Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 19 de xaneiro de 2022 Páx. 2835

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Baiona (expediente IN407A 2020/015-4).

Expediente: IN407A 2020/015-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS, CTC Convento de Sabarís.

Concello: Baiona.

Feitos:

Primeiro. O 21 de febreiro de 2020, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública do proxecto de execución da instalación LMTS, CTC Convento de Sabarís.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na instalación dun centro de transformación en edificio prefabricado compacto manobra exterior de 400 kVA de potencia en substitución do centro de transformación intemperie 36A751 Convento de Sabarís e unha liña de media tensión soterrada de 24 metros de lonxitude.

As obras sitúanse na parroquia de Santa Cristina, no concello de Baiona (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Baiona e o Servizo de Xestión Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.

Terceiro. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 3 de xuño de 2020 publicada nos seguintes medios: Diario oficial de Galicia do 26 de xuño de 2020, Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 25 de xuño de 2020, o xornal Faro de Vigo do 30 de xuño de 2020 e o taboleiro do Concello de Baiona no período comprendido entre o 9 de xuño e o 21 de xullo de 2020.

Mediante escrito do 3 de xuño de 2020, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da mencionada instalación eléctrica á persoa que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Na relación de bens e dereitos afectados facilitada pola empresa promotora figuraba unicamente a parcela 5324108NG1652S001QS cunha afección de 16,81 m2 para o centro de transformación e 8,2 m2 para servidume de paso.

Durante o mencionado trámite recibíronse as alegacións presentadas por Paulino Figueroa Rial nas cales manifesta que se está en negociación coa empresa promotora para acadar un acordo. Estas alegacións foron trasladadas a UFD.

Cuarto. O 24 de febreiro de 2021, UFD manifestou que chegou a un acordo co afectado e situará o centro de transformación proxectado o máis próximo posible do extremo noroeste da parcela.

Quinto. Como consecuencia do acordo acadado, o 29 de setembro de 2021, UFD solicitou a retirada do expediente do trámite de declaración de utilidade e presentou un modificado do proxecto inicial acompañado do acordo acadado co titular da parcela afectada 5324108NG1652S001QS.

Analizado o proxecto, conclúese que non hai cambio nas actuacións propostas en relación ao proxecto inicial. Hai un cambio na situación do centro de transformación dentro da parcela 5324108NG1652S001QS.

Sexto. O 20 de outubro de 2021, esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe do proxecto modificado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Sanxenxo e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado técnico emitido polo Servizo de Patrimonio Cultural. O Concello de Baiona non emitiu condicionado técnico do modificado do proxecto.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación a este expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Retírase o centro de transformación (CT) 36A751 Convento de Sabarís, déixase sen servizo o tramo da LMTS GON8032496 en condutor RHZ e retíranse os XS (36HCG9). Instálase un novo centro de transformación de 400 kVA de potencia, compacto manobra exterior 2L1P telecontrolado con GPS/FO en envolvente prefabricada de formigón con telexestión BT e relación de transformación 20.000/400 V.

LMT soterrada a 20 kV con condutor RHZ de 24 metros de lonxitude en dous tramos. O primeiro tramo ten de 12 metros con orixe na LMTS GON8032456 entre o CT Escobichas (36C750) e o CT tanatorio Sabarís (36CDN1) e final no centro de transformación proxectado. O segundo tramo tamén de 12 metros ten orixe no CT proxectado e final na LMTS GON8032456.

As instalacións están situadas na parroquia de Santa Cristina, no concello de Baiona (Pontevedra).

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CTC Convento Sabarís, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condición establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 27 de decembro de 2021

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra