Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 7 de febreiro de 2023 Páx. 12171

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de xaneiro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 10 de xaneiro de 2023, relativa ao acto de conciliación formulada polos representantes do monte veciñal en man común Montes Baixos de Robledo, pertencente á parroquia de Robledo, no concello de Carballeda de Valdeorras (Ourense).

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Montes Baixos de Robledo, pertencente á CMMVVMC da parroquia de Robledo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 10.11.2017, a CMMVVMC da parroquia de Robledo presentou no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (nº 161157/RX 2769406) unha solicitude para que se inicie a tramitación dun deslindamento parcial do MVMC Montes Baixos de Robledo, de acordo co establecido no artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta da asemblea xeral na cal se acorda o deslindamento.

– Título de propiedade das mercantís coas cales se vai practicar o deslindamento.

– Informe técnico con proposta de liña de deslindamento.

Segundo. O 20 de xullo de 2018 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (nº 2018/1956713) un escrito presentado polo interesado, co cal achegou un certificado da aprobación da proposta de deslindamento na asemblea xeral do 14 de xullo de 2018 e unha copia da acta.

Terceiro. O día 5 de setembro de 2018, o Servizo de Montes de Ourense emitiu un informe favorable á proposta presentada ao deducirse que non existe menoscabo da integridade do MVMC.

Cuarto. O día 24 de xuño de 2019 publicouse no DOG o anuncio polo que se facía pública a proposta de deslindamento e se abría o período de alegacións.

Quinto. O día 30 de setembro de 2019, a CMVMC da parroquia de Robledo presentou un escrito no cal se reafirmaba na proposta de deslindamento xa presentada e achegaba a acta do deslindamento do 20 de setembro de 2017. No escrito non fai referencia á presentación de alegacións nin achega outra documentación.

Sexto. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 7 de novembro de 2019 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre os terreos propiedade das mercantís Proinor, S.A. e Cufica, S.A. e os terreos do MVMC Montes Baixos de Robledo, localizados na súa parcela de maior superficie, situada máis ao norte, segundo a poligonal definida entre a estrada OU-122 (punto nº 1) e o río Casaio (punto nº 64). Entre os puntos nº 44 e nº 64 a liña de deslindamento proposta estrema co río Casaio.

Sétimo. O 20 de setembro de 2022, o Servizo de Montes comunicou que a comunidade solicitante presentou a documentación que tiña pendente, isto é, a acta de conciliación redactada no xulgado de paz e a certificación do acordo por parte da comunidade.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 54 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 54.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que a comunidade propietaria presentará á Administración forestal, logo do acordo da súa asemblea xeral, unha proposta coa liña de deslindamento, fundamentada histórica e legalmente, entre o monte veciñal e as propiedades privadas particulares, que se pretende adoptar. O servizo competente en materia de montes da correspondente xefatura territorial emitirá informe, nun prazo máximo de seis meses, respecto da existencia ou non de menoscabo da integridade do monte veciñal.

54.3. No caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola asemblea xeral, darase traslado ao xurado provincial dos acordos alcanzados e, cando menos, da seguinte documentación: acta do deslindamento, memoria descritiva con planos topográficos, acta de conciliación redactada no xulgado de paz ou de primeira instancia correspondente e certificacións de aprobación por parte da comunidade. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ditará resolución aprobatoria do deslindamento e notificarállela ás persoas interesadas. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 7 de novembro de 2019, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 13 de decembro de 2022:

Aprobar o acto de conciliación acadado pola xunta reitora do MVMC Montes Baixos de Robledo, pertencente á CMMVVMC da parroquia de Robledo; con terreos propiedade das empresas Proinor, S.A. e Cufica, S.A.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 20 de xaneiro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense