Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 260 Martes, 29 de decembro de 2020 Páx. 50790

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de decembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 3 de decembro de 2020 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes do monte veciñal en man común de Feilas, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Feilas, e monte veciñal en man común Portela de Mirós, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mirós, nos concellos de Vilardevós e Riós.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos montes veciñais en man común (MVMC) de Feilas, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Feilas e o MVMC Portela de Mirós, pertencente á CMVMC de Mirós, nos concellos de Vilardevós e Riós, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 4 de maio de 2016 o presidente da CMVMC de Feilas presentou un escrito na oficina agraria comarcal de Xinzo de Limia (nº 2458/rx 1211487) co fin de rexistrar un acordo de deslindamento entre as CMVMC de Mirós e Feilas, nos concellos de Ríos e Vilardevós, respectivamente.

Entre outra documentación, achegou os acordos das asembleas das dúas comunidades, unha acta de conciliación e un informe deslindamento con planos.

Segundo. O 22 de agosto de 2019 a CMVMC interesada presentou no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (nº 2019/1750779) un novo escrito co que incorporou a seguinte documentación: memoria descritiva, acordos da asemblea, acto conciliatorio, acta de acordo sobre o terreo e arquivo shape puntos.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense con data do 29 de novembro de 2019 considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. O perímetro estremeiro acordado ven definido pola liña poligonal que une os puntos do M1 ao M16, coincidente en case todos os tramos, coas áreas devasas existentes.

Polo que o Servizo de Montes lle propuxo ao xurado a aprobación do deslindamento, ben que co seguinte condicionado:

Exclúese o tramo situado no estremo sur, desde o límite municipal de Riós ata o punto M15 e desde este último ata o punto M16, por entender que afecta a confluencia do perímetro estremeiro destes dous montes veciñais en man común co MVMC da Trepa, pertencente á CMVMC da Trepa. Polo que este punto deberá establecerse mediante un procedemento de deslindamento que inclúa o acordo da comunidade de montes veciñais titular del.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, de 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento a seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditara resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 2 de setembro de 2020:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos montes veciñais en man común de Feilas, pertencente á CMVMC de Feilas e o MVMC Portela de Mirós, pertencente á CMVMC de Mirós, nos concellos de Vilardevós e Riós, de acordo co informe do Servizo de Montes do 29 de novembro de 2019.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 7 de decembro de 2020

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense