Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Martes, 14 de xuño de 2022 Páx. 34393

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 2 de xuño de 2022 pola que se modifica a autorización do centro privado estranxeiro Coruña British School da Coruña.

Mediante a Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional do 20 de xuño de 2019 autorizouse ao centro privado estranxeiro Coruña British School, da Coruña, para impartir ensinanzas do currículo nacional de Inglaterra, para alumnado español e estranxeiro, prorrogada mediante distintas ordes desta consellería.

A titularidade do centro educativo solicita a modificación da autorización e achega un certificado de acreditación do British Council, autorizando Nursery (de 3 a 4 anos de idade) a Year 6 (de 10 a 11 anos de idade) para 400 postos escolares, válido ata o 26 de abril de 2025, e Year 7 (de 11 a 12 anos de idade) a Year 8 (de 12 a 13 anos de idade) para 50 postos escolares, válido ata o 26 de abril de 2023, do currículo nacional de Inglaterra.

O Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación informa de que non se aprecia disposición ningunha que impida o establecemento dun centro docente para impartir as devanditas ensinanzas e, tendo e conta o principio de reciprocidade, non existe inconveniente para a autorización. Así mesmo, o Ministerio de Educación e Formación Profesional emite informe favorable da autorización das ensinanzas.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

Modificar a autorización do centro privado estranxeiro Coruña British School, conforme a seguinte configuración:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPREX).

Denominación específica: Coruña British School.

Código do centro: 15032984.

Titular: O Castro British School A Coruña, S.L.

Enderezo: r/ Roma, nº 1.

Localidade: A Coruña.

Concello: A Coruña.

Código postal: 15008.

Provincia: A Coruña.

Ensinanzas que se autorizan do sistema educativo do Reino Unido a alumnado español e estranxeiro, para un total de 450 postos escolares:

• Nursery (de 3 a 4 anos de idade) a Year 6 (de 10 a 11 anos de idade), para 400 postos escolares.

• Year 7 (de 11 a 12 anos de idade) a Year 8 (de 12 a 13 anos de idade), para 50 postos escolares.

Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveles equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo español con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 3. Requisitos do profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 2 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 4. Validez da autorización

A autorización a que fai referencia o artigo 1 desta orde terá validez ata a próxima inspección por parte do British Council, que terá lugar non máis tarde das seguintes datas: de Nursery a Year 6, ata o 26 de abril de 2025, e de Year 7 a Year 8, ata o 26 de abril de 2023.

Artigo 5. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades