Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Martes, 14 de xuño de 2022 Páx. 34391

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 100/2022, do 25 de maio, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de redefinición do itinerario peonil e ciclista na AC-552, treito Pastoriza-Vilarrodís, puntos quilométricos 5+130-6+110, de clave AC/20/130.06, no concello de Arteixo.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 21 de setembro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 182 o Anuncio do 8 de setembro de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de redefinición do itinerario peonil e ciclista na AC-552. Treito Pastoriza-Vilarrodís. Puntos quilométricos 5+130-6+110, de clave AC/20/130.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo referido proxecto.

Segundo. Tras a análise dos informes e certificados presentados, o 27 de abril de 2022 aprobouse o expediente de información pública e o proxecto de construción de redefinición do itinerario peonil e ciclista na AC-552. Treito Pastoriza-Vilarrodís. Puntos quilométricos 5+130- 6+110, de clave AC/20/130.06.

O obxecto do presente proxecto consiste na redefinición dunha senda peonil e ciclista xa executada na marxe dereita da estrada AC-552, así como a definición das obras necesarias complementarias para a súa construción e a garantía da súa funcionalidade. Todo isto coa finalidade de promover a circulación a pé ao longo da estrada, reducir os vehículos motorizados e, polo tanto, as emisións de gases de efecto invernadoiro. Proponse, ademais, a mellora da seguridade viaria na zona de actuación, que discorre integramente polo concello de Arteixo.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que da lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de maio de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de redefinición do itinerario peonil e ciclista na AC-552. Treito Pastoriza-Vilarrodís. Puntos quilométricos 5+130-6+110, de clave AC/20/130.06.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de maio de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade