Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 2023 Páx. 13918

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se incorpora á sede electrónica o procedemento de declaración de concello emprendedor, ao abeiro do establecido no artigo 82 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (código de procedemento IN229A).

A Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, establece a inclusión dun novo título VI na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, polo que se eleva a rango de lei a regulación da iniciativa galega de concellos emprendedores ou concellos Doing Business Galicia, posta en marcha no exercicio 2017, a través dun protocolo de colaboración asinado entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias.

O artigo 78 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, establece que terán a consideración de concellos emprendedores aqueles concellos que voluntariamente se adhiran á iniciativa promovida pola Administración autonómica, co obxecto de favorecer a implantación e o funcionamento das iniciativas empresariais en Galicia, con plenas garantías de sustentabilidade económica e con redución das barreiras normativas e administrativas.

Posteriormente, o artigo 79 da dita norma dispón que, para adquirir a condición de concello emprendedor, os concellos galegos deberán cumprir os seguintes requisitos:

– Manifestar o seu interese en adherirse á iniciativa mediante a adopción por parte do órgano competente dun acordo ou resolución en que se comprometan ao establecemento das medidas orientadas ao fomento da implantación e fixación de empresas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, que se especifican no artigo 80 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Aprobar mediante acordo plenario, consonte o procedemento regulado no artigo 17 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, ou norma que o substitúa, unha modificación das ordenanzas fiscais reguladoras do imposto sobre bens inmobles, do imposto sobre actividades económicas e, de ser o caso, do imposto sobre construcións, instalacións e obras, nos termos establecidos no artigo 81 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

O artigo 82 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, regula o procedemento para a declaración da condición de concello emprendedor, establecendo que a valoración do cumprimento dos requisitos exixidos aos concellos será realizada pola consellería competente en materia de economía e que a declaración como concello emprendedor se formalizará mediante resolución do conselleiro competente en materia de economía, por proposta da Secretaría Xeral Técnica.

De acordo co disposto no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 12, do 4 de xullo), a Secretaría Xeral Técnica, a través da Vicesecretaría Xeral de Apoio á Empresa, será o órgano da consellería competente para a promoción e xestión da iniciativa galega de concellos emprendedores que deberá realizar as actuacións recollidas no título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Regular e dar publicidade ao modelo de solicitude da declaración de concello emprendedor, código de procedemento IN229A, que se recolle no anexo I desta resolución.

Artigo 2. Persoas destinatarias

Este procedemento está destinado aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que voluntariamente se adhiran á iniciativa galega de concellos emprendedores co obxecto de favorecer a implantación e o funcionamento das iniciativas empresariais en Galicia, con plenas garantías de sustentabilidade económica e con redución das barreiras normativas e administrativas, segundo o disposto no artigo 78 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Artigo 3. Prazo de presentación

O procedemento IN229A é un procedemento administrativo de prazo aberto e pódese instar o seu inicio desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Artigo 4. Forma de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, mediante o formulario normalizado que se recolle no anexo I desta resolución e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades solicitantes presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo representante legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 79 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia:

a) Copia da resolución ou certificación emitida e asinada electronicamente polo/a secretario/a do Concello, en que se acredite a adopción do acordo polo que o Concello se compromete ao establecemento das medidas orientadas ao fomento da implantación e fixación de empresas que se especifican no artigo 80 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

b) Copia dos anuncios de aprobación definitiva das modificacións das ordenanzas fiscais reguladoras do imposto sobre bens inmobles, do imposto sobre actividades económicas e, de ser o caso, do imposto sobre construcións, instalacións e obras, nos termos establecidos no artigo 81 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, publicados no Boletín Oficial da provincia que corresponda.

2. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario da solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos tramitados pola Administración xeral e as entidades do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2023

Pablo Casal Espido
Secretario xeral técnico da Vicepresidencia Primeira
e Consellería de Economía, Industria e Innovación

missing image file
missing image file