Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 11 de xaneiro de 2023 Páx. 3411

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO do contido da Resolución do 19 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Canedo, sito nos concellos de Alfoz e Mondoñedo (Lugo), promovido por Galfor Eólica, S.L. (LU-11/136-EOL).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 19 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Canedo.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Canedo, sito nos concello de Alfoz e Mondoñedo (Lugo), promovido por Galfor Eólica, S.L., cunha potencia de 13,5 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Galfor Eólica, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 78.065 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Recóllense a continuación as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) ás cales o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico:

a) Con anterioridade ao inicio das obras, a promotora deberá elaborar unha proposta detallada referente ás medidas adicionais sinaladas no último informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para garantir a minimización do impacto por colisión en aves (pintado das pas e uso de tecnoloxías de redución do impacto por colisión) e quirópteros (restrinxir a rotación das pas), así como ás actuacións que se desenvolverán para verificar a eficacia das ditas medidas.

O documento que elabore a promotora para dar cumprimento ao anterior deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo coas consideracións establecidas no punto 4.1.2 da declaración de impacto ambiental.

b) De maneira previa á execución do proxecto deberase dar resposta a todos os aspectos indicados nos informes do Instituto de Estudos do Territorio, como son os referidos ao Regulamento da Lei 7/2008 e ás directrices de paisaxe.

a. Deberase contar co corresponde informe do dito organismo, de acordo coas consideracións establecidas no punto 4.1.3 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Galfor Eólica, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 8.7.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 13,5 MW e promovido por Galfor Eólica, S.L. (en diante, a promotora).

2. O 24.6.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a inclusión no réxime especial para o parque eólico.

3. O 3.11.2014, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 12 de xaneiro de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 26, do 9 de febreiro).

4. Mediante a Resolución do 22 de agosto de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, fíxose público o Acordo do Consello da Xunta, do 3 de agosto de 2017, polo que se outorgaron a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, e se declarou a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Canedo, localizado nos concellos de Alfoz e Mondoñedo (Lugo), promovido pola sociedade Galfor Eólica, S.L. (LU-11/136-EOL).

5. Mediante a Resolución do 15 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, fíxose público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de marzo de 2018, polo que se aprobou definitivamente o proxecto do parque eólico Canedo como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal.

6. O 14.12.2020, Galfor Eólica, S.L. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico Canedo (expediente LU-11/136-EOL) ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Posteriormente, o 26.2.2021 a dita sociedade solicitou a declaración de utilidade pública, presentando a relación de bens e dereitos afectados.

7. O 17.6.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Canedo (expediente LU-11/136-EOL), promovido por Galfor Eólica, S.L., e mediante a Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Canedo (expediente LU-11/136-EOL), promovido por Galfor Eólica, S.L., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

8. O 13.8.2021 Galfor Eólica, S.L. presentou acordo vinculante entre Galfor Eólica, S.L., como promotora do parque eólico Canedo, Fergo Galicia Vento, S.L., como promotora do parque eólico Airas, e Fergo Galicia Vento PEE, S.L., como promotora do parque eólico Figueiras en relación co uso compartido da infraestrutura de evacuación compartida denominada subestación do parque eólico Airas.

9. O 16.9.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia (PSEGA) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

10. O 24.9.2021 esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do modificado do proxecto do parque eólico Canedo á Xefatura Territorial de Lugo para a continuación da tramitación.

11. Mediante Acordo do 18 de outubro de 2021, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto de modificación do parque eólico Canedo, nos concellos de Alfoz e Mondoñedo (Lugo) (expediente LU-11/136-EOL).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 22.10.2021 e no xornal El Progreso do 22.10.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Alfoz e Mondoñedo), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

12. Vista a Sentenza número 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e aínda que esta non adquiriu firmeza e está sendo obxecto de impugnación e discusión en vía de casación pola Xunta de Galicia, con base no principio de seguridade xurídica e por un criterio de precaución, sometéronse de novo a información pública por un prazo de trinta (30) días as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto de modificación do parque eólico Canedo mediante o Acordo do 14 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 23.3.2022 e no xornal El Progreso do 23.3.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Alfoz e Mondoñedo), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante os períodos de información pública, así como durante a tramitación do expediente, as cales se recollen no anexo desta proposta:

• Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados (RBDA), maioritariamente en relación coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, cos enderezos para os efectos de notificacións, etc.

• Vulneración flagrante da Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación de hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

• Graves e significativos impactos ambientais.

• Afección moi severa e prexuízos moi significativos para os recursos hídricos.

• Afección severa e prexuízos serios e irreparables para as explotacións forestais, madeireiras e agrogandeiras na zona de afección do proxecto.

• Documentación do estudo de impacto ambiental insuficiente.

• Fragmentación fraudulenta de parques eólicos situados na mesma área de desenvolvemento eólico co obxecto de salvar aspectos legais e administrativos.

• Que o estudo de impacto ambiental avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto sobre: hábitats de conservación prioritaria, hábitats de interese comunitario e a paisaxe desde os miradoiros naturais mais coñecidos.

• Que o estudo de impacto ambiental avalíe a mortalidade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nas vías de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, bueiros, pasos canadenses, etc.) e nas liñas de evacuación e a adopción de medidas eficaces para mitigala.

• Que o estudo de impacto ambiental avalíe os impactos acumulativos e sinérxicos cos outros parques eólicos (autorizados ou proxectados, incluídas as repotenciacións), así como das restantes infraestruturas asociadas (tendidos eléctricos, subestacións, pistas de acceso, etc.), nun raio de 10-15 km.

• Que se exixa a promotora do proxecto o cumprimento das recomendacións de SEO/BirdLife e da Sociedade Española para a Conservación e Estudo dos Morcegos para reducir o impacto do parque eólico sobre as poboacións de aves e de quirópteros.

• Que se exixa a promotora do proxecto a implementación dun programa de vixilancia ambiental rigoroso.

• Rexeitamento do estudo de impacto ambiental e da solicitude de autorización administrativa previa en relación co proxecto do parque eólico Canedo, na provincia de Lugo, e a súa retirada definitiva pola súa incompatibilidade cos valores ambientais, patrimoniais, paisaxísticos e produtivos presentes na área de afección do proxecto e a falla de licenza social.

13. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no número 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Concello de Alfoz, Concello de Mondoñedo, Deputación Provincial de Lugo, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

14. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa), Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio e Concello de Alfoz.

Formalizada a tramitación ambiental, o 8.7.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 11 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 140, do 22 de xullo).

15. O 24.11.2022 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico en que indica que emite informe favorable sobre o cumprimento da normativa analizada con alcance establecido para obter as autorizacións administrativa previa e de construción.

16. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 13,5 MW, segundo o informe do xestor da rede do 14.8.2017 e do 18.10.2017.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais