Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Xoves, 17 de decembro de 2020 Páx. 49577

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 4 de decembro de 2020 pola que se habilita o persoal técnico do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, adscrito á Secretaría Xeral da Igualdade, para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 71 a obriga da Administración de dotar o seu persoal dos mecanismos de identificación e sinatura electrónica necesarios para o desenvolvemento das súas funcións. Pola súa banda, no artigo 73 prevé a posibilidade de emisión de certificados dixitais de pseudónimo en actuacións administrativas que, realizadas por medios electrónicos, afecten a información clasificada, a seguridade pública ou a defensa nacional, ou noutras actuacións en que legalmente estea xustificado o anonimato para a súa realización.

A Resolución do 13 de abril de 2020, conxunta da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega, establece o procedemento de emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo para o persoal empregado público, sen prexuízo de habilitación regulamentaria de determinados colectivos para o seu emprego, tal e como se dispón no artigo 73.4 da citada Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

O 10 de xaneiro de 2014 publicouse no DOG o Decreto 1/2014, do 9 de xaneiro, polo que se regula a creación do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, que se configura coma unha unidade adscrita á Secretaría Xeral da Igualdade, con competencias en materia de atención integral ás vítimas de violencia de xénero e ás persoas delas dependentes, especialmente aos seus fillos e fillas menores.

De acordo co artigo 2 do Decreto 1/2014, o Centro de Recuperación Integral ten por finalidade desenvolver un modelo de atención integral para as mulleres vítimas de violencia de xénero, baseado nun sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico, que permita evitar duplicidades e racionalizar a xestión. Tamén actuará como centro de referencia e coordinador da rede galega de acollemento; como centro tramitador das derivacións de vítimas de violencia de xénero fóra de Galicia e receptor das que cheguen á nosa comunidade derivadas desde outras partes do Estado; como centro de formación na loita contra a violencia de xénero, tanto para profesionais como para o voluntariado e a cidadanía en xeral; como centro colaborador co punto de coordinación das ordes de protección de Galicia; e como centro impulsor da creación de grupos de autoaxuda, intervención e coñecemento entre mulleres que teñan sufrido, vivido e superado situacións de violencia de xénero.

O Centro estará integrado por un equipo multidisciplinar e especializado que actuará baixo a dependencia da persoa directora do centro.

O persoal técnico do equipo multidisciplinar que presta os seus servizos no Centro de Recuperación Integral emite habitualmente informes profesionais relacionados con delitos violentos e, en particular, coa violencia de xénero, con efectos no ámbito administrativo, policial ou xudicial, que aconsellan garantir que a identificación dos datos persoais dos empregados e das empregadas públicas que os asinan se realice mediante un medio que evite a exposición directa ao público do seu nome e apelidos, tanto por razón da súa seguridade persoal como para evitar condicionar a imparcialidade, obxectividade e profesionalidade que debe caracterizar os informes técnicos, periciais ou profesionais do persoal ao servizo das administracións públicas.

De acordo coa Resolución do 13 de abril de 2020, conxunta da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega, considérase necesario dotar o persoal técnico que presta servizos no Centro de Recuperación Integral do dito certificado dixital de pseudónimo, coa finalidade de garantir o seu anonimato na realización das súas funcións.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o artigo 73.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto habilitar o persoal técnico que presta os seus servizos no Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, adscrito á Secretaría Xeral da Igualdade, para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

Artigo 2. Persoal técnico do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero que se habilita para o uso do certificado dixital de seudónimo

A Consellería de Emprego e Igualdade habilita o seguinte persoal técnico que presta os seus servizos no Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero para o uso do certificado dixital de seudónimo exclusivamente no desempeño daquelas funcións en que resulte necesario preservar a súa identidade. En concreto:

1. Persoal laboral que desempeñe as funcións de titulado/a superior psicólogo/a.

2. Persoal laboral que desempeñe as funcións de asistente/a social.

3. Persoal laboral que desempeña as funcións de terapeuta ocupacional.

Artigo 3. Emisión e uso do certificado dixital de pseudónimo

A emisión e uso do certificado dixital de pseudónimo rexerase polo establecido na Resolución do 13 de abril de 2020, conxunta da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

En todo caso, o uso do certificado dixital de pseudónimo será empregado exclusivamente para asinar os informes, actas ou documentos análogos elaborados no exercicio das funcións de autoridade pública, inspección, vixilancia ou control da Administración pública, ou no desempeño daquelas outras funcións en que resulte necesario preservar a identidade do persoal por concorreren circunstancias ou feitos que aconsellen adoptar desta medida.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2020

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade