Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Mércores, 4 de novembro de 2020 Páx. 43802

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 27 de outubro de 2020 pola que se amplía o prazo de xustificación da Orde do 21 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico e para a mellora das coleccións bibliográficas, con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e se procede á súa convocatoria de carácter extraordinario para o ano 2020 (código de procedemento CT235A).

O 31 de xullo de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 153 a Orde do 21 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico e para a mellora das coleccións bibliográficas, con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura pública de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e se procede á súa convocatoria de carácter extraordinario para o 2020 (código de procedemento CT235A).

Posteriormente, o 7 de agosto de 2020 publicouse unha corrección de erros a esta orde no Diario Oficial de Galicia número 158.

Os artigos 30, 31.1 e 2, do capítulo II do Programa A das bases da adquisición de novidades editoriais, regulan a xustificación.

O artigo 30 di que: «o prazo para presentar a documentación xustificativa abrangue desde o día da publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia ata o 16 de novembro de 2020 (incluído)».

O artigo 31 no parágrafo 1º establece que: «Considerarase gasto realizado o importe dos libros recibidos e pagados entre a data da publicación da resolución da concesión de subvención e o 16 de novembro de 2020 (incluído)».

O parágrafo 2º deste artigo sinala que: «a xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación, dirixida á Dirección Xeral de Políticas Culturais-Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, con data límite do 16 de novembro de 2020 sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda que regula as operacións de peche de exercicio».

Pola súa parte, a sección 2ª deste capítulo II referido ao programa B de mellora das coleccións bibliográficas, regula a xustificación nos artigos 37 e 38.1 e 2.

O artigo 37 di que: «o prazo para presentar a documentación xustificativa abrangue desde o día da publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia ata o 16 de novembro de 2020 (incluído)».

O artigo 38 no parágrafo 1º di: «Considérase gasto realizado o importe dos libros recibidos e efectivamente pagados entre a data de publicación desta convocatoria e o 16 de novembro (incluído)».

No parágrafo 2º establécese que: «A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación, dirixida á Dirección Xeral de Políticas Culturais, Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, con data límite do 16 de novembro de 2020».

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

O artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Tendo en conta que a resolución desta convocatoria de subvencións sae publicada no DOG do 23 de outubro, e a partir desa data os concellos beneficiarios dispoñen de prazo ata o 2 de novembro para adquirir os libros, e dada a proximidade do prazo de xustificación establecido na orde da convocatoria, 16 de novembro de 2020, considérase necesario introducir modificacións nos artigos 30, 31.1 e 2, e 37 e 38.1 e 2 da Orde do 21 de xullo de 2020 e ampliar o prazo de xustificación, de tal xeito que os beneficiarios das axudas poderán presentar a xustificación dos gastos ata o 26 de novembro de 2020, sen que con iso se cause prexuízos a terceiros.

En consecuencia, procede levar a cabo a modificación da orde, no sentido de ampliar o prazo de xustificación sinalado nos artigos 30 e 31.1 e 2; e 37 e 38.1 e 2 das bases da convocatoria ata o 26 de novembro de 2020, quedando sen variacións os restantes artigos.

Polas razóns expostas,

RESOLVO:

Modificar a data límite de xustificación establecida nos artigos 30, 31.1 e 2 e 37, 38.1 e 2 das bases da convocatoria da Orde do 21 de xullo de 2020 (código de procedemento CT235A) ampliando o prazo ata o 26 de novembro de 2020.

En consecuencia, os artigos 30, 31,1 e 2 e 37, 38.1 e 2 das bases da convocatoria quedarían redactados do seguinte xeito:

Artigo 30

O prazo para presentar a documentación xustificativa abrangue desde o día da publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia ata o 26 de novembro de 2020 (incluído).

Artigo 31

1. Considerarase gasto realizado o importe dos libros recibidos e pagados entre a data de publicación da resolución de concesión de subvención e o 26 de novembro de 2020 (incluído).

2. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación, dirixida á Dirección Xeral de Políticas Culturais-Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, con data límite do 26 de novembro de 2020 (incluído).

Artigo 37

O prazo para presentar a documentación xustificativa abrangue desde o día da publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia ata o 26 de novembro de 2020 (incluído).

Artigo 38

1. Considerarase gasto realizado o importe dos libros recibidos e efectivamente pagados entre a data de publicación da resolución de concesión de subvención e o 26 de novembro de 2020 (incluído).

2. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación, dirixida á Dirección Xeral de Políticas Culturais-Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, con data límite do 26 de novembro de 2020 (incluído).

Quedan o resto dos artigos sen variacións.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade