Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 27 de xuño de 2022 Páx. 36662

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2022, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 19 de maio de 2022, polo que se declara a necesidade de ocupación, así como a primacía sobre o aproveitamento forestal dos establecementos de beneficio do grupo Irosa, en que se inclúe Pizarras Samaca, S.A., sitos no Trigal, no concello de Carballeda de Valdeorras (Ourense).

En cumprimento do disposto no artigo 21 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e no artigo 20 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 19 de maio de 2022, polo que se declara a necesidade de ocupación, así como a primacía sobre o aproveitamento forestal dos establecementos de beneficio do grupo Irosa, no cal se inclúe Pizarras Samaca, S.A., sitos no Trigal, no Concello de Carballeda de Valdeorras (Ourense).

Ourense, 27 de mayo de 2022

Pablo Fernández Vila
Xefe territorial de Ourense

ANEXO

«Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 19 de maio de 2022, polo que se declara a necesidade de ocupación, así como a primacía sobre o aproveitamento forestal dos establecementos de beneficio do grupo Irosa, no cal se inclúe Pizarras Samaca, S.A., sitos no Trigal, no Concello de Carballeda de Valdeorras (Ourense).

Examinado o expediente da solicitude de necesidade de ocupación para os establecementos de beneficio da entidade Industrias de Rocas Ornamentales, S.A. e Pizarras Samaca, S.A., sitos no Trigal, no Concello de Carballeda de Valdeorras, na provincia de Ourense, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 29.10.2020, Rogelio López Rodríguez, en condición de presidente do consello de administración da entidade Industrias de Rocas Ornamentales, S.A. (en diante, Irosa) e Pizarras Samaca, S.A. (en diante, Samaca), esta última pertencente ao grupo Irosa, presentou escrito dirixido á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en Ourense, polo que solicitou a declaración de utilidade pública e interese social “dos establecementos de beneficio que conforman o conxunto de talleres de lousa, naves, accesos, instalacións eléctricas, de auga, de depuración e auxiliares, entulleiras que se comprenden e delimitan no plano anexo (...) dentro dos terreos propiedade da Comunidade Veciñal do Monte en Man Común nº 1392 montes baixos de Portela e Trigal”. Estes establecementos de beneficio foran autorizados a nome de Irosa e Samaca mediante a Resolución do 6.11.2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Segundo. Mediante a Resolución do 28.10.2021, da Xefatura Territorial de Ourense, fíxose público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21.10.2021, polo que se declarou a utilidade pública e o interese social para os establecementos de beneficio do grupo Irosa, no cal se inclúe Samaca, sitos no Trigal, no Concello de Carballeda de Valdeorras (DOG núm. 225, do 23.11.2021), a cal foi notificada a Irosa e posta á disposición da Comunidade Veciñal do Monte en Man Común de Portela e O Trigal o 29.10.2021.

Terceiro. O 2.11.2021, Irosa solicitou a urxente ocupación para os establecementos de beneficio que foran declarados de utilidade pública e interese social polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21.10.2021, e achega, entre outra documentación, a relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos afectados. O 15.11.2021, Irosa modificou a solicitude de urxente ocupación polo procedemento ordinario.

Cuarto. Mediante o Acordo do 30.11.2021, da Xefatura Territorial de Ourense, fíxose pública a relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos formulada por Irosa para os establecementos de beneficio do grupo, no cal se inclúe Samaca, sitos no Trigal, no Concello de Carballeda de Valdeorras. O citado acordo foi publicado no DOG núm. 235, do 9.12.2021, no BOP de Ourense núm. 289, do 18.12.2021, e no xornal La Región do 8.12.2021. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Carballeda de Valdeorras), que emitiu o correspondente certificado de exposición pública.

Quinto. O 2.12.2021, a Xefatura Territorial de Ourense remitiulle á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o expediente de expropiación relativo aos establecementos de beneficio de referencia, para que de acordo co artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de execución da Lei de montes veciñais en man común de Galicia, e unha vez feitos os trámites oportunos e oída a comunidade afectada, emita informe sobre os asuntos da súa competencia e llo devolvese á Xefatura Territorial de Ourense para a súa prosecución en forma legal.

Sexto. O 7.12.2021, a Xefatura Territorial de Ourense deulle traslado á Comunidade Veciñal do Monte en Man Común de Portela e O Trigal da relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos formulada por Irosa para os establecementos de beneficio de referencia, co fin de que, de conformidade co artigo 18 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, no prazo de 15 días, puidese achegar cantos datos permitan a rectificación dos posibles erros que se considerasen cometidos na relación que se fixo pública polo Acordo do 30.11.2021, a que se fai referencia no antecedente de feito cuarto deste acordo.

Sétimo. O 23.12.2021, José Antonio Iglesias Franco, en representación da Comunidade Veciñal do Monte en Man Común de Portela e O Trigal, presentou un escrito, no cal solicitou copia de varios dos documentos achegados por Irosa coa solicitude do 2.11.2021, a que se fai referencia no antecedente de feito terceiro deste acordo. O 28.12.2021, a Xefatura Territorial de Ourense achegoulle a documentación solicitada.

Oitavo. O 30.12.2021, José Antonio Iglesias Franco, en representación da Comunidade Veciñal do Monte en Man Común de Portela e O Trigal, e dentro do prazo concedido, presentou, en resumo, as seguintes alegacións:

– Non é certo que a CMVMC Portela e O Trigal se opuxera ao arrendamento dos terreos; unicamente se lle pediu a Irosa a mesma cantidade de €/Ha que outras empresas estremeiras están a pagar.

– Os contratos entre a CMVMC Portela e O Trigal e Irosa-Samaca concluíron no ano 2014. Desde entón, Irosa segue ocupando os terreos sen pagar.

– Segundo se estipula nos contratos de arrendamento todas as construcións existentes nos terreos arrendados pertencen á CMVMC Portela e O Trigal, feito tamén amparado polo artigo 10 do Regulamento da Lei 13/1989, do 10 de outubro, polo que estas edificacións teñen que ser incluídas na relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos afectados. Concretamente, estas son:

• Nave industrial: 1.923 m2.

• Nave industrial: 3.429 m2.

• Almacén: 168 m2.

• Depósitos auga: 453 m2.

– A CMVMC Portela e O Trigal reclama unha parcela de 26.511 m2, con edificacións de 9.248 m2 sobre ela, que Irosa non inclúe na relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos afectados.

– Esta mesma situación prodúcese noutra parcela de 31.938 m2, dos cales 3.671 m2 corresponden a edificacións. Neste terreo tamén existe un muro de peche construído en terreos da comunidade que deberá tamén ser incluído na relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos afectados.

– Samaca non pode ser beneficiaria da expropiación por non ser titular de ningunha concesión mineira.

– Irosa e Samaca non son propietarios dos terreos onde se asentan as naves, talleres, oficinas e almacéns, que pertencen á CMVMC Portela e O Trigal. Que segundo o artigo 2 da Lei 13/1989, do 10 de outubro: “Os montes en man común non poden ser adquiridos, son inembargables, indivisibles e imprescritibles” polo que Irosa non puido adquirir ningunha parcela pertencente aos veciños do Trigal e Portela. Que na documentación achegada por Irosa non aparece ningún contrato de compra de terreos a particulares, e de habelo, sería nulo xa que os terreos ocupados forman parte do monte veciñal en man común de Portela e O Trigal. Que o feito de que no catastro aparezan como titulares Irosa ou Samaca non quere dicir que sexan propietarios lexítimos xa que o catastro non constitúe título de propiedade.

– Todo o terreo ocupado por Irosa-Samaca é propiedade dos veciños de Portela e O Trigal.

– Irosa e Samaca carecen de licenza de actividade en todas as naves, agás unha que pertenceu a Pizarras Trevinca, S.A., polo que non pode acordarse necesidade de ocupación a favor dunha sociedade que carece de licenza de actividade.

– Irosa non presentou a relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos segundo indica a Lei de expropiación forzosa, unicamente achegou un plano con coordenadas.

Noveno. O 13.1.2022, unha vez finalizado o prazo de exposición pública, desde a Xefatura Territorial de Ourense remitíronse a Irosa as alegacións presentadas pola comunidade de montes de Portela e O Trigal.

Décimo. O 19.1.2022, Irosa achegou contestación ás alegacións formuladas pola CMVMC Portela e O Trigal, onde rebate o seu contido e solicita que non sexan tidas en consideración.

Décimo primeiro. Unha vez feita pública a relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos formulada por Irosa para os establecementos de beneficio, sitos no Trigal, e unha vez recibidas as alegacións da comunidade de montes afectada e a resposta do promotor, a Xefatura Territorial de Ourense achegoulle á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal a citada documentación para completar o expediente e reiterar a solicitude do 2.12.2022, a que se fai referencia no antecedente de feito quinto deste acordo.

Décimo segundo. O 7.2.2022, a Xefatura Territorial de Ourense recibiu o informe favorable emitido polo Servizo de Montes de Ourense sobre a declaración de primacía da utilidade pública e o interese social para os establecementos de beneficio do grupo Irosa, sobre terreos do MVMC “montes baixos de Portela e O Trigal”, pertencente á CMVMC Portela e O Trigal, no Concello de Carballeda de Valdeorras.

Décimo terceiro. O 25.2.2022, persoal técnico do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense emitiu informe favorable sobre a necesidade de ocupación dos establecementos de beneficio do grupo Irosa, no cal se inclúe Samaca.

Décimo cuarto. O 28.2.2022, a Xefatura Territorial de Ourense solicitou informe da área xurídica do mesmo organismo sobre a procedencia de elevar a solicitude de necesidade de ocupación ao Consello da Xunta de Galicia.

Décimo quinto. O 14.3.2022, a Área Xurídica e Coordinación da Xefatura Territorial de Ourense informa favorablemente a solicitude de necesidade de ocupación (...) e considera necesaria a elevación da citada declaración ao Consello da Xunta de Galicia.

Décimo sexto. O 16.3.2022, a Xefatura Territorial de Ourense remitiu á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o expediente completo e ordenado, e propuxo continuar a súa tramitación para a adopción polo Consello da Xunta de Galicia do acordo de necesidade de ocupación, así como a primacía sobre un aproveitamento forestal, para os establecementos de beneficio, ao cumprirse os requisitos legais establecidos para iso.

Décimo sétimo. O 27.4.2022, a Asesoría Xurídica de Enerxía, Recursos Naturais, Comercio e Consumo emitiu informe segundo o cal “considera viable a necesidade de ocupación e primacía sobre o aproveitamento forestal, polo que procede a remisión do expediente ao Consello da Xunta de Galicia para que adopte o acordo oportuno”.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 15 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e no número 1 do artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de execución da Lei de montes veciñais en man común de Galicia, que indica que “os montes veciñais en man común poderán ser obxecto de expropiación forzosa por causa de utilidade pública ou interese social prevalente ás do propio monte, mediante declaración expresa da Xunta de Galicia, logo de informe da Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes e oídas as comunidades afectadas”.

Segunda. Segundo se infire do Real decreto 2758/1978, do 25 de agosto, polo que se aproba o Regulamento xeral para o réxime da minaría, no seu artigo 138, os establecementos destinados á preparación, concentración ou beneficio dos recursos (instalacións de preparación, plantas de concentración, ou plantas de beneficio) deberán ser autorizadas como establecemento de beneficio pola Dirección Xeral de Enexía e Minas.

Cómpre subliñar que tal e como se indica no antecedente de feito primeiro, as instalacións a que se fai referencia foron autorizadas mediante a Resolución do 6.11.2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, como establecementos de beneficio.

Terceira. No título e capítulo segundo da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, regúlase a necesidade de ocupación de bens ou de adquisición de dereitos.

En cumprimento do disposto no artigo 18 da Lei de expropiación forzosa e no artigo 17 do seu regulamento, fíxose pública a relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos formulada por Irosa a través do Acordo do 30.11.2021, da Xefatura Territorial de Ourense. O citado acordo foi publicado no DOG núm. 235, do 9.12.2021, no BOP de Ourense núm. 289, do 18.12.2021, e no xornal La Región do 8.12.2021. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Carballeda de Valdeorras), que emitiu o correspondente certificado de exposición pública.

O 7.12.2021, a Xefatura Territorial de Ourense deulle traslado á comunidade afectada da relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos formulada por Irosa para os establecementos de beneficio de referencia, co fin de que, de conformidade co artigo 18 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, no prazo de 15 días, puidese achegar cantos datos permitan a rectificación dos posibles erros que se considerasen cometidos na relación que se fixo pública polo Acordo do 30.11.2021.

O 30.12.2021, José Antonio Iglesias Franco, en representación da Comunidade Veciñal do Monte en Man Común de Portela e O Trigal, e dentro do prazo concedido, presentou alegacións. O 13.1.2022, unha vez finalizado o prazo de exposición pública, desde a Xefatura Territorial de Ourense remitíronse a Irosa as alegacións presentadas pola citada comunidade de montes.

O 19.1.2022, Irosa achegou contestación ás alegacións formuladas pola CMVMC Portela e O Trigal, onde rebate o seu contido e solicita que non sexan tidas en consideración.

Nos números 1 e 2 do artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de execución da Lei de montes veciñais en man común de Galicia, recóllese que:

“1. Os montes veciñais en man común poderán ser obxecto de expropiación forzosa por causa de utilidade pública ou interese social prevalente ás do propio monte, mediante declaración expresa da Xunta de Galicia, logo de informe da Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes e oídas as comunidades afectadas.

2. Unha vez iniciado o expediente de expropiación e completado coa memoria xustificativa e a descrición do terreo de que se trate, remitirase á Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes para que se dea vista del á comunidade afectada, por conduto da delegación provincial correspondente, que procederá a informalo no termo dun mes. Unha vez cumprido aquel trámite elevarao, no prazo de quince días, á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, que proporá ao conselleiro de Agricultura, Gandaría e Montes o que proceda”.

O 2.12.2021, a Xefatura Territorial de Ourense remitiulle á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o expediente de expropiación relativo aos establecementos de beneficio de referencia, para que de acordo co artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e unha vez feitos os trámites oportunos e oída a comunidade afectada, esa dirección xeral llo devolvese para a súa prosecución en forma legal, así como para que emitise informe dos asuntos da súa competencia.

Unha vez feita pública a relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos formulada por Irosa para os establecementos de beneficio, sitos no Trigal, e unha vez recibidas as alegacións da comunidade de montes afectada e a resposta do promotor, a Xefatura Territorial de Ourense achegoulle á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal a citada documentación para completar o expediente e reiterar a solicitude do 2.12.2022.

O 7.2.2022, a Xefatura Territorial de Ourense recibiu o informe favorable emitido polo Servizo de Montes de Ourense sobre a declaración de primacía da utilidade pública e o interese social para os establecementos de beneficio do grupo Irosa, sobre terreos do MVMC “montes baixos de Portela e O Trigal”, pertencente á CMVMC Portela e O Trigal, no Concello de Carballeda de Valdeorras. No citado informe, recóllese, literalmente, o seguinte:

“ (...) Antecedentes.

Na sección provincial do Rexistro de MMVVMC consta o seguinte:

1. O Xurado Provincial de Montes en Man Común acordou, o 9.11.1977, o seguinte:

Clasificar os montes denominados “montes baixos de Portela e O Trigal”, cunha extensión superficial en conxunto de 212 ha (…); estes montes de Portela e O Trigal están situados arredor destes pobos e os seus predios particulares, formados por seis parcelas independentes entre si, emprazados na periferia do termo parroquial como continuidade dos montes das comunidades estremeiras. As parcelas son: a do extremo S do termo parroquial, limita coa Serra de Casaio e Lardeira polo S, e polo O co monte de Casoio polo río Casoio. Outras dúas ao O do termo limitan tamén con parcelas do monte de Casoio, practicamente segundo a divisoria de augas; outras dúas polo N continuidade dos montes de Medua e, finalmente, unha enclavada entre predios particulares, ao L, cara a Peña; cuxa descrición perimetral aparece recollida na carpeta-ficha unida a este expediente; como veciñal en man común, pertencente en réxime de comunidade xermánica aos veciños dos lugares de Portela e O Trigal, no concello de Carballeda de Valdeorras (…).

2. Posteriormente, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou, o 26.4.2016, aprobar o acto de conciliación acadado entre as CMVMC de Portela e O Trigal e Casoio, no concello de Carballeda de Valdeorras (...).

Consideracións legais.

1. O artigo 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e mais o artigo 30 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de execución da Lei 13/1989, establecen que a resolución firme de clasificación dun terreo como monte veciñal en man común producirá, entre outros, o seguinte efecto:

a) Atribuírlle a propiedade á comunidade veciñal correspondente, en canto non exista sentenza firme en contra, ditada pola xurisdición ordinaria.

(...)

Informe.

En relación co expediente de referencia, infórmase o seguinte:

1. De acordo coas coordenadas indicadas no anexo Relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos, incluído no Acordo do 30 de novembro de 2021, da Xefatura Territorial de Ourense, xa citado, e tendo en conta o esbozo citado no antecedente 1º e mais a modificación aprobada no antecedente 2º, os establecementos de beneficio en cuestión atópanse dentro do MVMC Portela e O Trigal; en concreto, o denominado polígono norte (situado ao norte da estrada autonómica OU-122, Sobradelo-Trevinca) comprende terreos da parcela rústica 32018A01000149 e da parcela urbano-industrial 002200100PG79F; mentres que o polígono sur (situado ao sur desa estrada) comprende terreos das parcelas rústicas 32018A01500038, 32018A01500042, 32018A01500416, 32018A01500419, 32018A01500420, 32018A01500426, 32018A01500429, 32018A01500430, 32018A01500437, 32018A01500506, 32018A01500507, 32018A01509006 e 32018A01509013 e das urbano-industriais 002200500PG79F e 002200600PG79F.

2. A xunta reitora da CMMVVMC da Portela e O Trigal consta inscrita e en vigor na sección provincial do Rexistro de MMVVMC.

3. Os terreos indicados no punto 1 non están afectados por convenios ou consorcios para a xestión forestal por parte da Administración.

4. A superficie que se vai expropiar ascende, segundo a relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos, a 132.861 m2 (13,29 ha), o que representa unha proporción menor da superficie do monte (un 5 %, tendo en conta a modificación do antecedente 2 aprobada en 2016).

5. Os terreos afectados corresponden maiormente a edificacións de carácter industrial ou a parcelas rústicas con usos asociados a ese (extracción, loxística e acopio), os cales parecen levar implantados, polo menos, unhas 4 décadas (aparecen xa na ortoimaxe histórica do voo interministerial, 1973-86), de xeito que a expropiación non afectaría os aproveitamentos nin os usos consuetudinarios que se veñen desenvolvendo no monte.

6. Unicamente nas parcelas 32018A01500038 e 32018A01500042, e na parte occidental das parcelas 32018A01500416 e 32018A01500507, se observa a ausencia de usos industriais; as ditas parcelas comprenden 1,5 ha aproximadamente de terreos rústicos en estado de monte raso, anexos a un camiño privado que parece dar servizo á actividade extractiva. Situación, polo tanto, da que tampouco se pode inferir unha afectación salientable respecto dos aproveitamentos nin os usos consuetudinarios do monte.

Tendo en conta o anterior, este servizo informa favorablemente a declaración de prevalencia solicitada”.

Cuarta. Con respecto ás alegacións presentadas o 30.12.2021 por José Antonio Iglesias Franco, en representación da Comunidade Veciñal do Monte en Man Común de Portela e O Trigal, cómpre manifestar o seguinte:

– No relativo ás importantes discrepancias económicas entre Irosa e a comunidade afectada, non corresponde a súa resolución a esta fase do procedemento, xa que o órgano competente para determinar o prezo xusto é o Xurado de Expropiación de Galicia, a quen se lle remitirá o expediente logo de levantar as actas previas á ocupación e incorporar as follas de valoración contraditorias que presenten as partes.

– Con respecto a inclusión de todas as construcións dos establecementos de beneficio da entidade Irosa e Samaca, sitos no Trigal, a favor da CMVMC Portela e O Trigal, cómpre manifestar que a Xefatura Territorial de Ourense non ten constancia de ningunha solicitude de transmisión das instalacións a que se fai referencia que xa foran autorizadas mediante a Resolución do 6.11.2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

– No relativo a que Samaca non pode ser beneficiaria da expropiación por non ser titular de ningunha concesión mineira, cómpre manifestar que pola Resolución do 28.10.2021, da Xefatura Territorial de Ourense, fíxose público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21.10.2021, polo que se declarou a utilidade pública e o interese social para os establecementos de beneficio do grupo Irosa, no cal se inclúe Samaca. A Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, no artigo 113, e o Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto, no artigo 139 recollen o seguinte: “Os titulares dos establecementos a que este título se refire poderán acollerse aos beneficios da Lei de expropiación forzosa, cando a súa importancia ou razóns de interese nacional o aconsellen, logo de declaración de utilidade pública (...)”.

– Con respecto ás importantes discrepancias no relativo á titularidade dos terreos alegadas, será na fase de levantamento de actas previas, dentro do procedemento expropiatorio, cando proceda a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento,...), así como das afeccións reais sobre eles. Asemade, o artigo 15 de Lei do 16 de decembro sobre expropiación forzosa establece o seguinte: “Declarada a utilidade pública ou o interese social, a Administración resolverá sobre a necesidade concreta de ocupar os bens ou adquirir os dereitos que sexan estritamente indispensables para o fin da expropiación”. Polo tanto, o labor da Administración deberá limitarse a resolver sobre a necesidade de ocupación limitándose estritamente a aqueles bens sobre os que o solicita o beneficiario, sen estendelo a outros, ao non quedar acreditada a propiedade dos terreos por parte da CMVMC Portela e O Trigal.

– No relativo a que Irosa non presentou unha relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos segundo indica a Lei de expropiación forzosa, unicamente achegou un plano con coordenadas, cómpre manifestar que o antedito plano coas coordenadas complétase coa indicación da referencia catastral do predio e a súa titularidade, quedando polo tanto identificados os terreos e os seus titulares. Asemade, o propio Servizo de Montes de Ourense non manifesta impedimento ningún, e indica, tal e como se recolle no punto 4 do seu informe: “A superficie que se vai expropiar ascende, segundo a relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos, a 132.861 m2 (13,29 ha), o que representa unha proporción menor da superficie do monte (un 5 %, tendo en conta a modificación do antecedente 2 aprobada en 2016)”.

Quinta. Na documentación incorporada ao expediente, figuran os informes do Servizo de Enerxía e Minas (do 25.2.2022), da Área Xurídica e Coordinación da Xefatura Territorial (do 14.3.2022), e da Asesoría Xurídica de Enerxía, Recursos Naturais, Comercio e Consumo (do 27.4.2022), que son favorables á necesidade de ocupación, así como á primacía sobre o aproveitamento forestal e á remisión do expediente para a adopción do acordo polo Consello da Xunta de Galicia.

De acordo con todo o que antecede, e concretamente co informe do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense, co informe da súa Área Xurídica e Coordinación, coa proposta da Xefatura Territorial, e co informe da Asesoría Xurídica de Enerxía, Recursos Naturais, Comercio e Consumo, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Declarar a necesidade de ocupación, así como a primacía sobre o aproveitamento forestal, dos establecementos de beneficio do grupo Irosa, no cal se inclúe Pizarras Samaca, S.A., sitos no Trigal, no Concello de Carballeda de Valdeorras (Ourense).

Segundo o artigo 20 da Lei de expropiación forzosa, os bens e dereitos a que afecta a expropiación son os incluídos no anexo do Acordo do 30.11.2021, da Xefatura Territorial de Ourense, polo que se fixo pública a relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos formulada por Irosa para os establecementos de beneficio do grupo, no cal se inclúe Samaca, sitos no Trigal, no Concello de Carballeda de Valdeorras. O titular dos bens ou dereitos afectados é a Comunidade Veciñal do Monte en Man Común de Portela e O Trigal.

Este acordo publicarase e notificarase aos interesados de conformidade co establecido no artigo 21 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e no artigo 20 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente».

Ourense, 27 de maio de 2022. Pablo Fernández Vila, xefe territorial de Ourense