Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 29 de xaneiro de 2021 Páx. 6026

III. Outras disposicións

Axencia Tributaria de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2021 pola que se modifican as instrucións dos modelos de declaración e autoliquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos, da taxa fiscal sobre o xogo do bingo e da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo.

A Lei de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021 regula no seu artigo 1 unha bonificación da taxa fiscal sobre xogos de sorte, envite ou azar para as modalidades de casinos, bingo e máquinas recreativas. Esta bonificación, que se calcula sobre o autoliquidado no período impositivo 2020, aplicarase nas autoliquidacións correspondentes ao ano 2021, o que obriga a facer cambios nos modelos de autoliquidación destes tributos.

Os modelos de declaración e autoliquidación dos tributos sobre o xogo están recollidos no anexo I da Orde da Consellería de Facenda do 27 de febreiro de 2009, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos, no IV e no V da Orde da Consellería de Facenda do 27 de xaneiro de 2014, pola que se regula a subministración electrónica dos cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo do bingo, e nos II, III e IV da Orde do 17 de marzo de 2014 pola que se regula a xestión e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo.

A disposición adicional sexta da Orde do 27 de febreiro de 2009, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos, a disposición adicional quinta da Orde do 27 de xaneiro de 2014, pola que se regula a subministración electrónica dos cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo do bingo, e, por último, a disposición adicional sétima da Orde do 17 de marzo de 2014 pola que se regula a xestión e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, autorizan á Dirección da Axencia Tributaria de Galicia a modificar ou actualizar mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia os anexos das propias ordes, cando for preciso como consecuencia da modificación das normas legais ou regulamentarias ou como consecuencia dos avances tecnolóxicos, os cambios de sistemas ou calquera outra circunstancia que precisar a correspondente plasmación nos modelos aprobados ou nas normas ou especificacións técnicas aprobadas polos ditos anexos.

Por todo isto, consonte co exposto, de acordo co establecido nas disposicións adicionais das ordes que se citan máis arriba, para facer efectiva a presentación das declaracións e autoliquidacións da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos, bingos e aparellos recreativos e poder aplicar a bonificación establecida na Lei de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar as instrucións do modelo 044 contido no anexo I da Orde da Consellería de Facenda do 27 de febreiro de 2009, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos, do seguinte xeito:

No bloque denominado «AUTOLIQUIDACIÓN». O recadro (04) COTAS INGRESADAS EN TRIMESTRES ANTERIORES terá o seguinte contido:

COTAS INGRESADAS EN TRIMESTRES ANTERIORES (04): no caso de que se tivesen autoliquidado pagamentos á conta da débeda tributaria do ano natural a que se refire a autoliquidación, consignarase, segundo proceda, o importe correspondente ás autoliquidacións do ano natural presentadas con anterioridade.

Neste recadro tamén se consignarán as deducións/bonificacións que o suxeito pasivo tiver dereito a aplicar de acordo coa normativa tributaria vixente.

Segundo. Modificar as instrucións do modelo 043 contido no anexo V da Orde da Consellería de Facenda do 27 de xaneiro de 2014, pola que se regula a subministración electrónica dos cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo do bingo, do seguinte xeito:

No bloque denominado «AUTOLIQUIDACIÓN». O recadro (7) IMPORTE AUTOLIQUIDACIÓNS ANTERIORES terá o seguinte contido:

IMPORTE AUTOLIQUIDACIÓNS ANTERIORES (7): esta liña será cuberta en caso de se tratar dunha autoliquidación complementaria. Neste caso, consignarase o importe que se tiver autoliquidado na autoliquidación a que se complementa.

Esta casiña empregarase tamén para computar as deducións/bonificacións que o suxeito pasivo tiver dereito a aplicar de acordo coa normativa tributaria vixente.

Terceiro. Modificar os anexos III e IV da Orde do 17 de marzo de 2014 pola que se regula a xestión e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, do seguinte xeito:

1. Modifícase a imaxe do modelo 045 contido no anexo III da orde, que é substituído polo que figura no anexo I desta resolución.

2. Modifícase o bloque denominado AUTOLIQUIDACIÓN das instrucións do modelo 045 contido no anexo III da orde, no cal se engadirá o parágrafo seguinte antes do TOTAL A INGRESAR:

– DEDUCIÓN: neste recadro consignarase o importe das deducións/bonificacións que o suxeito pasivo tiver dereito a aplicar de acordo coa normativa tributaria vixente.

1. Modifícase a imaxe do modelo 046 contido no anexo IV da orde, que é substituído polo que figura no anexo II desta resolución

2. Modifícase o bloque denominado DATOS DAS MÁQUINAS das instrucións do modelo 046 contido no anexo IV da orde, que queda redactado como segue:

Datos das máquinas.

Neste bloque cargaranse os datos totalizados correspondentes aos modelos 045 que ampara o modelo 046 segundo a tipoloxía das máquinas de xogo, de forma que sinalará o número de cada tipoloxía, a suma total das cotas tributarias autoliquidadas, a suma total das deducións que se van aplicar, de ser o caso, e a suma total dos importes que se ingresarán correspondentes aos modelos 045, así como a suma total deses importes.

Cuarto. A presente resolución entrará en vigor o día 1 de febreiro de 2021.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2021

Mª Victoria González Vázquez
Directora da Axencia Tributaria de Galicia

ANEXO I

Modelo 045 da taxa fiscal sobre o xogo. Máquinas de xogo. Autoliquidación (formato electrónico)

missing image file

ANEXO II

Modelo 046 da Taxa fiscal sobre o xogo. Máquinas de xogo. Autoliquidación (formato electrónico)

missing image file
missing image file