Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 27 de xuño de 2022 Páx. 36675

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Tomiño (expediente IN407A 2021/226-4).

Feitos:

Primeiro. O 7 de outubro de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada Reforzo LMTA ROS807 derivación ao CT Vilar LG.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade o reforzo da liña de media tensión aérea na derivación ao centro de transformación Vilar LG (36CN60) para cumprir os condicionantes do Concello de Tomiño e da Deputación. Para iso están previstas as seguintes actuacións en Vilar, no concello de Tomiño (Pontevedra): substitución do condutor LA-30 existente por LA-56, tensado de vans, retirada de sete apoios, instalación de catro novos apoios de tipo celosía e dunha liña de media tensión subterránea de 35 metros de lonxitude.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Tomiño e a Deputación Provincial de Pontevedra. Estes organismos non emitiron condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 22 de decembro de 2021, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas afectadas pola declaración de utilidade pública conforme a relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 9 de novembro de 2021 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 14 de xaneiro de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 7 de xaneiro de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Tomiño do 28 de decembro de 2021 ao 8 de febreiro de 2022 conforme certificado expedido polo propio concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións presentadas por Evaristo Méndez Álvarez. A seguir resúmese o seu contido:

Acóllese ao artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorizacións das instalacións de enerxía eléctrica, e afirma que a parcela afectada se trata dunha horta de cultivo para consumo propio que é inferior a media hectárea e, polo tanto, non se debe impor servidumes de paso.

Tamén con base no artigo 161 do Real Decreto 1955/2000, que o apoio eléctrico pode ser instalado en terreos de dominio público que lindan coa súa parcela, ademais destaca que esa solución é viable, pois sería unha simple recolocación dun apoio.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora que manifestou que:

O proxecto ten como finalidade corrixir os problemas antirregulamentarios que foron detectados na liña de media tensión existente no lugar de Vilar.

A parcela de Evaristo Méndez Álvarez xa está afectada por unha servidume de voo e pola localización de dous apoios: un no límite leste e outro no límite oeste. Neste proxecto elimínase o apoio oeste e móvese o apoio leste para cumprir cos recuamentos legais ao camiño de terra co que limita a parcela afectada.

A horta non está anexa a unha vivenda como establece o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, ademais xa se encontra afectada.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron as alegacións presentadas e emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxecións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento, de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión basicamente nos seguintes motivos:

– Non se xustifica por parte do alegante o cumprimento conxunto das epígrafes do artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

– A horta afectada non está anexa a unha vivenda como indica o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión aérea a 20 kV con condutor tipo LA-56 en dous tramos. Primeiro tramo de 62 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente 9UKQK82QF e final no apoio C-3000/16; e un segundo tramo de 302 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-3000/16 e final no apoio proxectado C-2000/14.

Liña de media tensión subterránea a 20 kV con condutor RHZ1 de 35 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-2000/14 e final no CT Vilar LG (36CN30).

As obras están situadas no lugar de Vilar, no concello de Tomiño (Pontevedra).

Cuarta. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse o seguinte:

O proxecto de execución ten como finalidade o reforzo da liña de media tensión aérea na derivación ao centro de transformación Vilar LG (36CN60) para cumprir os condicionantes do Concello de Tomiño e da Deputación.

A horta para consumo non está localizada en terreos anexados a unha vivenda, polo tanto non cumpre co establecido no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Evaristo Méndez Álvarez non indica a titularidade da vía pública estremeira coa súa parcela e tampouco indica a viabilidade técnica do trazado proposto. A súa proposta de trazado alternativo prevé a posibilidade de que o apoio se instale en terreos de dominio público, pero non cumpre conxuntamente as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro: que a liña se poida instalar sobre terreos de dominio, uso ou servizo público ou patrimoniais do Estado, da Comunidade Autónoma, das provincias ou dos municipios, ou seguindo estremas de parcelas de propiedade privada; que a variación do trazado non sexa superior en lonxitude ou en altura ao 10 por 100 da parte da liña afectada pola variación que segundo o proxecto transcorra sobre a propiedade do solicitante; e que tecnicamente a variación sexa posible.

Sobre a proposta de trazados alternativos, cabe destacar que, para que un trazado alternativo prospere, se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Os trazados propostos non cumpren co conxunto das epígrafes do mencionado artigo. É preciso neste sentido traer a colación a Sentenza 1819/2006, do 29 de novembro, ditada polo TXS de Galicia no Recurso 7206/2003, en cuxo fundamento cuarto di: «Considerando que, á vista do exposto e do aclarado polo perito no momento da ratificación do seu informe, é complicado sinalar sen xénero de dúbidas cal sería, desde todos os intereses públicos e privados afectados, o trazado preferible de entre os catro en presenza (o aprobado e as tres posibles variacións examinadas como factibles tamén polo perito), pois para practicar a correspondente comparación valorouse o conxunto de circunstancias técnicas, económicas e de causación dos prexuízos que existe en cada unha das opinións de referencia, e o certo é que á Sala lle resulta difícil unha ou outra, xa que presentan todas vantaxes nuns dos aspectos e inconvenientes noutros; pois, o que non cabe é miralos unicamente desde a perspectiva da conveniencia da parte aquí recorrente, pois iso suporá descoidar os demais intereses implicados en cada trazado, todo o cal ten que considerar a Administración cando aproba unha das opcións, e, neste caso, aceptou a proposta pola aquí codemandada, a cal, implicando unha substancial igualdade en consecuencias de conxunto –e non só mirando os intereses da aquí recorrente– coas demais opcións, debe ser respectada».

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Reforzo LMTA ROS807 derivación ao CT Vilar LG (expediente IN407A 2021/226-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 2 de xuño de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra