nas proximidades obriga á realización do trámite ambiental ordinario para o novo parque.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban incluír os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O estudo de impacto ambiental do parque eólico obxecto da presente resolución inclúe un estudo dos efectos sinérxicos con parques eólicos e liñas de evacuación situadas na súa contorna.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, pois reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, o parque eólico Ventumelo comparte infraestruturas de evacuación cos outros parques eólicos, o que non impide que os ditos parques teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

Tal e como se menciona no antecedente de feito décimo primeiro, o 23.10.2022 Wind Hero, S.L. presentou acordo vinculante entre Wind Hero, S.L. como promotora do parque eólico Ventumelo e o resto de promotores con acceso ao nó Trives 220 kV, para o uso compartido das infraestruturas de evacuación na subestación Treboada e a liña 220 kV Treboada-Trives, tal e como prescribe o artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, modificado polo Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

3. As alegacións de carácter urbanístico, relativas á cualificación do solo correspondente aos terreos afectados, serán consideradas no momento de proceder á resolución da aprobación do proxecto de interese autonómico.

4. No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe un novo, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e o acordo publicouse no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5 de decembro de 2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse á avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Por tanto, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Ventumelo, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 8.11.2022, e recollida no antecedente de feito noveno desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Ventumelo, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA.

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Ventumelo.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Ventumelo, sito nos concellos da Pobra de Trives e San Xoán de Río (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo), e promovido por Wind Hero, S.L., para unha potencia de 50 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Ventumelo, composto polo documento Proxecto de execución modificado nº 1 refundido parque eólico Ventumelo. Outubro 2022, asinado polo enxeñeiro industrial Luis Antonio González-Viso Pulido (colexiado nº 1.575 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado no referido colexio co nº 20223180, do 21.10.2022.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Wind Hero, S.L.

Enderezo social: rúa Cala Bona, nº 19, 07009 Palma (Illes Balears).

Denominación: parque eólico Ventumelo.

Potencia instalada: 50 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 50 MW.

Produción neta: 154.940 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.099 h.

Concellos afectados: A Pobra de Trives e San Xoán de Río (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo).

Orzamento de execución material: 37.744.203 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A

639.219

4.698.276

B

639.219

4.693.164

C

640.205

4.693.164

D

640.205

4.690.870

E

643.854

4.693.805

F

643.718

4.694.305

G

644.155

4.694.415

H

643.771

4.695.952

I

643.335

4.695.843

J

642.855

4.697.765

K

642.855

4.698.276

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

Potencia nominal unitaria (MW)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

V-1

640.433

4.697.186

4

V-2

640.656

4.696.688

4

V-3

639.929

4.695.211

4,2

V-4

639.879

4.694.800

4,2

V-5

640.083

4.694.466

4,2

V-6

642.325

4.697.109

4,2

V-7

642.558

4.696.741

4,2

V-8

642.837

4.696.365

4,2

V-9

643.017

4.695.992

4,2

V-10

643.368

4.695.614

4,2

V-11

643.628

4.695.161

4,2

V-12

643.769

4.694.844

4,2

Coordenadas das torres metereolóxicas do parque eólico:

Torre met.

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM-V1

642.616

4.696.522

TM-V2

640.049

4.695.417

Coordenadas do centro de seccionamento e medida e da arqueta fin do parque eólico:

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

CSM

640.083

4.694.466

Arqueta

639.220

4.693.165

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 12 aeroxeradores modelo V150 de 4,2 MW (10 ud.) e 4,0 MW (2 ud.) de potencia nominal unitaria do fabricante VESTAS, cunha altura de buxa de 105 m, diámetro de rotor de 150 m, cos seus correspondentes centros de transformación, con potencia unitaria de 5.150 kVA e relación de transformación de 0.72/30 ± 2×2,5 % kV.

– Rede eléctrica soterrada a 30 kV, de media tensión para recoller a enerxía xerada polos aeroxeradores. Os centros de transformación dos aeroxeradores interconéctanse con condutor Ao HEPRZ1 18/30 kV con terminais enchufables en celas con seccionamento no interior dos aeroxeradores.

– Rede eléctrica soterrada a 30 kV, de interconexión entre o CSM e a arqueta fin de parque, onde conecta con liña soterrada coa sala de celas de 30 kV da subestación colectora Treboada.

– 2 torres meteorolóxicas de 105 m de altura.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Wind Hero, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 283.082 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

5. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais certificado do fabricante dos aeroxeradores de limitación mecánica de potencia destes.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. Recóllense a seguir as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) que a promotora deberá cumprir con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico:

a) Segundo o informado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o promotor deberá elaborar unha proposta detallada referente ás medidas adicionais sinaladas nos seus informes para garantir a minimización do impacto por colisión en aves (pintado das aspas dos aeroxeradores de acordo cos criterios establecidos pola dita dirección xeral e uso de tecnoloxías de redución do impacto por colisión) e quirópteros (restrinxir a rotación das pas), así como ás actuacións que se deben desenvolver para verificar a eficacia das ditas medidas.

O documento que elabore a promotora para dar cumprimento ao anterior deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Wind Hero, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

11. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 8.11.2022, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO 1

Alegacións presentadas durante a tramitación do procedemento

Ismael Antonio López Pérez, en representación da Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo, o 17.10.2021 e o 25.12.2022; Pedro Rodríguez López o 17.10.2021 e o 26.12.2022; Rubén Bermejo Cañas o 18.10.2021; Clara González Domínguez o 18.10.2021; Francisco Javier Garaboa Bonillo o 18.10.2021 e o 27.12.2022; Serafín Núñez Pérez o 18.10.2021; Noela de Luxán Vázquez o 19.10.2021; María Ángeles Rodríguez Prada o 19.10.2021 e o 10.1.2023; David López Fernández o 25.10.2021; Belén Rodríguez Fernández en representación da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) o 3.11.2021; Brasilia Louro Lago o 5.11.2021; Juan Benito Martín Díaz o 5.11.2021; Brasilia Louro Lago, en representación do Comité de Defensa das Rías Altas, o 5.11.2021; Aixamar Martín Louro o 5.11.2021; Luis Fernández Canedo, en representación da Plataforma Bierzo Aire Limpio, o 5.11.2021; Eva María Seoane Martiño o 5.11.2021 e o 29.12.2022; Miguel Varela-Portas Castro o 13.11.2021; Fernando Jesús Martínez Yáñez o 13.11.2021; Isabel Vilalba Seivane, en representación do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, o 16.11.2021 e o 3.1.2023; Alberto Gil García, en representación de Desarrollos Renovables Iberia Delta, S.L.U., o 18.11.2021; Alberto Gil García, en representación de Desarrollos Renovables Iberia Gamma, S.L.U., o 18.11.2021; Óscar Paradelo Rodríguez o 22.11.2021; Ángel Sanjuán Nogales o 22.11.2021; Lourdes Salgado Collazos o 22.11.2021; Pablo Sanjuán Collazos o 22.11.2021; Serafín Núñez Pérez o 22.11.2021; Erik Dobaño Salgado, en representación de Stop Eólicos Xurés-Celanova, o 25.11.2021; Alicia López Pardo o 25.11.2021; María Durán Beloso, en representación da Asociación Amigos da Terra, o 26.11.2021; Celestino Carracedo Liñares, en representación da Asociación A Volta Grande do Courel, o 26.11.2021; Cristóbal López Pazo, en representación da Federación Ecoloxistas en Acción Galicia, o 7.2.2022; David Chas Barbeito o 27.12.2022; María Soledad Rivas Rodríguez o 27.12.2022; Sergio Álvarez Alonso o 31.12.2022; José Luis Álvarez Pérez o 11.1.2023.