Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 28 de outubro de 2020 Páx. 42849

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 29 de setembro de 2020 pola que se declara definitivamente como espazo natural de interese local o Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte (Vigo).

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, recoñece os espazos naturais de interese local (ENIL en diante) como unha das categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 17 desta lei establece que, por petición do concello e logo dos informes perceptivos pertinentes, a consellería competente en materia de conservación da natureza poderá declarar como ENIL aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecentes dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

A declaración dun ENIL é competencia da consellería competente en materia de conservación da natureza, mentres que a responsabilidade e competencia da súa xestión é municipal. Así mesmo, a declaración dun ENIL non comporta a súa inclusión na Rede galega de espazos protexidos nin implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

A regulación dos ENIL recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto, foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura do espazo natural de interese local e a do espazo privado de interese natural. O artigo 4 deste decreto recolle a posibilidade que ten a consellería competente en materia de conservación da natureza de declarar, de xeito provisional, un ENIL por un prazo non superior a dous anos, prazo no cal as persoas promotoras deben presentar, como requisito imprescindible para a declaración definitiva do espazo natural, o seu plan de conservación.

Mediante a Orde do 26 de agosto de 2013 (DOG núm. 165, do 13 de agosto) declarouse de xeito provisional o ENIL Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte.

Durante a declaración provisional, e como requisito imprescindible para a súa declaración definitiva, o Concello de Vigo debía presentar ante a consellería competente o plan de conservación do espazo. O concello formalizou en prazo a remisión electrónica dun documento base inicial de plan o día o 2.6.2015. O documento base de plan de conservación, logo de ser emendado e completado, foi validado pola Xunta de Goberno Local e remitido en última instancia á consellería o 13.11.2017.

Este plan someteuse a participación pública da cidadanía o día 5.12.2018, de acordo co previsto no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, que regula o dereito de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, e recibíronse seis suxestións:

a) Unha proposta conxunta de ampliación do ENIL aos areais da Fontaíña e Calzoa-Foz dos representantes de Equo, do grupo de traballo da Marea de Vigo e da organización Lagares Vivo; esta proposta foi rexeitada xa que o procedemento en curso se refire á aprobación por decreto do plan de conservación dun espazo protexido xa declarado e cun ámbito territorial xa definido.

b) Unha segunda proposta conxunta de tres particulares refírese igualmente á ampliación do ENIL aos areais da Fontaíña e Calzoa-Foz e propoñen a creación dunha aula permanente de voluntariado.

c) As catro alegacións restantes foron presentadas polas organizacións deportivas Kiteboarding Galicia, Kitegalicia, Refacho Kiteclub e TMKite Club Cesantes ante a posibilidade de que esta actividade deportiva resultase prexudicada pola prohibición de facer voar artefactos na zona de uso moderado. A práctica desta actividade deportiva realízase lonxe da costa, sobre a lámina de auga e fóra do ENIL, e non se prevén interaccións salvo para a montaxe, desmontaxe ou traslado de velas, táboas ou calquera outro elemento dentro do ENIL.

O documento base foi corrixido, completado e sometido a informes sectoriais durante a súa tramitación. O día 23.7.2020 anunciouse no DOG núm. 147 a información pública e audiencia aos interesados, trámite en que se recibiron dúas alegacións, de A Fontaíña e de Ecoloxistas en Acción de Galiza, solicitando a ampliación do ENIL a espazos dunares adxacentes.

A tramitación do Plan de conservación do Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte seguiu o procedemento recollido na Lei 9/2001, do 21 de agosto, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, sen que o procedemento resultase afectado pola aprobación da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, conforme se establece na súa disposición transitoria sétima.

O plan de conservación presentado é conforme cos contidos mínimos referidos no artigo 38 da lei, desenvolvidos polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, e establece o réxime de uso e as actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo. En consecuencia, tras a realización dos trámites oportunos, o plan elevarase ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación mediante decreto, en cumprimento do artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

Esta orde ten por obxecto declarar, de xeito definitivo, o espazo denominado Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte, no concello de Vigo, como ENIL, unha vez constatadas as singularidades que presenta este espazo natural que o fan merecente da protección dos seus valores naturais e tras a presentación do correspondente plan de conservación.

Polo exposto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Primeiro. Declaración definitiva do Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte como espazo natural de interese local

Declárase como ENIL o espazo denominado Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte, no concello de Vigo, por proposta deste concello.

Segundo. Límites

A extensión e límites do ENIL Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte son os sinalados no anexo desta orde.

Terceiro. Xestión

Será responsabilidade e competencia do Concello de Vigo a xestión do espazo natural Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte, de acordo co plan de conservación que sexa aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Cuarto. Efectos

1. A declaración definitiva do Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte como ENIL non comporta a súa inclusión na Rede galega de espazos protexidos.

2. A declaración definitiva do Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte como ENIL non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

3. Con posterioridade á aprobación desta orde procederase á aprobación do correspondente plan de conservación, aprobación que deberá ser realizada polo Consello da Xunta de Galicia, en cumprimento do artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

Quinto. Extinción

1. Mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de conservación da natureza poderase poñer fin aos efectos da declaración definitiva do Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte como ENIL se desapareceren as causas que motivaron a protección deste espazo protexido e non foren susceptibles de recuperación ou restauración.

2. A consellería competente en materia de conservación da natureza poderá iniciar expediente para retirar a condición de espazo protexido no caso de que non se cumpran as finalidades de conservación recollidas na declaración do espazo ou se detecten desviacións importantes con respecto ao plan de conservación aprobado.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente,Territorio e Vivenda

ANEXO

Límites do ENIL Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte

1. O espazo atópase no termo municipal de Vigo, provincia de Pontevedra. Conta cunha lonxitude lineal ao carón da beira do mar de 780 metros e unha superficie de 11,40 ha.

2. Localízase na folla 223-III da cartografía 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional e ocupa a franxa costeira da parroquia de Coruxo. Está situado na zona central do arco definido entre Cabo Estai (parroquia de Oia) e Cabo do Mar (parroquia de Alcabre), na parte suroriental do concello de Vigo.

3. Plano de delimitación.

missing image file