Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 14 de marzo de 2023 Páx. 17815

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 6 de febreiro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Ventumelo, sito nos concellos da Pobra de Trives e San Xoán de Río (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo), e promovido por Wind Hero, S.L. (expediente IN408A 2019/079).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 6 de febreiro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Ventumelo.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Ventumelo, sito nos concellos da Pobra de Trives e San Xoán de Río (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo), e promovido por Wind Hero, S.L., cunha potencia de 50 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Wind Hero, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 283.082 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

5. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais certificado do fabricante dos aeroxeradores de limitación mecánica de potencia destes.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. Recóllense a continuación as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) que a promotora deberá cumprir con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico:

a) Segundo o informado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a promotora deberá elaborar unha proposta detallada referente ás medidas adicionais sinaladas nos seus informes para garantir a minimización do impacto por colisión en aves (pintado das aspas dos aeroxeradores de acordo cos criterios establecidos pola dita dirección xeral e uso de tecnoloxías de redución do impacto por colisión) e quirópteros (restrinxir a rotación das pas), así como ás actuacións que se desenvolverán para verificar a eficacia das ditas medidas.

O documento que elabore a promotora para dar cumprimento ao anterior deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Wind Hero, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

11. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. A promotora deberá cumprir a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 8.11.2022, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 3.10.2019, a promotora, Wind Hero, S.L. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Ventumelo, sito nos concellos da Pobra de Trives e San Xoán de Río (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo). O 7.2.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle á promotora a admisión a trámite da dita solicitude.

2. O 24.9.2020, esta dirección xeral solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia), ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia de territorio.

3. O 2.12.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

4. O 7.4.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que indica o procedemento ambiental que se debe seguir e os organismos que hai que consultar durante a fase de información pública.

5. O 25.6.2021, Wind Hero, S.L. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico Ventumelo (expediente IN408A 2019/079) ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. O 17.8.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora a admisión a trámite da dita solicitude de modificación substancial.

6. O 31.8.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia (Psega) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

7. Mediante a Resolución do 30 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e o estudo de impacto ambiental do parque eólico Ventumelo, nos concellos da Pobra de Trives, San Xoán de Río (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo), e promovido por Wind Hero, S.L. (expediente IN408A 2019/079).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 11.10.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Pobra de Trives, San Xoán de Río e Ribas de Sil), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da xefaturas territoriais de Ourense e de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

A seguir, resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, as cales se recollen no anexo desta proposta:

– Vulneración flagrante da Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación de hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

– Graves e significativos impactos ambientais.

– Afección moi severa e prexuízos moi significativos para os recursos hídricos.

– Afección severa e prexuízos irreversibles para o sistema de brañas da zona de afección do proxecto.

– Afección severa ás briófitas e a afloramentos rochosos sen caracterizar.

– Afección severa e danos irreparables para a área delimitada como BIC da paisaxe cultural da Ribeira Sacra.

– Prexuízos significativos e irreparables para o bosque de ribeira e o bosque autóctono galego.

– Prexuízos significativos e irreparables para a avifauna.

– Prexuízos significativos para o lobo. Plan de xestión do lobo de Galicia.

– Afección severa e irreversible ao benestar dás familias que viven, residen e traballan nos núcleos rurais afectados.

– Afección aos montes e ás explotacións forestais, madeireiras e agrogandeiras.

– Fragmentación en proxectos independentes do que sería un plan industrial eólico para a mesma área xeográfica. Fragmentación artificiosa dos parques eólicos desenvolvidos por Wind Grower, S.L. e Wind Hero, S.L. (parques eólicos Treboada e Ventumelo).

– Desde o punto de vista urbanístico o proxecto eólico Ventumelo é incompatible. A promotora pretende unha recualificación urbanística non amparada legalmente en relación co solo rústico de protección forestal, co solo rústico de protección de cauces, co solo rústico de protección paisaxística e co solo rústico de protección de espazos naturais.

– O Plan sectorial eólico de Galicia é un regulamento que non está adaptado á actual normativa de avaliación de impacto ambiental e que está desfasado, caduco e obsoleto, que carece de avaliación ambiental estratéxica e cuxo texto non chegou a ser publicado no Diario Oficial de Galicia. Por outra banda, tampouco está adaptado ao establecido no Convenio europeo da paisaxe.

– O rexeitamento das solicitudes de autorización administrativa e a súa retirada definitiva pola súa incompatibilidade cos valores ambientais e paisaxísticos presentes na área de afección do proxecto e a falla de licenza social.

8. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no punto 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Retevisión I, S.A.U., Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Obras, Caminos y Asfaltos, S.A., Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Concello da Pobra de Trives, Concello de San Xoán de Río e Deputación Provincial de Ourense.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A. o 20.11.2021, Retevisión I, S.A.U. o 18.10.2021, Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. o 3.11.2021, Concello de San Xoán de Río o 26.11.2021 e Deputación Provincial de Ourense o 26.11.2021.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

9. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello da Pobra de Trives, Concello de San Xoán de Río e Concello de Ribas de Sil.

Cumprida a tramitación ambiental, o 8.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 9 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 224, do 24 de novembro).

10. O 6.10.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora o proxecto de execución refundido resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

11. O 23.10.2022, Wind Hero, S.L. presentou acordo vinculante entre Wind Hero, S.L. como promotora do parque eólico Ventumelo e o resto de promotores con acceso ao nó Trives 220 kV, para o uso compartido das infraestruturas de evacuación na subestación Treboada e a liña 220 kV Treboada-Trives.

12. O 31.10.2022, Wind Hero, S.L. presentou a documentación técnica refundida mencionada no antecedente de feito décimo.

13. O 10.11.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora as separatas técnicas refundidas resultantes como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

14. O 24.11.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico favorable, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

15. O 13.12.2022, Wind Hero, S.L. presentou declaración responsable en que indica que o proxecto de execución refundido presentado o 31.10.2022 e mencionado no antecedente de feito décimo segundo non orixina novas afeccións respecto ás separatas xa informadas no proxecto de execución sometido a información pública, polo que non é necesario solicitar novo informe aos devanditos organismos.

16. O 21.12.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido por estar afectado pola poligonal do parque eólico, en que indica que a infraestrutura do parque eólico de Ventumelo non se atopa dentro da provincia de Lugo, polo que non procede a emisión de informe por parte desta xefatura.

17. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 50 MW, segundo os informes do xestor da rede do 15.11.2019 e do 24.3.2021.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais