Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Xoves, 25 de agosto de 2022 Páx. 45754

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 8 de agosto de 2022 de aprobación definitiva da modificación puntual número 4 do Plan xeral de ordenación municipal de Valga.

O Concello de Valga remite a documentación relativa a esta modificación puntual de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e os artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu Regulamento da Lei 2/2016 (RLSG).

Analizada a documentación achegada, redactada polos arquitectos Álvaro Fernández Carballada e Beatriz Aneiros Filgueira; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Valga conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 15.10.2010 (DOG do 28 de outubro e BOP do 4 de novembro).

2. Mediante Resolución do 4.10.2019 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formula o informe ambiental estratéxico desta modificación puntual e decide non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (DOG do 18 de outubro, expediente 2019AAE2356).

3. Consta informe técnico municipal do 22.7.2020, informe xurídico do 24.7.2020 e informe de secretaría do 31.7.2020.

4. A modificación puntual número 4 apróbase inicialmente o 17.8.2020, someténdose a información pública por prazo de dous meses, mediante publicación no DOG do 16.9.2020 e no xornal Faro de Vigo do 16.9.2020.

5. Desde o concello foron solicitados informes a: Delegación do Goberno (consta informe do 26.4.2021 e remite informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do día 14.4.2021); Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (informe do 19.4.2021); Secretaría de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Dirección Xeral de Planificación e Avaliación da Rede Ferroviaria (informe do 12.3.2021 e 15.3.2021); Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) informe do 23.3.2021; e Ministerio de Defensa (informe do 12.3.2021).

6. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG foron solicitados informes sectoriais a: Instituto de Estudos do Territorio (consta informe do 13.9.2021); Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (informe do 25.3.2019); Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, en materia de minas (informe do 23.6.2021); Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (informe do 23.6.2021); Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (informe do 22.9.2021); Deputación de Pontevedra (acordo do 9.7.2021) e a Augas de Galicia (informe do 23.9.2021).

Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Estrada, Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, Dodro e Pontecesures, recibíndose da Estrada informe do 2.2.2022.

7. Consta o informe técnico do 12.11.2021, informe de secretaría do 17.11.2021 e informe de intervención do 17.11.2021.

8. O Concello Pleno aprobou provisionalmente esta modificación puntual en sesión do 13.12.2021.

9. O Concello de Valga achega o documento aprobado provisionalmente, segundo o establecido no artigo 60.13 da LSG, e dá resposta aos requirimentos realizados.

II. Obxecto e descrición da modificación.

O obxecto da modificación puntual é alterar o trazado de 5 viarios previstos polo PXOM en varios núcleos rurais, consecuencia da aprobación do Inventario de Camiños Municipais (ICM) no ano 2014 e da nova documentación achegada polos veciños. Nomeadamente supón:

– Núcleo rural do Campo (Xanza): para incluír un camiño existente non incorporado ao PXOM e que está previsto incorporar ao ICM.

– Núcleo rural de Sisto (Xanza): para incluír un camiño existente non incorporado ao PXOM e que está previsto incorporar ao ICM.

– Núcleo rural As Cernadas (Valga): para eliminar un camiño do PXOM que é de titularidade privada e non é preciso para a correcta mobilidade no núcleo.

– Núcleo rural O Outeiriño (Xanza): para a inclusión dun camiño existente non recollido polo PXOM e que está previsto incorporar ao ICM.

– Núcleo rural A Devesa (Campaña): para a inclusión dun camiño existente non recollido polo PXOM e que está previsto incorporar ao ICM.

III. Análise e consideracións.

1. As razóns de interese público nas que se xustifica a modificación puntual, segundo o establecido no artigo 83.1 da LSG, baséanse na necesidade de adaptar o PXOM á realidade xurídica vixente en canto ao sistema viario público, mellorando a súa funcionalidade e emendando as discrepancias existentes entre o PXOM, o Inventario de Camiños Municipais ou a realidade xurídica da propiedade.

2. Analizada a documentación achegada, cómpre sinalar que o documento responde ás cuestións sinaladas no informe emitido pola Dirección Xeral de Urbanismo no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. En relación cos informes sectoriais emitidos na tramitación deste, son favorables ou deuse cumprimento a eles.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 4 do Plan xeral de ordenación municipal de Valga.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda