Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Martes, 22 de novembro de 2022 Páx. 60582

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2022, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se ordena a publicación da modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga).

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 4 de agosto de 2022, adoptou, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública, o acordo polo que se autorizou a modificación dos artigos 15, 17, 24.b) e 28, así como a creación do artigo 34.bis, dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga).

En cumprimento do disposto nos artigos 104.3 e 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta resolución, da nova redacción dos artigos modificados dos estatutos da Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga).

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2022

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio da Consellería
de Facenda e Administración Pública

ANEXO

«Artigo 15. Constitución da Xunta

A Xunta Xeral, ordinaria ou extraordinaria, quedará validamente constituída, en primeira convocatoria, cando os accionistas, presentes ou representados, posúan cando menos a cuarta parte do capital subscrito con dereito a voto. En segunda convocatoria, será válida a reunión da xunta calquera que sexa o capital concorrente a ela.

A Xunta Xeral poderá realizarse de maneira presencial ou telemática, sempre que as persoas asistentes estean interconectadas entre si por videoconferencia ou outros medios telemáticos que permitan o seu recoñecemento e identificación e a permanente comunicación entre elas».

«Artigo 17. Requisitos de convocatoria e Xunta Universal

O anuncio expresará a data da reunión en primeira convocatoria e a orde do día. Poderá, así mesmo, facerse constar a data en que, se procede, se reunirá a xunta en segunda convocatoria. Entre a primeira e a segunda reunión deberá haber, polo menos, un prazo de 24 horas. Farase mención do dereito de calquera accionista a obter da empresa pública, de forma inmediata e gratuíta, os documentos que serán sometidos á súa aprobación e, se é o caso, o informe dos auditores de contas. Non obstante, a xunta entenderase convocada e quedará validamente constituída para tratar calquera asunto sempre que estea presente todo o capital desembolsado e as persoas asistentes acepten por unanimidade a súa realización.

En caso de ter lugar por medios telemáticos, na convocatoria especificaranse os medios que se van utilizar, que deberán garantir o recoñecemento e identificación das persoas asistentes e a permanente comunicación entre elas».

«Artigo 24. Concepto e facultades

A administración e a representación da empresa pública en xuízo e fóra del correspóndelles aos administradores constituídos no Consello de Administración.

A execución dos seus acordos corresponderalle ao/á conselleiro/a ou conselleiros/as que o propio consello designe e, na súa falta, ao/á presidente/a ou ao/á apoderado/a con facultades para executar e elevar a públicos os acordos sociais.

O órgano de administración poderá facer e levar a cabo canto estea comprendido dentro do obxecto social, así como exercer aquelas facultades que non estean expresamente reservadas pola lei ou por estes estatutos á Xunta Xeral. De modo meramente enunciativo, correspóndenlle ao órgano de administración as seguintes facultades e todo canto con elas estea relacionado, amplamente e sen limitación ningunha:

(...)

b) Dirixir o persoal, efectuar o seu nomeamento e separación, e fixar a súa retribución. Nomear, por proposta da Presidencia, o/a director/a-xerente e director/a de administración e servizos xerais; aprobar un cadro de persoal, que incluirá os postos de persoal directivo, e os instrumentos polos que se regulen as condicións de traballo do persoal, a subscrición de convenios colectivos, as ofertas de emprego e as bases das convocatorias de contratación de persoal, que requirirán, en todo caso, informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e función pública».

(...)

«Artigo 28. Convocatoria

1. O Consello de Administración será convocado polo/a presidente/a ou quen faga as súas veces.

2. As reunións do Consello poderán realizarse de xeito presencial na localidade onde radique o domicilio social, en calquera outro lugar acordado por unanimidade dos seus membros ou por medios telemáticos. Para iso, na convocatoria especificaranse o lugar da reunión ou os medios que se van utilizar, que deberán garantir o recoñecemento e identificación das persoas asistentes e a permanente comunicación entre elas.

3. Os/as administradores/as que constitúan polo menos un terzo dos membros do Consello poderán convocalo, con indicación da orde do día, para a súa realización na localidade onde radique o domicilio social, ou por medios telemáticos, se logo de pedirllo ao/á presidente/a, este/a, sen causa xustificada, non fai a convocatoria no prazo dun mes.

4. En todo caso, o Consello quedará validamente constituído para tratar calquera asunto sen necesidade de convocatoria previa se, encontrándose presentes ou representados todos os seus membros, todas as persoas asistentes aceptan por unanimidade que teña lugar.

5. A convocatoria do Consello, agás en casos de urxencia debidamente xustificada, cursarase, polo menos, con setenta e dúas horas de antelación, e fixarase a orde dos asuntos que se tratarán. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición dos membros en igual prazo».

«Artigo 34.bis. Director/a de Administración e Servizos Xerais

1. O/a director/a de Administración e Servizos Xerais será nomeado/a e separado/a libremente entre persoas que acrediten formación e/ou experiencia en administración e xestión pública, ou no ámbito de xestión de recursos humanos e xestión económico-administrativa.

O seu nomeamento correspóndelle ao Consello de Administración por proposta da Presidencia e será necesario que se subscriba un contrato entre el e a sociedade, que deberá ser aprobado previamente polo Consello de Administración co voto favorable das dúas terceiras partes dos seus membros. En todo caso, a remuneración axustarase ao previsto no Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

2. O/a director/a de Administración e Servizos Xerais, como titular deste órgano executivo, dirixirá as actuacións xurídico-administrativas, o réxime interno, o réxime de recursos humanos, a prevención de riscos laborais, os servizos comúns, o desenvolvemento dos expedientes de contratación e a xestión orzamentaria e contable, baixo as instrucións da persoa titular da Dirección-Xerencia. Ademais, substituirá a persoa titular da Dirección-Xerencia no caso de vacante, ausencia ou enfermidade desta.

3. O/a director/a de Administración e Servizos Xerais asistirá, con voz pero sen voto, ás reunións das xuntas e consellos, cando así lle sexa requirido ou se convoque».