Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Martes, 12 de abril de 2022 Páx. 23145

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Friol

ANUNCIO da aprobación do Plan parcial do parque empresarial.

O Pleno do Concello, na sesión do 9 de decembro de 2004, aprobou o Plan parcial do parque empresarial de Friol e iniciouse expediente para a súa modificación. Mediante a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulouse informe ambiental estratéxico relativo á modificación puntual do Plan parcial. Logo publicouse o anuncio no Diario Oficial de Galicia núm. 91, do 14 de maio de 2019, e a Xunta de Goberno, na sesión do 20 de febreiro de 2020, acordou a aprobación inicial da modificación puntual do SUB-PI do Plan parcial do parque empresarial, de cara a compatibilizar os usos de comercialización e degustación nos propios establecementos, incluso con actividades hostaleiras, sempre a carón do uso industrial ou de almacén, dentro da limitación establecida na normativa do Plan parcial.

Tamén se solicitaron informes sectoriais e realizáronse notificacións aos titulares catastrais e publicouse anuncio no Diario Oficial de Galicia núm. 50, do 13 de marzo de 2020, así como no diario El Progreso da mesma data, sen que no prazo concedido se presentasen alegacións.

Recibíronse informes da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, da Subdelegación de Goberno (no cal se comunica a remisión a distintos organismos para os efectos da emisión de informe), da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Axencia Galega de Infraestruturas e da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas da Delegación do Goberno en Galicia. No que se refire á Deputación Provincial, terase en conta o disposto no artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia. O Pleno do Concello, na sesión do 19 de novembro de 2021, por unanimidade dos asistentes, acordou:

– A aprobación definitiva da modificación puntual do SUB-PI do Plan parcial do parque empresarial de Friol, redactada por Kenda Urbanismo, de cara a compatibilizar os usos de comercialización e degustación nos propios establecementos, mesmo con actividades hostaleiras, sempre a carón do uso industrial ou de almacén, dentro da limitación establecida na normativa do Plan parcial.

– O acordo de aprobación definitiva deberá publicarse no prazo dun mes desde a súa adopción, no Diario Oficial de Galicia. Xunto coa publicación deste acordo publicarase a indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan, así como, cando proceda, o extracto elaborado con carácter previo á aprobación do documento.

– O documento que conteña a normativa e as ordenanzas deberá publicarse no Boletín Oficial da provincia, de conformidade co disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de réxime local.

– En todo caso, a eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do plan aprobado quedan condicionadas á súa publicación de conformidade co establecido na inscrición do instrumento no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 88 da lei.

No que se refire á indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan, ponse de manifesto:

Limitacións de uso derivadas do ruído no contorno das estradas de titularidade autonómica.

• Para a execución de obras e actuacións no contorno das estradas autonómicas establécese como requisito previo a concesión da licenza municipal, a realización de estudos necesarios para a determinación dos niveis sonoros esperables, así como para o establecemento das limitacións á edificabilidade ou da obrigatoriedade de dispor dos medios de protección acústica necesarios, en caso de superar os limiares recomendados, segundo o recollido na normativa básica estatal en materia de ruído ou na correspondente normativa autonómica de desenvolvemento.

Condicións especiais de aplicación no ámbito do plan:

Calquera actuación estará suxeita ás condicións impostas polas leis seguintes:

• Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos e normativa de desenvolvemento.

• Disposicións segunda e terceira da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, para as instalacións da rede básica de transporte de gas natural reguladas no artigo 59 da devandita lei, segundo a disposición adicional décimo primeira da Lei 13/2003.

• Para a avaliación do impacto ambiental de proxectos competencia da Administración xeral do Estado, será de aplicación o disposto na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

No que se refire ao enderezo electrónico en que figurará o contido íntegro do plan á disposición do público, será na sede electrónica do Concello: friol.sedelectronica.gal

Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Friol, 22 de marzo de 2022

José Ángel Santos Sánchez
Alcalde presidente