Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Xoves, 19 de maio de 2022 Páx. 29418

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 5 de maio de 2022 pola que se modifica a Orde do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a entidades locais de Galicia titulares de bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, para a adquisición de novidades editoriais (programa A) e para a mellora das coleccións no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (programa B), ambas en formato físico, e se convocan para o ano 2022 para adaptala ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento CT235A).

A Orde do 31 de decembro de 2021 (DOG núm. 24, do 4 de febreiro de 2022) establece, para o programa de mellora das coleccións (programa B), no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia en concreto, no seu artigo 32, que, no caso de que en 2022 se producise un incremento dos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, este programa se imputará ao dito fondo.

Na actualidade produciuse esta circunstancia ao transferirse, a través deste programa da UE, fondos que ascenden, para este fin, a 550.000 €.

Pola súa vez, o parágrafo 2º do referido artigo 32 establece que os importes iniciais poden ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.

Dado que existen as dispoñibilidades orzamentarias que permiten ampliar o importe inicial do programa B, procede modificar o importe previsto para este programa, de 350.000 a 550.000 €.

Ao mesmo tempo, desde a publicación da Orde no DOG do 4 de febreiro de 2022, recibíronse novas instrucións e requirimentos do instrumento de xestión MRR, que obriga a incorporalos aos requisitos de xestión e ás obrigas, tanto do órgano de xestión coma dos beneficiarios da subvención.

As actuacións a que se refire o programa B da convocatoria axústanse perfectamente aos investimentos amparados polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido na Conferencia sectorial de Cultura, en función dos regulamentos UE que establecen o dito instrumento de recuperación da Unión Europea tras a crise da COVID-19 e o Mecanismo de recuperación e resiliencia, 2020/2094 e 2021/241, así como as normas estatais e autonómicas de desenvolvemento, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a entidades locais de Galicia titulares de bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, para a adquisición de novidades editoriais (programa A) e para a mellora das coleccións no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (programa B), ambas en formato físico, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT235A), para adaptala ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU

A Orde do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a entidades locais de Galicia titulares de bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, para a adquisición de novidades editoriais (programa A) e para a mellora das coleccións no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (programa B), ambas en formato físico, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT235A), para adaptala ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, queda modificada como segue:

Un. O artigo 3 queda redactado como segue:

«Artigo 3. Normas de aplicación

No desenvolvemento desta orde observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

b) Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.

c) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

f) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.

g) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

h) Resolución do 29 de abril de 2021, da Subsecretaría, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros, do 27 de abril de 2021, polo que aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia (BOE núm. 103, do 30 de abril).

i) Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (BOE núm. 341, do 31 de decembro).

E suplementariamente:

j) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

k) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

l) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

m) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.

Só para o programa B, no desenvolvemento desta orde observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

n) Regulamento (UE) 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19.

ñ) Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

o) Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

p) Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, aprobado con data do 16 de xuño de 2021 pola Decisión de Execución do Consello.

q) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

r) Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación y resiliencia.

s) Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que proporcionarán as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

t) Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión (Regulamento financeiro).

u) Directiva (UE) 2017/1371 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2017, sobre a loita contra a fraude que afecta os intereses financeiros da Unión a través do Dereito penal.

v) Lei orgánica 1/2019, do 20 de febreiro, pola que se modifica a Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal para traspoñer directivas da UE nos eidos financeiro e de terrorismo e abordar cuestións de índole internacional.

w) Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude, aprobado polo Acordo do Consello da Xunta do 10 de decembro de 2021.

x) Comunicación da Comisión (2021/C121/01)-Orientacións sobre como evitar e xestionar as situacións de conflito de interese conforme o Regulamento financeiro.

y) Guía técnica da Comisión sobre a aplicación do principio DNSH en virtude do Regulamento relativo ao MRR 2021/C58/01».

Dous. O artigo 19 queda redactado como segue:

«Artigo 19. Documentación xustificativa da subvención común para os dous programas

A documentación xustificativa que se deberá presentar é a seguinte:

a) Declaración de axudas solicitadas ou recibidas para o mesmo obxecto. Poderase empregar o modelo previsto no anexo II.

b) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009 polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Poderase empregar o modelo previsto no anexo III.

c) Certificado da persoa responsable da Secretaría ou Intervención da entidade local de que os fondos bibliográficos adquiridos con esta subvención pasan a formar parte da colección da/das biblioteca/s ou da/das axencia/s de lectura públicas municipais. Poderase empregar o modelo previsto no anexo IV.

d) Exclusivamente para o programa B, achegarase relación certificada dos libros adquiridos e o importe investido en cada biblioteca, asinada pola persoa responsable da Secretaría ou Intervención da entidade local segundo o informe asinado pola persoa responsable da biblioteca.

e) Documentos acreditativos do gasto realizado, a través de unha das modalidades seguintes:

Modalidade 1). Conta xustificativa. Neste suposto, deberase achegar certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación por parte do órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada: nome do provedor, número de factura, relación de libros adquiridos e número de exemplares, importe da factura, data de emisión da factura e data de pagamento. A omisión dalgún destes datos comporta a obriga de acollerse á modalidade 2.

Modalidade 2). Se non presentan conta xustificativa, deben achegar os seguintes documentos:

– Relación clasificada dos gastos. Poderase empregar o modelo do anexo V.

– Copia das facturas en que se relacionen os libros adquiridos. De non figurar este dato na factura, enviarán o albará xunto coa factura.

– Xustificantes bancarios do pagamento en que consten a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa entidade beneficiaria da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa que emitiu a factura».

Tres. O artigo 23 queda redactado como segue:

«Artigo 23. Obrigas dos beneficiarios

As entidades locais beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ás seguintes obrigas:

– Obrigas xenéricas:

a) Cumprir co disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

c) Dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

d) Os fondos bibliográficos en galego obxecto desta convocatoria deberán cumprir a vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG núm. 84, do 14 de xullo). Así mesmo, respectarán a toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 desta lei.

– Obrigas específicas:

a) Incorporar os fondos adquiridos ao catálogo da biblioteca no prazo de doce (12) meses desde a súa adquisición. Neste prazo, os titulares das bibliotecas deberán remitir unha certificación sobre o cumprimento efectivo desta obriga.

b) Manter os fondos no catálogo durante un período mínimo de cinco (5) anos desde a adquisición, agás no caso de expurgación por deterioración ou nos casos de roubo, perda ou non devolución pola persoa usuaria.

c) Garantir, polo menos durante cinco anos desde a adquisición, o acceso aos fondos por parte da cidadanía en condicións de gratuidade e igualdade, mediante a consulta e o préstamo nas condicións habituais.

d) Garantir a cobertura e o envío dos cuestionarios estatísticos anuais por parte das bibliotecas destinatarias dos fondos, polo menos nos cinco (5) anos posteriores á concesión da subvención.

– Obrigas específicas para o programa B:

1. Aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas (anexo VI).

2. Compromiso do cumprimento en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) (anexo VII).

3. Respectar os límites e a normativa comunitaria na materia de axudas de Estado, representada polos artigos 107 a 109 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, e as disposicións que os desenvolven (artigo 7 da Orde HFP/1030/2021).

4. A conservación dos documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante tres (3) anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta de pagamento, da operación. Se o importe da subvención recibida for igual ou superior a 60.000 €, o prazo de conservación da documentación será de cinco (5) anos.

5. Respectar o Plan xeral de avaliación de riscos de xestión e medidas antifraude e demais recomendacións que aprobe esta comunidade autónoma en desenvolvemento na normativa europea.

6. Cumprir o compromiso de etiquetaxe verde e dixital: impulso á nova economía verde e azul.

7. Compromiso de non desenvolver actuacións contrarias á etiquetaxe verde e dixital e de non causar prexuízo significativo ao ambiente (DNSH) (anexo VIII).

8. Antes do 1 de xuño de 2023, identificación e catalogación dos fondos adquiridos:

a) Os concellos integrados no Sistema único de xestión bibliotecaria (Koha) deberán identificar os libros adquiridos, marcando no campo nota privada, o seguinte texto «Nota de adquisición: MRR». Así mesmo, no campo nota xeral debe constar como «lectura fácil».

b) As bibliotecas que se xestionen con outro sistema diferente ao establecido na letra a) deberán achegar un ficheiro en que consten a relación individualizada de libros adquiridos coa seguinte información por cada título: ISBN, título, autor, número de exemplares, idioma e se é inclusivo (de lectura fácil e/ou letra grande), así como a data e o soporte en que están catalogados.

9. Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que deriven da normativa aplicable á xestión de axudas financiadas cos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, «Regulamento do MRR», e demais disposicións que articulen o MRR e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR).

10. En relación coas medidas antifraude, serán de aplicación a esta orde de axudas as medidas adoptadas no Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia, especialmente o referido á canle de denuncias de irregularidade ou condutas de fraude. Así mesmo, os beneficiarios someteranse ás actuacións de control da Comisión Europea, da Ofina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), o Tribunal de Contas Europeo e a Fiscalía Europea.

11. Cumprir cos requisitos que figuren no Manual de imaxe do programa, que estará dispoñible na web do Ministerio de Cultura e Deporte (https://www.culturaydeporte.gob.es), en toda referencia en calquera medio de difusión á actuación obxecto das axudas, facendo mención á orixe do financiamento, mediante emblema da Unión, e unha declaración de financiamento que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU».

Os anexos VI, VII e VIII deberanse presentar no prazo dun mes desde a publicación desta orde, de acordo co establecido nos artigos 10 e 20 da Orde do 31 de decembro de 2021 de convocatoria das axudas».

Catro. O artigo 32 queda redactado como segue:

«Artigo 32. Imputación orzamentaria

1. Este programa de axudas concederase con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432A.760.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, por un importe de 550.000 euros. No caso de que en 2022 se producise un incremento dos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, este programa imputarase ao dito fondo.

2. Estes importes iniciais poden ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes».

Disposición derradeira primeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file