Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 2023 Páx. 13926

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se dá publicidade da encomenda de xestión á corporación de dereito público Consello Galego de Cámaras.

Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 9.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, en relación co seu artigo 8.4, publícase no Diario Oficial de Galicia a encomenda de xestión da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación en favor do Consello Galego de Cámaras para a colaboración técnica na valoración obxectiva dos proxectos para súa declaración como iniciativas empresariais prioritarias (Lei 5/2017), como proxectos estratéxicos (Decreto lexislativo 1/2015) e como proxectos de interese autonómico (Lei 1/2021), formalizada no convenio asinado o 9 de xaneiro de 2023.

Actividades encomendadas:

– O apoio técnico na valoración do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 42.1.d) da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

– O apoio técnico na valoración do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 78.c) do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

– Para os efectos da declaración de proxecto industrial estratéxico, o apoio técnico na identificación dos trámites e autorizacións sectoriais a que deberá someterse o proxecto para a súa aprobación.

– Para os efectos da declaración de proxectos de interese autonómico, apoio técnico na valoración da función vertebradora e estruturante do territorio, de impulso e de dinamización demográfica, así como da incidencia territorial, económica, social ou cultural, a súa magnitude ou singulares características, que fagan un proxecto acredor dun interese supramunicipal cualificado.

Esta encomenda ten natureza intersubxectiva, segundo o disposto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dada a natureza do Consello Galego de Cámaras como corporación de dereito público.

A encomenda de xestión abrangue desde o 9 de xaneiro de 2023 ata o 30 de decembro de 2023, coincidindo deste xeito co prazo e vixencia do convenio, e serán causas de resolución o transcurso do prazo de vixencia do convenio; o acordo unánime de todos os asinantes; o incumprimento das obrigas e compromisos asumidos por parte dalgún dos asinantes; a decisión xudicial declaratoria da nulidade do convenio; a introdución de modificacións substanciais sen que estas fosen aceptadas pola Comisión de Seguimento ou calquera outra causa prevista no convenio ou noutras leis.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2023

Pablo Casal Espido
Secretario xeral técnico da Vicepresidencia Primeira e
Consellería de Economía, Industria e Innovación