Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Xoves, 25 de agosto de 2022 Páx. 45749

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 8 de agosto de 2022 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Xunqueira de Ambía no ámbito da rúa Asdrúbal Ferreiro.

O Concello de Xunqueira de Ambía remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 60.13 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e 144.13 do seu regulamento (RLSG).

Analizada a documentación achegada polo concello e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Xunqueira de Ambía dispón de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), aprobado definitivamente o 10 de outubro de 2005. Tamén conta cun PEPR da zona histórica e cun plan de sectorización do solo industrial de Casnaloba.

I.2. A tramitación ata o momento da modificación puntual foi a seguinte:

• O 20 de decembro de 2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático ditou resolución (DOG do 18 de xaneiro de 2019) en que resolveu non someter a modificación puntual ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, e xunta os informes correspondentes ás consultas previas da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do Instituto de Estudos do Territorio, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e da Dirección Xeral de Mobilidade.

• Constan informes municipais técnico e xurídico, do 5 de febreiro de 2019.

• O Pleno do Concello do 15 de febreiro de 2019 aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios no diario La Voz de Galicia, do 2 de agosto de 2019, e no DOG do 21 de agosto de 2019.

• Durante a exposición ao público non se presentou ningunha alegación.

• O acordo de aprobación inicial foi notificado individualmente aos titulares catastrais do ámbito. O 14 de xaneiro de 2021 foi presentada unha alegación por un particular relativo a un camiño situado no ámbito da modificación puntual.

• Consta informe favorable do 20 de xaneiro 2020, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, canto que non é necesario o informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Consta informe do 27 de xaneiro de 2020, da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, en que se sinala que non procede informar.

• Consta informe favorable do 6 de febreiro de 2020, do Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural.

• Consta informe do 7 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

• Consta informe favorable do 11 de marzo de 2020, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, condicionado a incorporar medidas protectoras e correctoras.

• Consta informe favorable do 26 de marzo de 2020, do Instituto de Estudos do Territorio (IET).

• Consta informe favorable do 21 de abril de 2020, de Augas de Galicia.

• Consta solicitude de informe á Deputación Provincial de Ourense, do 14 de xaneiro de 2020, sen que conste contestación.

• Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Allariz, Baños de Molgas, Paderne de Allariz, Sandiás, Sarreaus, Vilar de Barrio e Xinzo de Limia, e recibiuse contestación do Concello de Xinzo de Limia o 20 de xaneiro de 2020, sen observacións.

• Consta informe favorable do 2 de xullo de 2020, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

• Consta informe favorable do 19 de agosto de 2019, da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Economía y Empresa.

• Consta informe favorable do 19 de agosto de 2020, da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Fomento.

• Constan informes municipais técnico e xurídico, do 18 de setembro de 2020.

• O Pleno Municipal do 2 de outubro de 2020 aprobou provisionalmente a modificación puntual.

• O 26 de maio de 2022 e o 8 de xullo de 2022 o Servizo de Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ditou dous requirimentos documentais ao concello. O 9 de xuño de 2022 e o 18 de xullo de 2022 o concello achegou a documentación solicitada conforme o disposto no artigo 60.14 da LSG, para proceder á aprobación definitiva da modificación puntual, ao abeiro do establecido no artigo 60.16 da LSG.

I. Análise e consideracións da modificación puntual.

II.1. O ámbito da modificación puntual afecta a parte da parcela 571 do polígono 10, clasificada como solo urbano e cualificada como uso dotacional SC-15; a parte das parcelas 560, 663, 817, 822 e 861; e a unha pequena parte da parcela 571, todas do polígono 10, clasificadas como solo rústico e categorizadas como rústico de protección de infraestruturas e rústico de complexo agrario tradicional.

II.2. Como o PXOM de Xunqueira de Ambía se aprobou definitivamente o 10 de outubro de 2014, élle de aplicación o establecido na disposición transitoria primeira da LSG para o planeamento aprobado definitivamente con anterioridade á entrada en vigor da LSG e adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro.

Á parte de solo urbano incluída no ámbito aplícaselle integramente o disposto no PXOM. Ao solo rústico incluído no ámbito aplícaselle o disposto na LSG para o solo rústico e, en todo caso, a vixencia das categorías do planeamento municipal (solo rústico de protección de infraestruturas e solo rústico de complexo agrario tradicional).

II.3. O obxecto da modificación puntual parte da necesidade da creación dunha residencia de terceira idade no ámbito dotacional situado ao sueste do solo urbano, aproveitando a preexistencia de varios volumes existentes e sen uso, que non aparecían grafados e afectan o vial de nova apertura de 16 m de sección, prolongación do previsto no SUDR.1.

A modificación puntual amplía a clasificación do solo urbano de Xunqueira de Ambía, recollendo completas as edificacións existentes como sistema xeral de equipamento e reclasificando como solo urbano solos rústicos de especial protección de infraestruturas e de complexo agrario tradicional. Deste xeito, elimina a vía previsto de nova apertura para crear unha área de aparcamento ao servizo da zona dotacional con acceso pola rúa Asdrúbal Ferreiro.

II.4. O interese público da modificación fundaméntase na incorporación completa das naves existentes ao sistema de dotacións, abranguendo un espazo ao seu carón para dar cabida á instalación dun aparcamento que dea servizo á nova dotación. A supresión da vía motívase na vontade do concello, por razóns de interese económico que derivan nun custo de xestión e execución non recollido no planeamento, e mesmo por razóns técnicas por ausencia de utilidade.

II.5. No punto 3.1 da memoria xustificativa –Descrición da ordenación– incorpórase un cadro coa superficie total do ámbito, diferenciando a clasificada como solo urbano da clasificada como solo rústico e dentro deste, as superficies das distintas categorías de solo, tanto no plan xeral como na modificación puntual.

Porén, no punto 3.2.1 –solo urbano– da memoria xustificativa, os datos dos dous primeiros cadros coa superficie da parcela dotacional (8.654 m2) non coinciden cos do útimo cadro e cos do primeiro do punto 3.1 (8.625 m2), polo que deberá emendarse este erro.

II.6. Na memoria falta o punto 4 –Cartografía–, que figuraba no borrador do plan.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Xunqueira de Ambía no ámbito dotacional da rúa Asdrúbal Ferreiro, condicionada á emenda das deficiencias sinaladas nos puntos II.5 e II.6 anteriores.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíqueselle esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda