Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 11 de xaneiro de 2023 Páx. 3394

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Canedo, sito nos concellos de Alfoz e Mondoñedo (Lugo), promovido por Galfor Eólica, S.L. (LU-11/136-EOL).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Galfor Eólica, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Canedo, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 13,5 MW, promovido por Galfor Eólica, S.L. (en diante, a promotora).

Segundo. O 24.6.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a inclusión no réxime especial para o parque eólico.

Terceiro. O 3.11.2014, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 12 de xaneiro de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 26, do 9 de febreiro).

Cuarto. Mediante a Resolución do 22 de agosto de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, fíxose público o Acordo do Consello da Xunta, do 3 de agosto de 2017, polo que se outorgaron a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, e se declarou a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Canedo, localizado nos concellos de Alfoz e Mondoñedo (Lugo), promovido pola sociedade Galfor Eólica, S.L. (LU-11/136-EOL).

Quinto. Mediante a Resolución do 15 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, fíxose público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de marzo de 2018, polo que se aprobou definitivamente o proxecto do parque eólico Canedo como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal.

Sexto. O 14.12.2020, Galfor Eólica, S.L. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico Canedo (expediente LU-11/136-EOL) ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Posteriormente, o 26.2.2021 a dita sociedade solicitou a declaración de utilidade pública e presentou a relación de bens e dereitos afectados.

Sétimo. O 17.6.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Canedo (expediente LU-11/136-EOL), promovido por Galfor Eólica, S.L., e mediante a Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Canedo (expediente LU-11/136-EOL), promovido por Galfor Eólica, S.L., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Oitavo. O 13.8.2021 Galfor Eólica, S.L. presentou acordo vinculante entre Galfor Eólica, S.L., como promotora do parque eólico Canedo, Fergo Galicia Vento, S.L., como promotora do parque eólico Airas, e Fergo Galicia Vento PEE, S.L., como promotora do parque eólico Figueiras, en relación co uso compartido da infraestrutura de evacuación compartida denominada subestación do parque eólico Airas.

Noveno. O 16.9.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, no cal se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia (PSEGA) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Décimo. O 24.9.2021 esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do modificado do proxecto do parque eólico Canedo á Xefatura Territorial de Lugo para a continuación da tramitación.

Décimo primeiro. Mediante o Acordo do 18 de outubro de 2021, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto de modificación do parque eólico Canedo, nos concellos de Alfoz e Mondoñedo (Lugo) (expediente LU-11/136-EOL).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 22.10.2021 e no xornal El Progreso do 22.10.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Alfoz e Mondoñedo), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Décimo segundo. Vista a Sentenza número 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e aínda que esta non adquiriu firmeza e está sendo obxecto de impugnación e discusión en vía de casación pola Xunta de Galicia, con base no principio de seguridade xurídica e por un criterio de precaución, sometéronse de novo a información pública por un prazo de trinta (30) días as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto de modificación do parque eólico Canedo mediante o Acordo do 14 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 23.3.2022 e no xornal El Progreso do 23.3.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Alfoz e Mondoñedo), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante os períodos de información pública, así como durante a tramitación do expediente, as cales se recollen no anexo desta proposta:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados (RBDA), maioritariamente en relación coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, cos enderezos para os efectos de notificacións, etc.

– Vulneración flagrante da Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación de hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

– Graves e significativos impactos ambientais.

– Afección moi severa e prexuízos moi significativos para os recursos hídricos.

– Afección severa e prexuízos serios e irreparables para as explotacións forestais, madeireiras e agrogandeiras na zona de afección do proxecto.

– Documentación do estudo de impacto ambiental insuficiente.

– Fragmentación fraudulenta de parques eólicos situados na mesma área de desenvolvemento eólico co obxecto de salvar aspectos legais e administrativos.

– Que o estudo de impacto ambiental avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto sobre: hábitats de conservación prioritaria, hábitats de interese comunitario e a paisaxe desde os miradoiros naturais máis coñecidos.

– Que o estudo de impacto ambiental avalíe a mortalidade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nas vías de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, bueiros, pasos canadenses, etc.) e nas liñas de evacuación e a adopción de medidas eficaces para mitigala.

– Que o estudo de impacto ambiental avalíe os impactos acumulativos e sinérxicos cos outros parques eólicos (autorizados ou proxectados, incluídas as repotenciacións), así como das restantes infraestruturas asociadas (tendidos eléctricos, subestacións, pistas de acceso, etc.), nun raio de 10-15 km.

– Que se exixa a promotora do proxecto o cumprimento das recomendacións de SEO/BirdLife e da Sociedade Española para a Conservación e Estudo dos Morcegos para reducir o impacto do parque eólico sobre as poboacións de aves e de quirópteros.

– Que se exixa a promotora do proxecto a implementación dun programa de vixilancia ambiental rigoroso.

– O rexeitamento do estudo de impacto ambiental e da solicitude de autorización administrativa previa en relación co proxecto do parque eólico Canedo, na provincia de Lugo, e a súa retirada definitiva pola súa incompatibilidade cos valores ambientais, patrimoniais, paisaxísticos e produtivos presentes na área de afección do proxecto e a falla de licenza social.

Décimo terceiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no número 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Concello de Alfoz, Concello de Mondoñedo, Deputación Provincial de Lugo, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

A continuación, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A. o 7.11.2021, Cellnex Telecom, S.A. o 27.10.2021, Deputación Provincial de Lugo o 8.11.2021, Augas de Galicia o 4.11.2021, Subdirección Xeral de Operadores de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais o 28.5.2022 e Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 11.11.2021.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo cuarto. O 8.3.2021, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico e estableceu o correspondente condicionado.

Décimo quinto. O 7.12.2021 a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

Décimo sexto. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa), Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio e Concello de Alfoz.

Formalizada a tramitación ambiental, o 8.7.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 11 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 140, do 22 de xullo).

Décimo sétimo. O 20.9.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle a promotora o proxecto de execución refundido resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo oitavo. O 6.10.2022 Galfor Eólica, S.L. presentou a documentación técnica refundida mencionada no antecedente de feito décimo sétimo.

Décimo noveno. O 28.10.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle a promotora as separatas técnicas refundidas resultantes como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Vixésimo. O 10.11.2022 Galfor Eólica, S.L. presentou as separatas técnicas refundidas mencionada no antecedente de feito décimo noveno, así como declaración responsable na cal indica que, agás as separatas do Concello de Mondoñedo e da Consellería do Medio Rural (Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal), o resto de separatas emitidas en relación coa versión do proxecto de execución sometido a exposición pública non implican alteracións nos alcances nin nos aspectos valorados e apuntados polos organismos que manifestaron os seus condicionados, polo que se considera innecesario un novo informe destes organismos ás separatas remitidas.

Vixésimo primeiro. O 10.11.2022 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe requiríndolle a promotora documentación adicional.

Vixésimo segundo. O 18.11.2022 Galfor Eólica, S.L. presentou a documentación técnica refundida requirida para dar resposta ao informe do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación mencionado no antecedente de feito vixésimo primeiro.

Vixésimo terceiro. De acordo co establecido no número 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles o 21.11.2022, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundidas do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Mondoñedo e Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 28.11.2022.

A promotora prestou a súa conformidade ao condicionado emitido.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. Ao estar o parque eólico Canedo declarado iniciativa empresarial prioritaria, tal e como está mencionado no antecedente de feito sétimo, o prazo para a emisión destes condicionados técnicos será de quince días naturais desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Vixésimo cuarto. O 24.11.2022 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico no cal indica que emite informe favorable sobre o cumprimento da normativa analizada con alcance establecido para obter as autorizacións administrativa previa e de construción.

Vixésimo quinto. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 13,5 MW, segundo o informe do xestor da rede do 14.8.2017 e do 18.10.2017.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo 1 desta resolución, e resumidas no antecedente de feito décimo segundo, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas e corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador por non ser obxecto desta resolución a declaración de utilidade pública, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

2. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, hai que indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 8.7.2022, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa), Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.

3. Con respecto á fragmentación do expediente do parque eólico Canedo (LU-11/136-EOL) con outros proxectos industriais, cómpre efectuar as seguintes consideracións:

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou mais aeroxeradores, ou que teñan mais de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria). Dito noutras palabras, as presuntas vantaxes que desde o punto de vista da tramitación ambiental podería ter un fraccionamento non son tales, xa que a existencia doutros parques eólicos nas proximidades obriga á realización do trámite ambiental ordinario para o novo parque.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fragmentamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O estudo de impacto ambiental do parque eólico obxecto da presente resolución inclúe un estudo dos efectos sinérxicos con parques eólicos e liñas de evacuación situadas na súa contorna.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares de ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente un fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que hai que perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, o parque eólico Canedo comparte infraestruturas de evacuación cos parques eólicos Airas e Figueiras, o que non impide que os tres teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

Tal e como se menciona no antecedente de feito oitavo, con data do 13.8.2021 Galfor Eólica, S.L. presentou acordo vinculante entre Galfor Eólica, S.L., como promotora do parque eólico Canedo, Fergo Galicia Vento, S.L., como promotora do parque eólico Airas, e Fergo Galicia Vento PEE, S.L., como promotora do parque eólico Figueiras, en relación co uso compartido da infraestrutura de evacuación compartida denominada subestación do parque eólico Airas, tal e como prescribe o artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, modificado polo Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Canedo, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 8.7.2022, e recollida no antecedente de feito décimo sexto desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu «formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Canedo, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Canedo.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais:

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Canedo, sito nos concellos de Alfoz e Mondoñedo (Lugo), promovido por Galfor Eólica, S.L., para unha potencia de 13,5 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Canedo, composto polo documento Proxecto de execución. Modificación parque eólico Canedo. Novembro 2022, asinado polo enxeñeiro industrial Eloy Prada Hervella (colexiado número 1.898 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado no referido colexio co número 20223495 do 16.11.2022.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Galfor Eólica, S.L.

Enderezo social: parque empresarial Alvedro, rúa E, nº 8, 15180 Culleredo (A Coruña).

Denominación: parque eólico Canedo.

Potencia instalada: 13,5 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 13,5 MW.

Produción neta: 53.642 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.973 h.

Concellos afectados: Alfoz e Mondoñedo (Lugo).

Orzamento de execución por contrata: 12.541.060,85 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

629.925,08

4.816.686,49

2

630.875,08

4.815.086,49

3

628.275,08

4.815.086,49

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

C1

629.660,09

4.816.150,49

C2

629.682,09

4.815.886,49

C3

630.151,10

4.815.593,49

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre met.

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

629.956,08

4.815.864,49

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– Tres (3) aeroxeradores, modelo N163 do fabricante Nordex, de 4.500 kW de potencia nominal, cunha altura de buxa de 148 metros e cun diámetro de rotor de 163 metros.

– Tres (3) centros de transformación, instalados unitariamente na góndola de cada aeroxerador, formados por transformadores de 6.350 kVA de potencia nominal e relación de transformación 0,75/20 kV, celas de 30 kV e os correspondentes equipos de protección, telemando e demais elementos auxiliares.

– Rede eléctrica soterrada de 20 kV, con condutor tipo RHZ1 12/20 kV 3×1×(1×120) mm2 Al, para o enlace dos centros de transformación dos aeroxeradores C2 e C3 co do C1, desde o cal se efectuará a evacuación da enerxía xerada á SET do parque eólico de Airas a través dunha liña de alta tensión soterrada de 20 kV.

– Unha torre meteorolóxica de 117,5 m altura.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Galfor Eólica, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 78.065 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Recóllense a continuación as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) ás que a promotora deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico:

a) Con anterioridade ao inicio das obras, a promotora deberá elaborar unha proposta detallada referente ás medidas adicionais sinaladas no último informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para garantir a minimización do impacto por colisión en aves (pintado das pas e uso de tecnoloxías de redución do impacto por colisión) e quirópteros (restrinxir a rotación das pas), así como ás actuacións que se desenvolcerán para verificar a eficacia das ditas medidas.

O documento que elabore a promotora para dar cumprimento ao anterior deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo coas consideracións establecidas no punto 4.1.2 da declaración de impacto ambiental.

b) De maneira previa á execución do proxecto deberase dar resposta a todos os aspectos indicados nos informes do Instituto de Estudos do Territorio, como son os referidos ao Regulamento da Lei 7/2008 e ás directrices de paisaxe.

a. Deberase contar co correspondente informe do dito organismo, de acordo coas consideracións establecidas no punto 4.1.3 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Galfor Eólica, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 8.7.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO 1

Alegacións presentadas durante a tramitación do procedemento

Servando Pérez Tiagonce o 27.10.2021; Serafín González Prieto, en representación da Sociedade Galega de Historia Natural o 29.10.2021; Justo Sánchez Fernández, en representación da CMVMC de Figueiras, Toxiza, Braña, Pena do Boi e Pombeiro o 8.11.2021; Isabel Vilalba Seivane, en representación do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas o 9.11.2021; Nivarda Fernández Fernández o 15.11.2021.