Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 19 de xaneiro de 2022 Páx. 2840

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Sanxenxo (expediente IN407A 2019/189-4).

Expediente: IN407A 2019/189-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS, CTC Paxariñas (modificado).

Concello: Sanxenxo.

Feitos:

Primeiro. O 8 de outubro de 2019, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación LMTS, CTC Paxariñas.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na instalación dun centro de transformación rural fin de liña manobra exterior en envolvente prefabricada de 160 kVA de potencia e unha liña de media tensión subterránea de 441 metros de lonxitude.

As obras sitúanse no lugar de Paxariñas, na parroquia de Adina, no concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Sanxenxo e a Axencia Galega de Infraestruturas. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.

Terceiro. O 14 de maio de 2020, esta xefatura territorial outorgou unha autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Sanxenxo (expediente IN407A 2019/189-4) coas seguintes características técnicas: LMT subterránea a 20 kV con condutor tipo RHZ de 441 metros de lonxitude, con orixe na cela MT do CD Cativelos (36CET2) e final no CT proxectado. Centro de transformación de 160 kVA.

Cuarto. O 15 de marzo de 2021, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a declaración de utilidade pública por problemas de permiso.

O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución do 27 de abril de 2021 publicada nos seguintes medios: Diario Oficial de Galicia do 18 de maio de 2021, Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 18 de maio de 2021, o xornal Faro de Vigo do 10 de maio de 2021 e o taboleiro do Concello de Sanxenxo no período comprendido entre o 4 de maio e o 27 de agosto de 2021.

Na relación de bens e dereitos afectados facilitada pola empresa promotora figuraba unicamente a parcela 36051A001002000000FM cunha afección de 12,96 m2 para o centro de transformación.

Durante o mencionado trámite non se presentaron alegacións.

Quinto. O 26 de agosto de 2021 UFD solicitou a retirada do expediente do trámite de declaración de utilidade pública manifestando que chegara a un acordo cos propietarios da parcela afectada no cal se modificaba a situación do centro de transformación. Coa solicitude achegou unha copia do acordo acadado.

Sexto. Vista a solicitude de retirada do expediente do trámite de declaración de utilidade pública e a modificación da situación do centro de transformación, esta xefatura territorial requiriu a UFD que achegase unha modificación do proxecto. UFD presenta o 4 de outubro de 2021 unha modificación.

Analizado o proxecto, conclúese que non hai cambio nas actuacións propostas en relación co proxecto inicial. Hai un cambio na situación do centro de transformación dentro da parcela 36051A001002000000FM, o que provoca un novo trazado da liña de media tensión proxectada, que pasa a ter unha lonxitude de 17 metros.

Sétimo. O 20 de outubro de 2021, esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe do proxecto modificado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Sanxenxo. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado técnico emitido.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, de 25 de outubro).

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea a 20 kV con condutor tipo RHZ de 17 metros de lonxitude, con orixe na cela MT do CD Cativelos (36CET2) e final no CT proxectado. Centro de transformación de 160 kVA de tipo rural fin de liña manobra exterior en envolvente prefabricada de formigón con telexestión BT e relación de transformación de 20000/400 V.

As instalacións están situadas no lugar de Paxariñas, na parroquia de Adina, no concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Conforme todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Deixar sen efecto a Resolución do 14 de maio de 2020, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Sanxenxo (expediente IN407A 2019/189-4).

Segundo. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CTC Paxariñas, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Terceiro. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguranza. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Cuarto. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 27 de decembro de 2021

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra