Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 17 de marzo de 2022 Páx. 18248

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 24 de febreiro de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Portela ou Feira de San Xulián, a favor da veciñanza da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Sobrada, na parroquia de Sobrada, do concello de Tomiño (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 16 de febreiro de 2022, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, xefe territorial, coa asistencia dos vogais Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes, Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia, Xesús Santaló Ríos, representante do Colexio de Avogados da provincia, Lorena Peiteado Pérez, letrada da Xunta de Galicia, Antonio Mariño Cuña e Aquilino Fernández Martínez, representantes da CMVMC de Sobrada, e da secretaria do Xurado Ana Belén Fernández Dopazo, funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data de entrada 8.10.2019, a CMVMC de Sobrada, concello de Tomiño, presenta solicitude de clasificación do monte denominado Portela ou Feira de San Xulián. Achega o acordo da asemblea xeral e un informe técnico con planimetría, validación gráfica, fotografía catastral de 1956 e relación de propietarios.

O 26.12.2019 o Servizo de Montes indica que os datos achegados pola solicitante permiten identificar plenamente a parcela, que non está clasificada e que, segundo o catastro, invade vías públicas a nome do Concello e leiras particulares.

Segundo. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, na súa sesión do 27.2.2020, acordou incoar o expediente de clasificación do monte denominado Portela ou Feira de San Xulián a favor da Comunidade de Montes da parroquia de Sobrada, concello de Tomiño.

O 12.3.2020 solicítase ao Servizo de Montes a elaboración do informe preceptivo conforme o artigo 20 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 do outubro, de montes veciñais en man común. Con data do 8.9.2020 recíbese o antedito informe preceptivo do Servizo de Montes.

Terceiro. O 12.5.2021 requírese á Comunidade de Montes de Sobrada a relación de estremas da parcela obxecto do expediente. Recíbese esta relación o 3.6.2021.

Cuarto. A rexistradora da propiedade de Tui, en escrito do 17.6.2021, certifica que non figura inscrita no Rexistro da Propiedade ningunha leira coa descrición facilitada polo Xurado de Montes Veciñais.

Quinto. O Diario Oficial de Galicia publicou o 23.9.2021 o anuncio do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra co acordo de iniciación do expediente de clasificación e abriu un período dun mes para que as persoas interesadas puidesen examinar o expediente e efectuar as alegacións oportunas, de conformidade co disposto no artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro. Non se foron presentadas alegacións polo Concello nin por particulares.

Sexto. A Comunidade de Montes de Sobrada presentou nova documentación para achegar ao expediente. Trátase de dous contratos de arrendamento de parte da parcela solicitada de clasificación e dos recibos de cobramento do alugueiro correspondente.

Sétimo. Á vista da documentación achegada pola comunidade solicitante e o informe do Servizo de Montes, o monte obxecto do presente expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Tomiño.

Parroquia: Sobrada.

Nome do monte: Portela ou Feira de San Xulián.

Cabida: 2.783 m2 (superficie alegada na solicitude).

Cabida clasificada: 2.405 m2.

Estremas:

Norte: Óscar Fernández Estévez.

Sur: Francisco Patricia Álvarez, Miguel Pereira Español e Albertina Marín Fernández.

Leste: Cristina Diz Fernández e Marina Diz Mourón.

Oeste: Óscar Fernández Estévez.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter ao abeiro do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, débese entender por montes veciñais en man común, os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños.

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte en vía administrativa é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro. O informe preceptivo do Servizo de Montes establece que a maior parte da superficie é unha explanación asfaltada cun cerramento de pilotes de formigón e arame que ten un cartel de alugamento. No momento da inspección encontrábase un remolque e restos de madeira amontoada. Tamén contén este terreo un parque infantil, un cruceiro e unha zona de aparcadoiro. Está incluída nesta superficie unha pequena edificación que se encontra dentro dunha leira cerrada que conten dúas casas mais. A parcela ten un uso recreativo (parque infantil) e socioeconómico, e encóntrase en arrendamento.

Cuarto. A Comunidade de Montes de Sobrada presenta diversa documentación histórica que demostra o carácter veciñal da parcela, catastrada como comunal en 1956. Presenta tamén contratos de arrendamento de parte do terreo de 2019 e 2020.

Quinto. Aínda que a parcela solicitada de clasificación corresponde a varias leiras catastrais das cales non consta como titular a Comunidade de Montes, a planimetría presentada corresponde a unha parcela que conta actualmente con marcos e carteis da Comunidade de Montes de Sobrada. A parte da parcela máis achegada á estrada ten uso recreativo (parque infantil, cruceiro e aparcadoiro) e a máis afastada está arrendada actualmente con contrato en vigor. O Concello de Tomiño non presentou alegacións contrarias á clasificación (soamente a notificación da exposición do anuncio no taboleiro municipal), o que supón o recoñecemento implícito do carácter veciñal desta parcela por parte do Concello. Finalmente o feito de que durante a tramitación do expediente non consten alegacións opoñéndose á clasificación como monte veciñal en man común de terceiros que acreditasen un uso privativo destas parcelas, demostra que existe un aproveitamento público, pacífico e continuado en común por parte dos veciños da parroquia de Sobrada.

Da clasificación debe excluírse a edificación de pequenas dimensións situada á beira da estrada, porque, aínda que corresponde a unha instalación situada en terreo veciñal utilizada tradicionalmente para o cobramento de impostos, actualmente ten un uso privativo non veciñal. Tamén deben excluírse da clasificación dúas pequenas superficies que invaden a estrada de referencia catastral 36054A03509005, por tratarse dunha vía pública, pero non a superficie de referencia catastral 36054A03509003, por tratarse dunha servidume de paso a leiras estremeiras.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu Regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado, por unanimidade acorda clasificar como veciñal en man común o monte denominado Portela ou Feira de San Xulián a prol dos veciños da CM de Sobrada (Tomiño), excluíndo a edificación situada á beira da estrada, así como dúas pequenas superficies que invaden a estrada de referencia catastral 36054A03509005, por tratarse dunha vía pública, de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito sétimo e conforme a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 24 de febreiro de 2022

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra