Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 5 de xaneiro de 2021 Páx. 115

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 22 de decembro de 2020 pola que se revoga a autorización para impartir determinadas titulacións universitarias oficiais de grao, máster universitario e programas de doutoramento nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, para o curso 2020/21.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional será acordada pola comunidade autónoma, logo de solicitude de implantación por parte das universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e pola Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Logo de seren autorizadas a implantar os estudos, as universidades quedan obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis aló dun curso académico. O incumprimento dos requisitos e compromisos adquiridos ao solicitar a autorización de implantación, a non impartición da titulación oficial autorizada, a extinción do plan de estudos ou a supresión do ensino son causas suficientes para revogar a autorización.

O Pleno do Consello Galego de Universidades, na súa sesión do 11 de decembro de 2020, no exercicio das competencias previstas no artigo 3.2.h) do Decreto 98/2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, acordou emitir informe favorable sobre a revogación da autorización ás universidades do Sistema universitario de Galicia para impartir as ensinanzas universitarias oficiais dos títulos universitarios que se relacionan a continuación.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Que se lle revogue a autorización á Universidade da Coruña para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Arquitectura Técnica. Autorizado pola Orde do 5 de setembro de 2014 (DOG do 26 de setembro), e que figura inscrito no RUCT co código 2501022.

Artigo 2

Que se lle revogue a autorización á Universidade de Santiago de Compostela para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Bioloxía. Autorizado polo Decreto 385/2009, do 27 de agosto (DOG do 16 de setembro), e que figura inscrito no RUCT co código 2501101.

2. Máster universitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Autorizado pola Orde do 24 de outubro de 2014 (DOG do 6 de novembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4315056.

3. Máster universitario en Planificación e Xestión do Desenvolvemento Territorial. Autorizado pola Orde do 6 de xuño de 2013 (DOG do 18 de xuño), e que figura inscrito no RUCT co código 4313722.

4. Programa de doutoramento en Ciencias da Visión pola Universidade de Santiago de Compostela e as universidades de Alcalá, Complutense de Madrid, Murcia, Navarra e Valladolid. Autorizado pola Orde do 5 de setembro de 2014 (DOG do 26 setembro), e que figura inscrito no RUCT co código 5600919.

Artigo 3

Que se lle revogue a autorización á Universidade de Vigo para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Autorizado pola Orde do 24 de outubro de 2014 (DOG do 6 de novembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4315056.

2. Máster universitario en Xestión e Tecnoloxía de Estruturas e Instalacións. Autorizado pola Orde do 4 de xullo de 2017 (DOG do 14 de xullo), e que figura inscrito no RUCT co código 4310395.

Artigo 4. Garantias académicas

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de revogación, de acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade