Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Martes, 22 de novembro de 2022 Páx. 60586

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 10 do Plan xeral de ordenación municipal de Sanxenxo (PTU-PO-20/035).

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 10 do Plan xeral de ordenación municipal de Sanxenxo, mediante a Orde da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 21 de outubro de 2022, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a dita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderase consultar na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderán ser consultados na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2316&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2316

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2022

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual número 10 do Plan xeral de ordenación municipal de Sanxenxo (PTU-PO-20/035)

O Concello de Sanxenxo remite a modificación puntual (MP) de referencia de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e os artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento (RLSG).

Analizada a documentación redactada polo arquitecto Gumersindo Ferro Pichel, con dilixencia de ter sido aprobada provisionalmente, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Sanxenxo conta cun plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente polo Pleno do 27 de febreiro de 2003, publicado no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOP) do 20 de marzo de 2003 e no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 19 de marzo.

2. Mediante a Resolución do 30 de xullo de 2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formula o informe ambiental estratéxico da MP e decide non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (DOG do 20 de agosto, expte. 2020AAE2455).

3. Constan informes municipais: técnico, do 16.9.2021; xurídico, do 16.9.2021; de Secretaría, do 16.9.2021; e de Intervención, do 16.9.2021.

4. A modificación puntual número 10 apróbase inicialmente o día 27.9.2021 e sométese a información pública durante o prazo de dous meses, mediante publicación no DOG número 230, do 30 de novembro, e no xornal Faro de Vigo do 12 de novembro.

5. O Concello solicitou os informes non autonómicos preceptivos. Constan informes de: 26.11.2021, da Subdirección Xeral de Patrimonio do Ministerio de Defensa; 19.11.2021, do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana; Delegación do Goberno do 13.12.2021, que remite informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 10.12.2021, e da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información, do 22.11.2021 e 28.4.2022; Dirección Xeral da Costa e do Mar, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, do 27.7.2021 e 13.9.2022; e Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en materia de costas, do 20.4.2021 e 1.7.2022.

6. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG, foron solicitados informes sectoriais a: Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, previsto no artigo 102 do Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de ordenación do litoral de Galicia, do 24.2.2022; Instituto de Estudos do Territorio, do 10.2.2022; Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, do 16.11.2021; Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, do 27.1.2022, 31.1.2022 e 24.5.2022; Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, do 10.12.2021; Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 8.3.2022; e Augas de Galicia, do 22 e 23.2.2022.

Déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Meaño, O Grove e Poio; sen resposta.

7. Constan informes municipais: técnico, do 27.5.2022; xurídico, do 27.5.2022; de Secretaría, do 27.5.2022; e de Intervención, do 28.5.2022.

8. O Pleno da Corporación aprobou provisionalmente a MP en sesión do 30.5.2022.

II. Obxecto e descrición da modificación.

A modificación puntual ten a súa orixe na Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia número 00455/2007, que anula parcialmente o PXOM de Sanxenxo, polo que se produce a reviviscencia neste ámbito das anteriores normas subsidiarias de planeamento municipal (NNSS).

O obxecto da MP é acreditar a suficiencia de servizos urbanísticos do ámbito e a súa integración na malla urbana, polo que acadan os terreos a consideración de solo urbano consolidado segundo o establecido na LSG.

O ámbito alcanza 23.658 m², definido polo norte polos quinteiros de ordenanza 5 da rúa das Barreiras, polo sur pola vía PO-308, polo leste polos ámbitos PEI-4 e PEI-5 e polo oeste cos quinteiros das ordenanzas 8 e 9 que constituían o límite do solo de núcleo rural das NNSS. O ámbito delimitado na fase de avaliación ambiental viuse reducido durante a tramitación.

Finalmente, o ámbito recolle un só quinteiro en función das vías existentes, para os cales se fixan as correspondentes aliñacións, e asígnaselles a cualificación segundo as características do solo, usos existentes e as bases establecidas no PXOM. Nos planos da proposta establécense os ámbitos de aplicación das ordenanzas 5, de edificación unifamiliar intensiva; e 9, hoteleira ou comercial en edificio illado; inclúese unha ordenanza específica de ruído na contorna da PO-308.

III. Análise e consideracións.

1. As razóns de interese público en que se xustifica esta modificación puntual, segundo o establecido no artigo 83.1 da LSG, fundaméntanse na necesidade de establecer un marco normativo que garanta a seguridade xurídica para propietarios, concello e axentes implicados, así como ordenar un ámbito de solo urbano consolidado e das vías existentes, con condicións adecuadas e acordes ao marco normativo vixente.

2. Analizada a documentación achegada, constátase o cumprimento das cuestións recollidas no informe emitido pola Dirección Xeral de Urbanismo no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG; ademais, verifícase que os informes sectoriais emitidos son favorables ou se formalizaron axeitadamente.

3. O documento da modificación puntual debe adaptarse ás normas técnicas de planeamento, que entraron en vigor o día 25 de maio de 2020, e os planos deben recoller todos os grafismos existentes neles, así como empregar a mesma escala para os planos de información de cuestións similares (instalacións existentes, por exemplo).

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral correspónde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 10 do Plan xeral de ordenación municipal de Sanxenxo, condicionada ao cumprimento do establecido no punto III.3.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobadas definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíqueselle esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.