Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Martes, 14 de xuño de 2022 Páx. 34389

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 99/2022, do 25 de maio, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de mellora da PO-315, treito puntos quilométricos 10+100 ao 10+380 e na contorna do punto quilométrico 13+500, de clave PO/15/025.06, no concello de Cangas.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 28 de xaneiro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 19 o Anuncio do 19 de xaneiro de 2022 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de mellora da PO-315, treito puntos quilométricos 10+100 a 10+380 e na contorna do punto quilométrico 13+500, de clave PO/15/025.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Tras a análise dos informes e certificados presentados, o 2.5.2022 aprobouse o expediente de información pública e o proxecto de construción de mellora da PO-315, treito puntos quilométricos 10+100 a 10+380 e na contorna do punto quilométrico 13+500, de clave PO/15/025.06.

O obxecto do proxecto é a mellora da estrada PO-315, entre os puntos quilométricos 10+100 e 10+380, mediante a mellora dos itinerarios peonís con novas beirarrúas accesibles, a reordenación das interseccións, dos pasos de peóns e das paradas de autobús. Realizarase tamén a renovación da rede de pluviais e da rede de iluminación pública. Realizaranse tamén tres actuacións puntuais na contorna do punto quilométrico 13+500, consistentes en dar continuidade as beirarrúas existentes, no concello de Cangas (Pontevedra). Con todo isto, preténdese acadar unha importante mellora da seguridade viaria, reducindo a posibilidade da aparición de sinistros na zona e redundando no confort dos itinerarios peonís.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de maio de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de mellora da PO-315, treito puntos quilométrico 10+100 a 10+380 e na contorna do punto quilométrico 13+500, de clave PO/15/025.06.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de maio de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade