Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 26 de xaneiro de 2023 Páx. 9210

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV San Martín-Carucedo DAR AP100, no termo municipal de Rubiá (Ourense), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2022/91-3).

Feitos:

1. O 27 de xuño de 2022 UFD Distribución Electricidad, S.A. (en adiante, UFD) presentou, ante a Xefatura Territorial de Ourense desta consellería (en diante, xefatura territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV San Martín-Carucedo DAR AP100, no termo municipal de Rubiá (Ourense), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2022/91-3.

Esta solicitude acompañouse da seguinte documentación técnica:

– Proxecto de execución denominado LAT 132 kV San Martín-Carucedo DAR AP100, asinado pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada nº 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio, con nº 202202259 e data 25 de maio de 2022; nel figura un orzamento total de 35.812,82 euros.

– Declaración responsable asinada polo técnico proxectista con data 24 de maio de 2022, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

– Separatas técnicas do proxecto de execución para as entidades afectadas: Concello de Rubiá (Ourense).

– Relación de bens e dereitos afectados (RBDA).

A infraestrutura eléctrica proxectada ten por obxecto a corrección de varios defectos antirregulamentarios detectados na LAT 132 kV San Martín-Carucedo, pertencente a UFD. En concreto, proxéctanse os seguintes traballos no van comprendido entre os apoios 100 e 101 da dita LAT:

Van

Defectos para corrixir

Traballos para realizar

100-101

Distancia a condutores doutras liñas

Substitución do apoio 100 por un novo apoio que se localizará baixo traza a 8 m do existente cara ao apoio 99. Este novo apoio é en triángulo AG-AC.

Esta actuación implica instalar contrapesos de 30 kg nas cadeas do apoio 99. Estes serán do mesmo tipo que os existentes na liña.

Tamén é necesario tender condutor LA-280 e AC-50 novos no van 100N-101.

2. O 29 de xuño de 2022 a xefatura territorial adoptou o acordo polo que se someteron a información pública a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, coa necesidade de urxente ocupación, da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV San Martín-Carucedo DAR AP100, que se publicou no Diario Oficial de Galicia, do 22 de xullo de 2022, e no xornal La Región, do 8 de xullo de 2022, e tamén estivo exposto no taboleiro de anuncios da xefatura territorial. Simultaneamente, cursou a notificación individual da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto ao titular do predio afectado que figura na RBDA publicada. Así mesmo, como non se puido practicar esta notificación, ditou un anuncio con data 28 de xullo de 2022 para os efectos da súa notificación, que se publicou no DOG do 10 de agosto de 2022 e no taboleiro de edictos único do BOE do 6 de setembro de 2022.

Durante o período de información pública non se presentaron escritos de alegacións.

3. O 1 de xullo de 2022 a xefatura territorial trasladou a separata técnica do proxecto de execución ao Concello de Rubiá, como único organismo afectado, para os efectos de obter o seu condicionado técnico a respecto da autorización da infraestrutura eléctrica LAT 132 kV San Martín-Carucedo DAR AP100. Este concello non contestou, polo que se entende, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización da referida infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

4. O 13 de decembro de 2022 a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente IN407A 2022/91-3, deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN) para os efectos de ditar a oportuna resolución. A xefatura territorial incorporou ao expediente os seguintes informes a respecto da referida infraestrutura eléctrica:

– Informe de data 5 de decembro de 2022, no cal se conclúe que nos predios obxecto do expediente expropiatorio que resultan afectados non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

– Informe de data 7 de decembro de 2022, no cal se conclúe que non existen dereitos mineiros afectados.

– Informe de data 12 de decembro de 2022, no cal se conclúe que o proxecto de execución cumpre cos requisitos técnicos necesarios.

– Informe favorable de data 13 de decembro de 2022, para a concesión das autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da referida infraestrutura eléctrica.

Consideracións legais e técnicas:

1. A DXPERN é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 28 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo) e no artigo único do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1.2.2017).

A lexislación de aplicación ao presente expediente é a seguinte:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

– Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG núm. 54, do 19 de marzo).

3. Informe emitido o 13 de decembro de 2022 polos servizos técnicos da xefatura territorial no cal se conclúe, de xeito literal, o seguinte: «Cumpridos os trámites regulamentarios, esta xefatura territorial informa de xeito favorable a petición formulada por UFD Distribución Electricidad, S.A., no relativo á tramitación das autorizacións administrativas previa e de construción, así como a declaración de utilidade pública para o proxecto de regulamentación LAT, 132 kV, San Martín/Carucedo DAR AP.100, para a súa resolución por ese organismo como competente en función das atribucións recoñecidas polo Decreto 9/2017 [...]».

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV San Martín-Carucedo DAR AP100, no termo municipal de Rubiá (Ourense), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada infraestrutura eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado LAT 132 kV San Martín-Carucedo DAR AP.100, asinado pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada nº 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio, con nº 202202259 e data 24 de maio de 2022; nel figura un orzamento total de 35.812,82 euros.

2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir sempre as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPERN; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberalle comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais