Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 7 de febreiro de 2023 Páx. 12177

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de xaneiro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 22 de decembro de 2022 relativa ao acto de conciliación formulada polos representantes dos montes veciñais en man común de Soutelo, e o de Aceveda ou Coto Castiñeira, no concello de Vilariño de Conso (Ourense).

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC de Soutelo, pertencente á CMMVVMC de Soutelo; e do MVMC Aceveda ou Coto Castiñeira, pertencente á CMMVVMC de Castiñeira, no concello de Vilariño de Conso, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 23.10.2019, a CMMVVMC de Soutelo presentou dous escritos (Rexel núm. 2019/2152190 e 2019/2152210) cos que solicitaba aprobar un deslindamento entre o MVMC de Soutelo (pertencente á CMMVVMC solicitante) e mais o MVMC Aceveda ou Coto Castiñeira (pertencente á CMMVVMC de Castiñeira).

En relación co dito escrito requiriuse nova documentación que permitise emendar unha serie de deficiencias detectadas na documentación achegada coa solicitude.

Segundo. O 1 de agosto de 2022, a CMMVVMC de Soutelo presentou unha nova solicitude de deslindamento (Rexel núm. 2022/1983785).

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento do 20.6.2022.

– Memoria descritiva e planos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Vilariño de Conso.

– Certificacións de aprobación das dúas comunidades.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 15 de setembro de 2022 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC de Soutelo, pertencente á CMMVVMC de Soutelo, e o MVMC Aceveda ou Coto Castiñeira, pertencente á CMMVVMC de Castiñeira, desde o vértice 1 ata o vértice 2, nun primeiro tramo situado ao O, e desde o vértice 3 ata o vértice 4, nun segundo tramo situado ao E, quedando o terreo entre ambos tramos como de propietarios particulares. Así mesmo, entre os puntos 1 e 2 do primeiro tramo defínese un punto caracterizado como auxiliar («1a»), ben que, da análise da proposta presentada, conclúese que forma parte para todos os efectos do perímetro estremeiro de ambos os montes.

Por outra banda, o tramo deslindado entre os vértices 3 e 4 correspóndese co río Conselo ou da Cenza, segundo a traza que proporciona a aresta da parcela 32093A01309026 situada do lado do MVMC de Soutelo.

Logo de analizar con detalle os vértices e a súa localización, conclúese ademais que o punto 1 do deslindamento afecta tamén o MVMC de San Mamede, cuxo perímetro pasaría a describir un metido en forma de cuña na zona de estrema dos montes Aceveda ou Coto Castiñeira e de Soutelo. A este respecto cómpre aclarar que, ben que a CMMVVMC de San Mamede non participa da conciliación obxecto deste informe, si o fai doutra coa CMMVVMC de Castiñeira que xa foi informada favorablemente e que implica a conformidade da CMMVVMC de San Mamede coa fixación dese vértice 1 como novo punto definitorio dos seu perímetro.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se vai seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 15 de setembro de 2022, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 13 de decembro de 2022:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC de Soutelo, pertencente á CMMVVMC de Soutelo; e do MVMC Aceveda ou Coto Castiñeira, pertencente á CMMVVMC de Castiñeira, no concello de Vilariño de Conso.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 20 de xaneiro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense