Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 26 de xaneiro de 2023 Páx. 9198

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 21 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Outes, sito nos concellos de Negreira e Outes (A Coruña) e promovido por Norvento, S.L. (expediente IN661A 2010/13).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 21 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Outes.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Outes, sito nos concellos de Negreira e Outes (A Coruña) e promovido por Norvento, S.L., cunha potencia de 21 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Norvento, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 138.467 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá obter, para a configuración definitiva do proxecto autorizada no presente acordo, os condicionados dos organismos e/ou empresas de servizo público que procedan.

En especial, a promotora deberá contar, antes do inicio das obras, co condicionado favorable do Concello de Negreira.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Norvento, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución.

1. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, promovido por Norvento, S.L. (en diante, a promotora) cunha potencia de 21 MW.

2. O 12.5.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico.

3. Mediante a Resolución do 30 de maio de 2012, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a aprobación do proxecto de execución, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental referidos ao proxecto do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia, do 12 de xullo de 2012, no Boletín Oficial da provincia da Coruña, do 2 de xullo e no xornal El Correo Gallego, do 30 de xuño. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Negreira e Outes), da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña (en diante, a xefatura territorial) e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o período de exposición pública, así como durante a tramitación do procedemento, presentáronse as alegacións recollidas no anexo desta resolución. A continuación, resúmese o seu contido:

– Erros nos enderezos de notificación aos afectados, nos datos de titularidade das parcelas e no tipo de cultivo reflectido na relación de bens e dereitos afectados (RBDA).

– A Cámara Mineira de Galicia comunica que, segundo consta no Censo Catastral Mineiro, existe un dereito mineiro afectado polo parque eólico e solicita que se proceda a verificación destes datos coa documentación contida no Rexistro Mineiro e, de ser o caso, sexan tidos en conta estes dereitos mineiros no proceso de tramitación do proxecto. Solicita, así mesmo, que se cumpra o establecido no artigo 14.2 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, e no artigo 122 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e que se estableza a compatibilidade ou incompatibilidade do parque eólico cos dereitos mineiros existentes, e de resultar incompatibles, se outorgue prevalencia a estes últimos.

– Móstrase oposición ao proxecto por supoñer un grave prexuízo para o medio natural, flora e fauna, paisaxístico e social, causando ademais trastornos e mingua na calidade de vida da veciñanza derivados do ruído provocado polo funcionamento dos aeroxeradores, así como do incremento do tránsito de vehículos pesados durante a construción do parque eólico e nas posteriores labores de mantemento durante a fase de funcionamento, o que contribuirá ademais á degradación e deterioración das vías de comunicación municipais.

Así mesmo, alegan que o proxecto suporá unha mingua no valor dos terreos e das vivendas próximas.

Consideran que debe prevalecer o principio de prevención das afeccións ambientais, paisaxísticas e sociais sobre o mero interese privado dunha empresa.

– Así mesmo, maniféstanse os prexuízos que provocan os proxecto eólicos para a práctica da caza, de grande importancia económica e cultural na zona, e que a instalación dun novo parque eólico imposibilitaría o exercicio desta actividade.

– Maniféstase a oposición á declaración de utilidade pública, así como á expropiación parcial dalgunhas parcelas, posto que a conservación da parte non expropiada resulta antieconómica, e non consta no expediente a necesaria xustificación da conveniencia da ocupación. Así mesmo, alegan que a promotora non se puxo en contacto cos afectados para intentar acadar acordos para a ocupación dos terreos.

– Alegan afeccións a establecementos de turismo rural próximos e manifestan que a instalación do parque eólico implicaría a curto ou medio prazo o pechamento destes establecementos, os cales xeran postos de traballo directos e indirectos.

– Aléganse afeccións a explotacións gandeiras e manifestan que o proxecto afectaría a saúde dos animais e, consecuentemente, a súa produción. Así mesmo, a expropiación de parte dos terreos minguaría a extensión para a alimentación e pastoreo do gando, o que faría practicamente inviable manter a explotación.

Ademais poñen de manifesto afeccións a dous mananciais que regan os terreos de pastoreo, que se verían afectados por derrames de aceite que acabarían afectando ao río Donas que rega todo o val.

– Asociacións existentes na comarca alegan o impacto que tería o proxecto sobre o bosque autóctono, xa que destrúe unha importante masa de bosque caducifolio e provoca un grave impacto visual e paisaxístico en toda a contorna, así como sobre o patrimonio histórico (sepulcros megalíticos, castros e xacementos medievais,...).

– Por parte do Concello de Outes, maniféstase a súa oposición ao emprazamento proxectado para o parque eólico, e que a empresa promotora debe consensuar cos veciños un novo emprazamento e a dispoñibilidade dos terreos. No caso de que non se acade este consenso, o Concello estará ao lado dos veciños en contra da localización do parque eólico ata onde llo permita a lexislación en vigor.

– Bótase en falta a análise de alternativas exixida pola lexislación ambiental, así como un mellor estudo da incidencia do parque eólico sobre a poboación.

Unha parte da poligonal do parque eólico atópase dentro da proposta de ampliación da Rede Natura 2000 do ano 2008 (LIC Devesa de Chacín). Outro espazo que resultaría afectado, tamén definido dentro da dita proposta, é o LIC Esteiro do Tambre.

Incidencia negativa sobre os modos e calidade de vida dos habitantes de ambos os dous termos municipais afectados, tanto no que se refire á saúde e descanso dos cidadáns como ás actividades económicas desenvolvidas. En concreto, faise referencia aos seguintes impactos negativo sobre a saúde humana:

• Contaminación acústica e do aire durante a fase de obras debido aos movementos de terras, tránsito de vehículos pesados, voaduras, etc.

• Contaminación acústica e o «efecto discoteca» provocado polas sombras das pas dos aeroxeradores, durante a fase de funcionamento do parque eólico.

• Campos electromagnéticos provocados polas instalación eléctricas de alta tensión.

• Impacto das gabias sobre as traídas veciñais de auga, o que pode dar lugar a súa contaminación.

• Risco de accidentes (incendios, desprendementos de bloques de xeo desde as pas, caída dos aeroxeradores, vertedura de aceites...).

Para fundamentar estas alegacións sobre os diferentes impactos sobre a saúde humana, menciónanse diversas publicacións, estudos e sentenzas.

– Considérase que este tipo de proxectos contradí o previsto nas directrices de ordenación do territorio aprobadas polo Decreto do Consello da Xunta de Galicia 19/2011, do 10 de febreiro, posto que estas, nas súas determinacións orientativas, e en relación coas actuacións relativas á enerxía eólica, establecen que se priorizará a repotenciación dos parques eólico xa existentes.

– Alégase o incumprimento da distancia mínima dos parques eólicos a solo urbano, de núcleo rural ou urbanizable sectorializado, recollida no Plan sectorial eólico, en concreto, con respecto ao núcleo de Oroña e Cabanamoura.

– Solicítase:

• Que non se autorice a afección de aeroxeradores e vieiros sobre hábitats de conservación prioritaria na UE presentes na zona, sobre especies incluídas no anexo II da Lei 42/2007 do patrimonio natural e a biodiversidade, sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000, por non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007 do patrimonio natural e a biodiversidade.

• Adopción de medidas para evitar afeccións sobre especies incluídas no anexo I da Directiva aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas.

• Que se inclúan no proxecto medidas recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas da Xunta de Galicia.

• Que se adopten medidas para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nos vieiros de acceso, e de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores, así como perturbacións sobre a súa utilización dos hábitats na contorna do parque eólico.

– Non se tiveron en conta os efectos sinérxicos con outros parques eólicos existentes e en tramitación próximos.

– Considérase que o estudo de impacto ambiental está desfasado e obsoleto polo que non está adaptado á normativa vixente, e posto que a declaración de impacto ambiental está baseada neste documento, cómpre a súa nulidade.

– Desacordo coa dimensión desproporcionada da poligonal do parque eólico, posto que supón un agravamento das afeccións e as cargas que teñen que sufrir os veciños.

– Non se avaliaron os impactos sobre o lobo, o que é causa de nulidade de pleno dereito do proxecto industrial.

– Fragmentación de hábitats e perda de biodiversidade derivada dunha deficiente e obsoleta planificación sectorial eólica. Falta de avaliación ambiental estratéxica do Plan sectorial eólico de Galicia. A inaplicación deste plan deriva da súa invalidez polo transcurso do tempo, ao abeiro da lexislación ambiental actual, e ao principio de xerarquía normativa e nulidade de pleno dereito das disposicións administrativas que vulneran normas de rango superior. Por este motivo debe ser revogada a declaración de impacto ambiental.

– A Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural non informou sobre as explotacións madeireiras e forestais da zona afectada.

– Impacto non previsto sobre o oficializado Camiño de Santiago pola Ría de Muros-Noia, que xa forma parte da Ruta Xacobea oficial desde o ano 2020, polo que conta cun grao de protección insoslaiable que se debe respectar, de modo que os usos permitidos sobre a traza son limitados e aparecen recollidos no artigo 77 da Lei do patrimonio cultural de Galicia, e no artigo 78 os usos prohibidos.

– Impacto no turismo incorrectamente avaliado ao non ter en conta o trazado do Camiño de Santiago pola Ría de Muros-Noia, e que o concello de Outes pertence ao xeodestino turístico Ría de Muros e Noia, Ría da Estrela. O proxecto eólico tería unha grande afectación para as empresas turísticas da zona, algunhas das cales contan con premios de recoñecemento nacional.

– Solicítase a nulidade de pleno dereito da DIA, a inaplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, que debería revisarse e actualizarse de forma inmediata, o rexeitamento do proxecto eólico Outes, mentres non se revise o dito plan, e a revisión da DIA por incorrer en nulidade de pleno dereito.

4. O 31.5.2012, de acordo co establecido no artigo 37.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na súa redacción vixente nesa data, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Retevisión, I, S.A., Retegal, Concello de Negreira e Concello de Outes.

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, o 26.6.2012 e o 17.10.2012, Retevisión I, S.A., o 28.6.2012, Augas de Galicia, o 29.8.2012 e o Concello de Negreira, o 25.9.2012 e o 4.3.2013.

O Concello de Outes non emitiu condicionado pese a reiteración da solicitude o 22.8.2012.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

En relación cos condicionados técnicos solicitados e que non foron emitidos, cómpre ter en conta que, de acordo co establecido no artigo 37.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na súa redacción vixente na data de remisión das separatas do proxecto ás diferentes administracións, organismos ou empresas de servizo público, «No caso de que as citadas administracións, organismos ou empresas de servizo público afectadas non presten a súa conformidade ou oposición no prazo de vinte días, a Administración encargada da tramitación reiterará o requirimento para que nun novo prazo de dez días se pronuncien sobre a conformidade ou oposición á instalación. Pasado o prazo de reiteración sen que se tivera producido a contestación, entenderase a conformidade da dita administración, organismo ou empresa de servizo público afectada pola instalación».

5. O 17.8.2012, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico e establece o correspondente condicionado.

6. O 29.10.2014, a xefatura territorial emitiu informe e remitiu o expediente á Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais), para continuar coa tramitación do procedemento.

7. O 22.7.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, emitiu o informe a que fai referencia o artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na súa redacción vixente nesa data, e indica que as posicións dos 7 aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable delimitado reguladas no Plan sectorial eólico de Galicia.

8. O 11.5.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 4 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (DOG núm. 120, do 25 de xuño).

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao cal o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza (actualmente, de Patrimonio Natural), e de Innovación e Xestión da Saúde Publica (actualmente, de Saúde Pública), Instituto de Estudos do Territorio, Secretaría Xeral para o Turismo (actualmente, Axencia Turismo de Galicia), Augas de Galicia e o Concello de Negreira.

9. O 17.6.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico, e mediante a Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

10. O 7.10.2021, o Instituto de Estudos do Territorio informou que, logo de analizar as características do proxecto do parque eólico, cómpre reiterar o que se indicou nos seus informes anteriores e, por conseguinte, considerar que este proxecto non vulnera as determinacións das directrices de paisaxe de Galicia.

11. O 2.6.2022, a promotora presentou ante esta dirección xeral o proxecto de execución refundido do parque eólico, actualizado segundo a normativa vixente de aplicación, co fin de continuar coa tramitación das autorizacións administrativas para o parque eólico. O 16.9.2022, esta dirección xeral remitiu este proxecto á xefatura territorial para os efectos da emisión do informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

12. O 16.11.2022, a xefatura territorial notificoulle á promotora un requirimento de documentación en que se lle comunica, entre outras cuestións, que unha das posicións proxectadas non cumpre a distancia mínima regulamentaria a unha liña eléctrica de transporte existente.

13. O 18.11.2022, a promotora achegou o documento proxecto de execución parque eólico Outes versión 3. TM de Negreira e Outes. A Coruña. Novembro 2022, adaptado ao mencionado requirimento da xefatura territorial.

Neste documento recóllense as seguintes modificacións: elimínase o aeroxerador OU02, xunto co seu ramal de acceso e infraestrutura eléctrica asociada, aumenta a potencia unitaria dos outros seis aeroxeradores, de 3 a 3,5 MW, mantendo inalteradas o resto das súas características, e axústase a configuración da rede colectora de media tensión como consecuencia da redución do número de aeroxeradores.

Posteriormente, o 29.11.2022, a promotora achegou o documento ambiental en que se avalían estas modificacións.

14. O 22.11.2022, a xefatura territorial emitiu o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto achegado pola promotora o 18.11.2022.

15. O 23.11.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais efectuou unha consulta á Asesoría Xurídica Xeral, en relación coa procedencia ou non de outorgar as autorizacións administrativas ao proxecto do parque eólico, tendo en conta que este atópase afectado pola Sentenza da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo 1492/2018, do 9 de outubro de 2018, ditada no recurso de casación nº 2783/2016, e que está pendente de execución, relativa á anulación, no que se refire á selección de anteproxectos na zona 7, da Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia.

16. O 5.12.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu informe en relación coas modificacións introducidas no proxecto ás cales se fai referencia no antecedente de feito décimo cuarto, e conclúe que «Á vista da documentación recibida e unha vez revisado o expediente, considérase que non existen obxeccións ás modificacións propostas polo promotor, sen prexuízo do cumprimento das condicións que figuran na DIA».

17. O 9.12.2022, a Asesoría Xurídica Xeral deu resposta á consulta efectuada pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o 23.11.2022, e conclúe que a falta de resolución sobre o incidente de execución de sentenza non impide continuar coa tramitación dos proxectos dos parques eólicos da zona 7 e outorgar as autorizacións. A epígrafe de conclusións do informe transcríbese no fundamento de dereito sétimo desta resolución.

18. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para a potencia de 21 MW, segundo informe do xestor da rede do 15.12.2014.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais