Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 7 de febreiro de 2023 Páx. 12174

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de xaneiro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 22 de decembro de 2022, relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes dos montes veciñais en man común de Soutelo e San Mamede, no concello de Vilariño de Conso (Ourense).

Examinada a solicitude de deslinde formulada polos representantes do MVMC de Soutelo, pertencente á CMMVVMC de Soutelo e do MVMC de San Mamede, pertencente á CMMVVMC de San Mamede de Hedrada, no concello de Vilariño de Conso, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 23.10.2019 a CMMVVMC de Soutelo presentou dous escritos (Rexel núm. 2019/2152393 e 2019/2152406) cos que solicitaba aprobar un deslindamento entre o MVMC de Soutelo (pertencente á CMMVVMC solicitante) e mais o MVMC de San Mamede (pertencente á CMMVVMC de San Mamede de Hedrada).

Non obstante, a dita comunidade presentara ao mesmo tempo ata catro solicitudes de deslindamento con outras tantas comunidades veciñas, as cales presentaban unha serie de deficiencias, polo que se considerou oportuno agardar a que todas as propostas fosen viables para así deixar o MVMC de Soutelo e as súas veciñanzas perfectamente definidas á vez.

Segundo. O 1 de agosto de 2022 a CMMVVMC de Soutelo presentou un novo escrito (2022/1983802), en que se propón un novo tramo que resulta ser contiguo ao solicitado inicialmente en 2019, e que é coherente con outra proposta de deslindamento (neste caso, Soutelo-Aceveda) presentada tamén en datas recentes.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento do 20.6.2022.

– Memoria descritiva e planos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Vilariño de Conso.

– Certificacións de aprobación das dúas comunidades.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense de data 18 de outubro de 2022 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC de Soutelo, pertencente á CMVMC de Soutelo, e o MVMC de San Mamede, pertencente á CMVMC de San Mamede de Hedrada, desde o punto situado máis ao S que sería o punto 2 (Campo Romeo) da solicitude do 23.10.2019 ata o situado máis ao N que sería o punto 2 (Paioanes 2) da solicitude do 1.8.2022. Entre ambos puntos, o linde vén definido por un 3º punto que sería Cabeza de Paioanes, localizado na cota máis alta do monte e identificado coma punto 1 en ambas as dúas solicitudes.

En relación con este 3º punto (Cabeza de Paioanes), existe unha pequena incongruencia entre os dous escritos de deslindamento presentados, por canto o de 2019 o localiza na coordenada X: 646.375 mentres que o de 2022 faino na coordenada X: 646.376. Logo de comprobar os arquivos dixitais vectoriais de ambas as solicitudes, compróbase que a coordenada exacta dese punto é X: 646.375,5227; polo tanto, considerando o redondeo por exceso, a coordenada a ter en conta finalmente será X: 646.376 (completada coa Y: 4.669.567).

Por outra banda, o punto Paioanes 2 afectaríalle tamén ao MVMC Aceveda ou Coto Castiñeira pertencente á CMMVVMC de Aceveda. A este respecto, a CMMVVMC de Soutelo presentou unha solicitude de deslindamento con Aceveda que, formalmente e de forma recíproca, tamén lle afectaría a CMMVVMC de San Mamede. Porén, ambas as propostas (Soutelo-San Mamede e Soutelo-Aceveda) son coherentes entre si e, en conxunto, recollen a conformidade de todas as comunidades cos tramos acordados bilateralmente en cada unha delas (tal como se informou o 11.10.2022 ao respecto da proposta Soutelo-Aceveda), polo que a proposta Soutelo-San Mamede considérase validamente conciliada.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento a seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditara resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 18 de outubro de 2022, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 13 de decembro de 2022:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC de Soutelo, pertencente á CMMVVMC de Soutelo; e do MVMC de San Mamede, pertencente á CMMVVMC de San Mamede de Hedrada, no Concello de Vilariño de Conso.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 20 de xaneiro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense