Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Xoves, 25 de agosto de 2022 Páx. 45758

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 12 de agosto de 2022 pola que se modifica a Orde do 30 de xullo de 2009 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Ribeiro e do seu consello regulador.

O Regulamento vixente da denominación de orixe Ribeiro e do seu consello regulador aprobouse mediante a Orde do 30 de xullo de 2009, da Consellería do Medio Rural (DOG núm. 149, do 31 de xullo).

Ante a proximidade do proceso electoral que vai servir para a renovación dos órganos de goberno do consello regulador, este organismo, na súa sesión plenaria do pasado día 12 de novembro, aprobou unha modificación puntual do seu regulamento.

A dita modificación afecta exclusivamente o punto 2 do artigo 28 do regulamento, e faise co obxecto de adaptalo aos cambios producidos nos últimos anos nos censos e aos criterios de representatividade que se recollen no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Por todo o anterior, tras a proposta do Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e de acordo co establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do anexo da Orde do 30 de xullo de 2009 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Ribeiro e do seu consello regulador

O punto 2 do artigo 28 do Regulamento da denominación de orixe Ribeiro e do seu consello regulador queda redactado do seguinte xeito:

«2. O Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro estará constituído por:

a) Tres vogais, en representación do sector vitícola, elixidos democraticamente por e entre os titulares de viñedos inscritos no Rexistro de Viñas do consello regulador, con excepción daqueles que sexan socios de cooperativas que sexan titulares, directa ou indirectamente, de adegas da denominación, a través das cales transformen a uva e comercialicen o viño.

b) Tres vogais en representación do sector vinícola, elixidos democraticamente por e entre os titulares de adegas inscritas nos rexistros do consello regulador, con excepción daquelas cuxo titular sexa, directa ou indirectamente, unha sociedade cooperativa e as que teñan a consideración de adegas de colleiteiro, de acordo co establecido no artigo 17.1.

A representación deste sector subdividirase en dous subcensos, en función da produción de viño cualificado e contraetiquetado como media nos últimos tres anos naturais, de xeito que a repartición das tres vogalías queda do seguinte xeito:

– Ás adegas cunha produción maior ou igual a 400.000 litros (subcenso B1) corresponderalles un vogal.

– Ás adegas cunha produción menor de 400.000 litros (subcenso B2) corresponderalle un vogal.

– O terceiro vogal asignarase ao subcenso (B1 ou B2) que teña maior produción de viño cualificado e contraetiquetado como media nos últimos tres anos naturais.

Para as adegas de recente creación, se nalgún deses anos non tivesen actividade, faranse os cálculos tendo en conta só os anos en que houbo actividade.

c) Tres vogais en representación do sector cooperativo, constituído polos titulares de viñedos inscritos no Rexistro de Viñas do consello regulador que sexan socios dalgunha cooperativa que sexa, pola súa parte, titular, directa ou indirectamente, dalgunha adega inscrita na denominación de orixe, a través da cal transformen a uva e comercialicen o viño, así como polos titulares das devanditas adegas de base cooperativa. As cooperativas, adegas de base cooperativa ou as súas agrupacións poderán presentar candidaturas só a este censo específico.

d) Un vogal en representación do sector de colleiteiros segundo a definición do artigo 17.1. Os electores deste censo non poderán selo en ningún outro censo».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2022

O conselleiro do Medio Rural
P.S. (Resolución do 5 de agosto de 2022)
Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes