Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 260 Martes, 29 de decembro de 2020 Páx. 50785

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 3 de decembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 2 de decembro de 2020 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes do montes veciñal en man común Val do Dorno, Montemiau, Costa dos Marcos, Costa do Muíño Novo e Outeiro do Almorzo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Toén (Santa María), e do monte veciñal en man común Acevedo, Porriño, Conchada, Bidueiros e Feal, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Moreiras e Trelle, no concello de Toén.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos MVMC Val do Dorno, Montemiau, Costa dos Marcos, Costa do Muíño Novo e Outeiro do Almorzo, pertencente á CMVMC da parroquia de Toén (Santa María) e o MVMC Acevedo, Porriño, Conchada, Bidueiros e Feal, pertencente á CMVMC de Moreiras e Trelle, no concello de Toén, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 24 de setembro de 2019, a CMVMC da parroquia de Toén (Santa María) presentou un escrito no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (nº 2019/rx 1944831) relativo a un acto de deslindamento entre a citada comunidade de montes veciñais en man común e a de Moreiras e Trelle, no concello de Toén.

Entre outra documentación, achegou un documento de fe do xuíz de paz, os certificados das actas das asembleas das citadas comunidades e unha planimetría cos puntos colindantes xeorreferenciados.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense con data do 9 de xaneiro de 2020 considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Polo que o Servizo de Montes propúxoselle ao Xurado a aprobación do deslindamento, ben que co seguinte condicionado:

Exclúese o punto 1 denominado Penedo do Vento, por entender que afecta a confluencia do perímetro estremeiro destes dous MVMC co MVMC Coto de Trellerma, pertencente á CMVMC de Trellerma. Polo que este punto deberá establecerse mediante un procedemento de deslindamento que inclúa o acordo da comunidade de montes veciñais titular deste.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se segue no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 2 de setembro de 2020:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Val do Dorno, Montemiau, Costa dos Marcos, Costa do Muíño Novo e Outeiro do Almorzo, pertencente á CMVMC da parroquia de Toén (Santa María) e o MVMC Acevedo, Porriño, Conchada, Bidueiros e Feal, pertencente á CMVMC de Moreiras e Trelle, no concello de Toén, de acordo co informe do Servizo de Montes do 9 de xaneiro de 2020.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 3 de decembro de 2020

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man común de Ourense