Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 260 Martes, 29 de decembro de 2020 Páx. 50787

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 4 de decembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 2 de decembro de 2020 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes do monte veciñal en man común Comunal de Gondulfes, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Gondulfes e Marbán, o monte veciñal en man común Comunal de Monteveloso, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Monteveloso, e monte veciñal en man común de Feilas, nos concellos de Castrelo do Val e Vilardevós.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes do MVMC Comunal de Gondulfes, pertencente á CMVMC de Gondulfes e Marbán, o MVMC Comunal de Monteveloso, pertencente á CMVMC de Monteveloso, e o MVMC de Feilas, nos concellos de Castrelo do Val e Vilardevós, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 4 de maio de 2016 o presidente da CMVMC de Feilas presentou un escrito na oficina agraria comarcal de Xinzo de Limia (nº 2459/rx 1211515) co fin de rexistrar un acordo de deslindamento entre as CMVMC de Monteveloso, Gondulfes e Feilas, nos concellos de Castrelo do Val e Vilardevós.

Entre outra documentación, achegou os acordos das asembleas das tres comunidades, unha acta de conciliación e un informe deslindamento con planos.

Segundo. O 22 de agosto de 2019 a CMVMC interesada presentou no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (nº 2019/1752757) un novo escrito co que incorporou a seguinte documentación: memoria descritiva, acordos da asemblea, acto conciliatorio, acta de acordo sobre o terreo e arquivo gráfico.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense con data do 4 de decembro de 2019 considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia.

O perímetro estremeiro acordado ten como inicio un punto acordado pola CMVMC de Gondulfes e Marbán e a CMVMC de Monteveloso, segundo consta na acta de conciliación do 19 de marzo de 2015 levantada no Xulgado de Paz de Castrelo do Val. Desde este punto vén definido por unha liña poligonal que segue a dirección duna área devasa ata o punto 7, localizado na beira da pista que une Feilas con Monteveloso, ao sur da citada área devasa. Como se indica na acta do deslindamento do 13 de febreiro de 2019, neste punto conflúen o MVMC Comunal de Gondulfes e o MVMC Comunal de Monteveloso co MVMC de Feilas e é o punto inicial dos perímetros estremeiros do MVMC de Feilas co MVMC Comunal de Monteveloso (cara o leste) e co MVMC Comunal de Gondulfes (cara o oeste).

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento a seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditara resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 2 de setembro de 2020:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Comunal de Gondulfes, pertencente á CMVMC Gondulfes e Marbán, o MVMC Comunal de Monteveloso, pertencente á CMVMC de Monteveloso, e o MVMC de Feilas, pertencente á CMVMC de Feilas, nos concellos de Castrelo do Val e Vilardevós, de acordo co informe do Servizo de Montes do 4 de decembro de 2019.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 4 de decembro de 2020

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense