Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 28 de outubro de 2020 Páx. 42784

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

DECRETO 176/2020, do 8 de outubro, polo que se aproba o Plan de conservación do espazo natural de interese local Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte (Vigo).

A Constitución española de 1978 recoñece no seu artigo 45.1 o dereito a desfrutar dun ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de o conservar, e o artigo 149.1.23 faculta as comunidades autónomas para estableceren normas adicionais de protección e da paisaxe, competencia exclusiva que se recolle no artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e o Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese natural, establecen que, por solicitude dun concello, a consellería con competencias en conservación da natureza pode declarar como tales aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecentes dalgún tipo de protección dos seus valores naturais. En aplicación do disposto na normativa autonómica, o Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte foi declarado como espazo natural de interese local (ENIL en diante), de xeito provisional, por Orde do 26 de agosto de 2013 (DOG núm. 165, do 13 de agosto). O expediente de declaración foi iniciado por solicitude do Concello de Vigo mediante o acordo adoptado polo Pleno do Concello do 2.12.2008, onde consta o seu compromiso formal de poñer en práctica as medidas de conservación e de elaborar o plan de conservación.

A declaración provisional do ENIL condicionou a súa declaración definitiva á presentación por parte do concello, ante a consellería competente en materia de conservación da natureza, dunha proposta adecuada de plan de conservación. O concello formalizou en prazo a remisión electrónica dun documento base inicial de plan o día o 2.6.2015 que, logo de ser emendado e completado, foi validado pola Xunta de Goberno Local e remitido en última instancia á consellería o 13.11.2017.

O documento base do plan someteuse a participación pública o día 5.12.2018, de acordo co previsto no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, que regula o dereito de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.

O documento base do plan, logo de ser emendado e completado, cumpre coa finalidade de adecuar a xestión do ENIL aos principios inspiradores sinalados no artigo 2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e conta cos contidos mínimos referidos no artigo 20 desa lei e no artigo 38 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, desenvolvido polo Decreto 124/2005, do 6 de maio.

A tramitación do Plan de conservación do Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte seguiu o procedemento recollido na Lei 9/2001, do 21 de agosto, sen que o procedemento resultase afectado pola aprobación da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, conforme se establece na súa disposición transitoria sétima.

En canto á calidade ambiental, o Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte constitúe un conxunto paisaxístico que recolle hábitats naturais de interese comunitario que son representativos das dunas marítimas atlánticas. Alberga unha representación diversa de especies, comunidades vexetais como as dunas móbiles embrionarias, colonizadoras de primeira liña (Hábitat 2110); dunas móbiles costeiras colonizadas por Ammophila arenaria que conforman a segunda banda do sistema dunar (Hábitat 2120) e as dunas costeiras fixas con vexetación herbácea ou grises das costas atlánticas, con substratos fixos ou semifixos, colonizadas por herbáceas e pequenos arbustos resistentes á influencia do vento mariño (Hábitat prioritario 2130*). Tamén están representados os cantís con vexetación das costas atlánticas, con comunidades vexetais rupícolas aerohalófilas, que constitúen a primeira banda de vexetación das costas rochosas (Hábitat 1230).

Entre a fauna, destacan sobre o resto as aves e, entre elas, o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), a garza real (Ardea cinerea), a garceta común (Egretta garzetta), a gaivota de cabeza negra (Larus melanocephalus) e o gaivotón común (Larus marinus). Máis ocasionalmente, o charrán cristado (Thalasseus sandvicensis), o mazarico chiador (Numenius phaeopus), o bilurico patirrubio (Tringa totanus) e o bilurico das rochas (Actitis Hypoleucos); o pilro común (Calidris alpina) e o pilro tridáctilo (Calidris alba). Tamén atopamos moluscos coma o caracol (Theba pisana).

O ENIL Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte localízase na grande área paisaxística das Rías Baixas, na comarca paisaxística de Vigo litoral, de acordo co Catálogo das paisaxes de Galicia, aprobado polo Decreto 119/2016, do 28 de xullo, polo que se aproba o Catálogo das paisaxes de Galicia (DOG núm. 60, do 25 de agosto). Así mesmo, o ENIL está totalmente integrado no ámbito de aplicación do Plan de ordenación do litoral de Galicia (POL en diante), na unidade da paisaxe Canido e dentro das áreas continuas de protección costeira e mellora ambiental e paisaxística.

No que se refire ao réxime urbanístico do ámbito do plan, rexe o Plan xeral de ordenación urbana de Vigo (PXOU en diante), aprobado definitivamente por acordo da Xunta de Galicia do 29.4.1993 (DOG núm. 87, do 10 de maio), coas súas modificacións puntuais, considerada a declaración de nulidade contida na sentenza do 10 de novembro de 2015 do Tribunal Supremo, que afectou as ordes da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do día 16.5.2008, de aprobación definitiva e parcial do Plan xeral de ordenación municipal –PXOM en diante– (DOG núm. 106, do 3 de xuño; BOP núm. 151, do 6 de agosto) e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, do 13.7.2009, de aprobación do documento de cumprimento da Orde do 16.5.2008 (DOG núm. 144, do 24.7.2009; BOP núm. 175, do 10.9.2009). Trátase dun expediente de emenda de deficiencias na adaptación do PXOU de Vigo de 1988 á Lei 11/1985, do 22 de agosto, de adaptación da Ley do solo a Galicia (LASGA). A aprobación definitiva da súa normativa publicouse no BOP núm. 133, do 14.7.1993.

Segundo o Concello de Vigo, o PXOU de 1993 clasifica o solo como urbano e cualifícao como sistema xeral de espazos libres e zonas verdes, con ordenación remitida a un Plan especial de mellora ambiental do Vao. Non obstante, o espazo natural está afectado pola protección sectorial da liña de deslindamento do dominio público marítimo-terrestre, polo Catálogo das paisaxes de Galicia e polo POL. Así mesmo, a declaración provisional do ENIL, por Orde do 26 de agosto de 2013, conferiu ao ámbito a condición de espazo natural protexido, ao abeiro do artigo 9 da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

O Plan de conservación introduce a necesidade de incorporar ao futuro PXOM de Vigo a definición do réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideran necesarias para a conservación do espazo.

O decreto de aprobación do Plan de conservación incorpora, ademais, o contido dos informes preceptivos do Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra, do Instituto de Estudos do Territorio, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

O conxunto documental que constitúe o plan consta dos seguintes documentos: unha memoria, que é o documento no que se recolle a delimitación territorial do plan (artigo 38.1 da Lei 9/2001, do 21 de agosto); a identificación dos valores naturais que hai que protexer máis os posibles riscos que poidan afectalos (artigo 38.2 da Lei 9/2001, do 21 de agosto), e a parte de normativa e programación, que establece para o ámbito os principios inspiradores e criterios para a xestión dos recursos naturais (artigo 16 da Lei 9/2001, do 21 de agosto), as normas de uso e aproveitamento do solo e dos recursos naturais (artigo 38.3 da Lei 9/2001, do 21 de agosto), as normas relativas ao uso público e as liñas de actuación necesarias para a consecución dos obxectivos da planificación do ENIL (artigo 38.4 da Lei 9/2001, do 21 de agosto) xunto cunha memoria económica acerca dos custos necesarios para a súa aplicación.

O Plan de conservación recibiu informe favorable do Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, da Demarcación de Costas do Estado en Galicia e da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica, polo que procede a súa aprobación por decreto do Consello da Xunta de Galicia, en cumprimento do artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

A información pública e audiencia do Plan de conservación do ENIL Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte materializouse o 23.7.2020 a través da súa publicación formal no Diario Oficial de Galicia e no portal de transparencia da Xunta de Galicia.

Constatadas as singularidades que presenta este espazo natural, que o fan merecente da protección dos seus valores naturais, e despois da presentación e adecuación do correspondente plan de conservación aos principios inspiradores do artigo 2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, mediante a Orde do 29 de setembro de 2020 declarouse con carácter definitivo o Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte como espazo natural de interese local.

Polo exposto, e no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de outubro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Plan de conservación

1. Apróbase o Plan de conservación do ENIL Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte recollido no anexo I deste decreto, co ámbito, finalidade e valores naturais incluídos na memoria e coas normas, obxectivos de conservación e medidas establecidas na parte de normativa e programación.

2. O ámbito territorial de aplicación do Plan de conservación coincide coa extensión e os límites cartografados no anexo II. O ENIL atópase no termo municipal de Vigo, provincia de Pontevedra, e conta cunha superficie de 11,40 ha.

3. O plan estará á disposición de calquera persoa interesada na web do Concello de Vigo, xestor do espazo http://hoxe.vigo.org/movemonos/mabiente_vigo.php?lang=cas#/

Disposición adicional primeira. Revisión do Plan xeral de ordenación municipal

Establécese un prazo de 24 meses para que o Concello de Vigo incorpore ao procedemento de revisión do PXOM as modificacións necesarias para adaptar os aspectos incompatibles con este plan de conservación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente para ditar, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de outubro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO I

Plan de Conservación do ENIL Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte

Memoria

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Ámbito territorial e delimitación

1. O ámbito territorial de aplicación do Plan de conservación correspóndese co establecido no anexo II deste decreto e coincide coa extensión e límites cartografados para o ENIL Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte, declarado de xeito definitivo por Orde do 29 de setembro de 2020.

Este espazo protexido atópase no termo municipal de Vigo, provincia de Pontevedra, e conta cunha lonxitude lineal ao carón da beiramar de 780 metros e unha superficie de 11,40 ha.

2. Localízase na folla 223-III da cartografía 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional e ocupa a franxa costeira da parroquia de Coruxo. Está situado na zona central do arco definido entre Cabo Estai (parroquia de Oia) e Cabo do Mar (parroquia de Alcabre) na parte suroriental do concello de Vigo.

Artigo 2. Finalidade do plan e principios inspiradores da xestión

1. Este plan persegue a ordenación xeral dos recursos naturais dos areais do Vao-Baluarte e a xestión e preservación dos valores do medio, tendo en conta os usos potenciais de carácter social que poidan ser compatibles.

2. De conformidade co artigo 16 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, os recursos naturais e os espazos naturais protexibles serán obxecto de planificación coa finalidade de adecuar a xestión aos principios inspiradores sinalados no artigo 2 desta lei. Neste senso, a programación de actuacións do ENIL considerará, polo menos:

a) O mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais e dos sistemas vitais básicos, apoiando os servizos dos ecosistemas para o benestar humano.

b) A conservación e a restauración da biodiversidade e da xeodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. As medidas que se adopten para ese fin terán en conta as exixencias económicas, sociais e culturais, así como as particularidades rexionais e locais.

c) A utilización ordenada dos recursos para garantir o aproveitamento sustentable do patrimonio natural, en particular das especies e dos ecosistemas, a súa conservación, restauración e mellora e evitar a perda neta de biodiversidade.

d) A conservación e preservación da variedade, singularidade e beleza dos ecosistemas naturais, da diversidade xeolóxica e da paisaxe.

e) A integración dos requisitos da conservación, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade nas políticas sectoriais e, en particular, na toma de decisións no ámbito político, económico e social, así como a participación xusta e equitativa na repartición de beneficios que deriven da utilización dos recursos xenéticos.

f) A prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística e os supostos básicos da devandita prevalencia.

g) A precaución nas intervencións que poidan afectar espazos naturais ou especies silvestres.

h) A garantía da información á cidadanía e concienciación sobre a importancia da biodiversidade, así como a súa participación no deseño e execución das políticas públicas, incluída a elaboración de disposicións de carácter xeral, dirixidas á consecución dos obxectivos da lei.

i) A prevención dos problemas emerxentes consecuencia do cambio climático, a mitigación e adaptación a este, así como a loita contra os seus efectos adversos.

j) A contribución dos procesos de mellora na sustentabilidade do desenvolvemento asociados a espazos naturais ou seminaturais.

k) A participación das persoas habitantes no contorno do espazo protexido nas actividades coherentes coa conservación do patrimonio natural e da biodiversidade que se desenvolvan nos devanditos espazos e nos beneficios que deriven delas.

l) O mantemento e a adaptación das poboacións de todas as especies de aves que viven normalmente en estado salvaxe nun nivel que corresponda, en particular, ás exixencias ecolóxicas, científicas e culturais, tendo en conta tamén as exixencias económicas e recreativas.

3. Así mesmo, en virtude do artigo 37 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, o plan de conservación establece o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo.

4. Na xestión do ENIL darase cumprimento á normativa de igualdade de xénero, Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, e coidarase a utilización dunha linguaxe inclusiva, non sexista.

Artigo 3. Efectos

1. En relación co planeamento urbanístico, o Pleno do Concello de Vigo, en sesión extraordinaria e urxente do 18.12.2015 (expediente 15.313/411), acordou elaborar un novo PXOM adaptado á lexislación vixente que substitúa o actual de 1993, nomeado de emenda de deficiencias na adaptación do PXOU á Lei 11/1985, do 22 de abril, de adaptación da do solo a Galicia conforme as disposicións normativas contidas na lexislación urbanística vixente e en concordancia coa lexislación de solo, ambiental e sectorial de aplicación. En relación co PXOM:

a) Conforme o artigo 39 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, as normas e previsións contidas neste plan de conservación serán vinculantes tanto para as administracións públicas como para as persoas particulares, prevalecerán sobre as contidas no planeamento territorial e urbanístico e a súa aprobación levará unida a revisión dos plans territoriais e sectoriais incompatibles.

b) A revisión do PXOM en vigor e calquera outro posterior deberá velar para que se garantan os obxectivos específicos e xenéricos polos cales se declarou o ENIL.

c) O Plan de conservación integra, coas limitacións que resultan necesarias para a preservación do espazo, o réxime de usos e actividades permisibles no ámbito.

2. En relación coa normativa sectorial:

De conformidade coa orde declarativa e cos informes sectoriais sobre o plan emitidos polo Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra, polo Instituto de Estudos do Territorio, pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que incorpora o informe da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar:

a) A aprobación do Plan de conservación do ENIL Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

b) A totalidade do ENIL pertence ao dominio público marítimo-terrestre, e esténdese alén da liña da ribeira do mar. A aplicación do Plan de conservación e a xestión do ENIL non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais do Estado. Os planos do Plan de conservación representan de forma correcta as liñas da ribeira do mar, do dominio público marítimo-terrestre e da servidume de protección. O Concello de Vigo deberá actualizar estes planos para incluír a representación gráfica dos accesos ao mar dentro do período transitorio establecido para a adaptación do PXOM.

c) As instalacións que poidan propoñerse como consecuencia da aplicación do plan deberán localizarse fóra do dominio público marítimo-terrestre e a súa ocupación queda, en todo caso, condicionada ao que derive da solicitude do correspondente título habilitante e regulada polo disposto no título lll da Lei 22/1988, do 28 de xullo.

d) Para a zona de uso moderado, definida pola superficie de area seca e a zona intermareal ata a liña da auga, deberá terse en conta que, se como consecuencia da aplicación do plan, no futuro derivase a necesidade de execución de obras e instalacións nas augas mariñas e no seu leito, a autorización desas posibles actuacións deberase axustar ao establecido no artigo 3 da Lei 41/2010, do 29 de decembro, de protección do medio mariño e requirirán o informe favorable do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico respecto da súa compatibilidade coa estratexia mariña da Demarcación Mariña Noratlántica.

e) De acordo co POL (Decreto 20/2011, do 10 de febreiro) e co Catálogo das paisaxes de Galicia (Decreto 119/2016, do 28 de xullo), no referido á protección da paisaxe para as áreas de protección costeira, seguiranse as seguintes recomendacións para corrixir impactos e para fomentar a integración paisaxística:

1º. A urbanización con lousas de cemento no centro do areal non resulta coherente co obxectivo de conservación e restauración das dunas e supón unha distorsión nos valores paisaxísticos naturais e panorámicos do recurso protexible. Buscarase unha localización alternativa para estes servizos nas áreas de aparcadoiro fóra do areal ou ben en espazos adxacentes, detrás do trazado da Senda dos Faros.

2º. Adoptaranse medidas correctoras das afeccións co fin de acadar unha menor fragmentación do cordón dunar e incorporaranse os espazos recuperados á zona de conservación.

f) Dentro do ENIL non consta autorizado ningún establecemento de acuicultura. Non obstante, a xestión do espazo terá en conta que a zona está autorizada para a produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños e clasificada como zona B (Gal 11/04-regulamentos 852/2004, 853/2004, 854/2004) polo que se deberán respectar os criterios sectoriais de calidade das augas e deberá considerarse a potencialidade marisqueira ou pesqueira.

g) Plans de explotación de recursos mariños: a Delegación Territorial de Vigo da Xefatura Territorial da Consellería do Mar informou sobre os seguintes plans de explotación de recursos mariños, que afectan o ámbito do ENIL ou a súa contorna:

1º. Existe unha zona xenérica para a explotación de poliquetos, comprendida polos bancos intermareais entre punta da Serra e o areal de Arealonga, que abrangue o ámbito do ENIL que, na actualidade, non está activa. Prevese a posibilidade de recuperación destes usos e, de dárense as condicións, a recuperación da explotación de recursos mariños no ámbito do ENIL, tales como o marisqueo a pé ou a extracción de poliquetos.

2º. Outros plans de explotación fóra do ámbito territorial definido do ENIL:

– i) Plan específico de explotación de moluscos bivalvos_ Marisqueo desde embarcación: VI-056 Toralla, VI-057 O Vao, VI-071 Canido-Burriceiro, VI-581 Toralla Sur.

– ii) Plan específico de explotación de moluscos bivalvos_Marisqueo a pé: VI-065 Toralla, VI-064 Serral.

– iii) Plan de explotación de navalla e longueirón_ Mergullo en apnea e con subministración de aire: VI-579 Toralla.

h) No ámbito do plan de conservación do ENIL existe un elemento catalogado correspondente a un resto arqueolóxico solto denominado biface na praia do Baluarte, adscrito ao paleolítico e depositado no Museo Municipal Quiñones de León; asemade, este espazo atópase dentro do ámbito de protección do elemento arquitectónico denominado capela da Virxe do Carme, de carácter relixioso adscrito ao modernismo, e dentro da área de respecto do elemento arqueolóxico denominado vila romana de Toralla (código de xacemento GA36057037). Polo exposto, resulta de aplicación a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

3. Para o non disposto neste plan de conservación, rexerá con carácter supletorio a seguinte normativa:

a) As áreas de protección costeira definidas polo POL (Decreto 20/2011, do 10 de febreiro) deben ser obxecto de conservación. Estas áreas engloban espazos de elevado valor natural e ambiental, así como paisaxístico, en concreto, as xeoformas rochosas (cantís, illas e illotes) e os sistemas areal-duna xunto coas formacións vexetais costeiras asociadas. Inclúense nesta categoría os espazos afectados polas dinámicas litorais. Serán aplicables os principios comúns, definidos no artigo 33 do POL:

1º. Valorizar os elementos de carácter natural e cultural, promovendo a súa rexeneración e rehabilitación.

2º. Divulgar o coñecemento, facendo especial fincapé na identificación dos seu trazos definitorios naturais ou culturais, prestando especial atención aos espazos de interese identificados.

3º. Proporcionar conectividade ao territorio, preservando a funcionalidade dos ecosistemas e evitando a súa fragmentación.

4º. Preservar a paisaxe litoral como un valor natural e cultural.

5º. Contribuír á diversidade e riqueza paisaxística, integrando os usos e actividades que sobre o territorio se implanten.

6º. Evitar a alteración substancial dos ecosistemas, así como a súa ocupación con especies alóctonas.

Ademais destes principios, definirase unha superficie continua ao longo de toda a costa para salvagardar aqueles valores que a identifican e caracterizan desde o punto de vista xeomorfolóxico, ecolóxico e paisaxístico; mellorarase a calidade da contorna e os areais dos sistemas areal-duna e adoptaranse medidas para a preservación destas áreas da implantación de instalacións e edificacións.

b) A regulación de usos para a área de protección costeira recollida no artigo 54 Protección costeira do POL. Nas praias e no seu contorno atenderase ao que segue:

1º. Serán usos permitidos os relacionados no artigo 46, epígrafes 1B1, 1B2, 1C, 1F, 1H, 1J, 3A, 3B e 3D.

2º. Considéranse compatibles os usos relacionados no artigo 46, epígrafes 1A1, 1I, 2E2, 2F, 2G1a, 2I, 2J1, 2J2, 2L1, 2M, 2N, 2Ñ, 2O, 2Q, 2R e 3C.

3º. Considérase incompatibles os usos relacionados no artigo 46, epígrafes 1A2, 1D, 1E, 1G, 2A1, 2A2, 2A3, 2B, 2C, 2D, 2E1, 2G1b, 2G2, 2G3, 2H, 2K, 2L2 e 2P.

CAPÍTULO II

Valores naturais do espazo e factores de risco

Artigo 4. Identificación dos valores naturais que hai que conservar

O Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte constitúe un dos espazos do litoral municipal mellor conservados do concello de Vigo, con excepción das Illas Cíes.

A recuperación da dinámica natural está a modelar novamente a xeomorfoloxía do espazo. O medio gañou progresivamente diversidade e complexidade coa axuda da restauración da flora autóctona, o que tamén favoreceu a diversidade da fauna. O enclave forma un conxunto paisaxístico e natural característico da nosa latitude acorde coas características climáticas e edafolóxicas, que alberga unha representación de especies, comunidades vexetais e procesos de modelaxe xeolóxica costeira recollidos na Lei 42/2007, do 13 de decembro, no Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro, para o desenvolvemento da Lista de especies silvestres en réxime de protección especial, no Catálogo español de especies ameazadas e no Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.

1. Hábitats.

No espazo, atopamos ecosistemas representados na Directiva de hábitats 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, merecentes da súa conservación e protección, e que repercuten na mellora ambiental da Unión Europea. A Lei 42/2007, do 13 de decembro, recolle tamén, no seu anexo I, os tipos de hábitats naturais de interese comunitario cuxa conservación require a designación de zonas de especial conservación.

Os hábitats de interese comunitario que se poden atopar no Complexo Duna e Areal do Vao Baluarte, codificados de acordo co código asignado polo Inventario español de hábitats terrestres (INH), son:

a) Código INH 2110: Dunas móbiles embrionarias. Formacións vexetais herbáceas perennes de areais batidos polo vento, colonizadoras iniciais de areais móbiles de primeira liña do areal (dunas embrionarias ou primarias).

b) Código INH 2120: Dunas móbiles de litoral con Ammophila arenaria. Dunas móbiles costeiras colonizadas por Ammophila arenaria (feno do areal) que conforman a segunda banda do sistema dunar (tamén se denominan dunas secundarias ou dunas brancas).

c) Código INH 2130*: Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea. Dunas terciarias ou grises das costas atlánticas, con substratos fixos ou semifixos, colonizadas por herbáceas e pequenos arbustos resistentes á influencia do vento mariño. Hábitat prioritario.

d) Código INH 1230: Cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas. Cantís do litoral do océano Atlántico con comunidades vexetais rupícolas aerohalófilas que constitúen a primeira banda de vexetación das costas rochosas.

2. Flora.

Nos areais costeiros a vexetación potencial está representada polas seguintes comunidades fitosociolóxicas:

a) A Clase Cakiletea Maritimae, que agrupa as comunidades de plantas de porte baixo e halonitrófilas que se desenvolven en zonas de dunas primarias e areais de pedras en que hai unha entrada continua de materia orgánica polas mareas. Como especies representativas están Atriplex prostrata, Beta vulgaris subsp. Maritima, Cakile maritima subsp. integrifolia, Euphorbia peplis, Glaucium flavum, Honckenya peploides, Matricaria maritima, Polygonum maritimum, Salsola kali e Tetragonia tetragonioides.

1º. A Asociación Honckenyo-Euphorbietum peplis, Tüxen & Preising in Tüxen 1950, da Orde Cakiletalia integrifoliae.

b) Da clase Ammophiletea Br.-Bl. & Tüxen ex Westhoff, Dijk & Passchier 1946, presente de xeito abundante nos areais costeiros galegos, as especies máis representativas son Aetheorhiza bulbosa, Ammophila arenaria subsp. australis, Armeria pungens, Artemisia crithmifolia, Calystegia soldanella, Carex arenaria, Crucianella maritima, Cyperus capitatus Elymus farctus subsp. boreali-atlanticus, Eryngium maritimum, Euphorbia paralias, Euphorbia portlandica, Euphorbia terracina, Helichrysum picardii, Honckenya peploides, Iberis procumbens, Lobularia maritima, Medicago marina, Otanthus maritimus, Pancratium maritimum, Scrophularia frutescens e Seseli tortuosum.

1º. Asociación Euphorbio paraliae-Agropyretum junceiformis, Br.-Bl. & R. Tüxen 1952 corr. Darimont, Duvigneaud & Lambinon 1962, da Orde Ammophiletalia, que se corresponde con comunidades densas e típicas de dunas móbiles, dominadas por Ammophila arenaria subsp. australis e de distribución pola costa atlántica e mediterránea. Como especies características destes medios, pódense citar Ammophila arenaria subsp. australis e Medicago marina. Como especies principais aparecen Elymus farctus subsp. Borealiatlanticus, Eryngium maritimum e Euphorbia paralias. Como especie acompañante atopamos a Cakile maritima.

2º. Asociación Othanto maritimi-Ammophiletum australis Géhu & Tüxen 1975 corr. Fdez.-Prieto & T. E. Díaz 1991, con comunidades de plantas graminoides e non graminoides de dunas secundarias entre as cales destacan Ammophila arenaria subsp. australis, Eryngium maritimum, Medicago marina, Calystegia soldanella, Pancratium maritimum, ou Euphorbia paralias. Esta asociación é de distribución cántabro-atlántica e da zona atlántica do sur de España e Portugal.

3º. Asociación Iberidetum procumbentis Bellot 1968, da Orde Crucianelletalia maritimae, que inclúe as comunidades vexetais típicas propias da transduna, duna terciaria en que empeza a desenvolverse un horizonte orgánico e o substrato areoso ten menos mobilidade. Nesta asociación aparecen as briófitas ou musgos como Pleurochaetes squarrosa, Syntrichia ruralis subsp. ruraliformis ou Brium capilare, e caméfitos como Iberis procumbens, Helycrisum picardii, Malcolmia littorea, Mathiola sinuata, Crucianella marítima, Linaria polygalifolia, Aetheorhyza bulbosa ou Pancratium maritimum.

c) Da clase molinio-arrhenatheretea Tüxen 1937 as especies representativas son Achillea millefolium, Agrostis capillaris, Agrostis castellana, Agrostis x fouilladei, Agrostis stolonifera, Ajuga reptans, Alopecurus pratensis, Angelica major, Anthoxanthum amarum, Anthoxanthum odoratum, Arrhenatherum elatius, Bellis perennis, Briza media, Bromus communtatus, Caltha palustris, Cardamine pratensis, Carex ovalis, Carum verticillatum, Centaurea nigra, Chaerophyllum hirsutum, Cirsium palustre, Crepis capillaris, Dactylorhiza incarnata, Cynosurus cristatus, Dactylis glomerata, Deschampsia hispanica, Elymus repens, Festuca pratensis, Filipendula ulmaria, Gaudinia fragilis, Holcus lanatus, Hypericum tetrapterum, Hypochoeris radicata, Juncus acutiflorus, Juncus conglomeratus, Juncus effusus, Linum bienne, Lolium multiflorum, Lolium perenne, Lotus corniculatus, Lotus pedunculatus, Lychnis flos-cuculi, Malva moschata, Malva tournefortiana, Mentha longifolia, Mentha suaveolens, Molinia coerulea, Paspalum dilatatum, Paspalum distichum, Paspalum vaginatum, Peucedanum lancifolium, Phleum pratense, Plantago lanceolata, Plantago major, Poa pratensis, Poa supina, Poa trivialis, Polygonum bistorta, Potentilla reptans, Prunella vulgaris, Ranunculus acer subsp.despectus, Ranunculus repens, Rhinanthus minor, Rumex acetosa, Rumex crispus, Rumex obtusifolius, Scirpus holoschoenus, Senecio aquaticus subsp. barbareifolius, Stellaria graminea, Tragopogon pratensis, Trifolium dubium, Trifolium pratense, Trifolium repens, Trisetum flavescens, Valeriana dioica, Veronica chamaedrys e Veronica serpyllifolia.

1º. Asociación Carici arenariae-Juncetum acuti Herrera 1995. Nas zonas en que o nivel freático é alto facilítase o desenvolvemento de herbáceas nas cales dominan especies como Carex arenaria e Juncus acutus.

d) Da clase juncetea maritimi br.-bl. in br.-bl., Roussine & Nègre 1952 as especies representativas son: Angelica pachycarpa, Anthyllis vulneraria s.l., Apium graveolens, Armeria maritima, Armeria pubigera, Asplenium marinum, Aster tripolium, Bacopa monieri, Carex extensa, Carex punctata, Cochlearia aestuaria, Crepis novoana, Crithmum maritimum, Daucus carota subsp. gummifer, Elymus pycnanthus, Festuca rubra subsp. pruinosa, Glaux maritima, Inula crithmoides, Juncus acutus, Juncus gerardi, Juncus maritimus, Leucanthemum gallaecicum, Leucanthemum pluriflorum, Limonium binervosum, Limonium vulgare, Linaria polygalifolia subsp. Aguillonensis, Matthiola incana, Oenanthe lachenali, Plantago maritima, Rumex acetosa subsp. biformis, Rumex rupestris, Silene uniflora, Spergularia rupicola, Trifolium occidentale, Triglochin bulbosa subsp. barrelieri, Triglochin maritima e Triglochin striata.

1º. A Asociación Crithmo-Armerietum pubigerae Rozeira ex P. Silva & Teles 1972 é constituída por especies indiferentes á natureza da rocha, viven nas fisuras de cantís expostas aos salseiros das ondas e é representativa na costa atlántica. Teñen como especies características Crithmum maritimum, Asplenium marinum, Cochlearia danica, Spergularia rupicola e Armeria pubigera. Como especies acompañantes aparecen, Armeria maritima, Silene maritima, Euphorbia portlandica ou Frankenia laevis.

3. Fauna.

a) Aves.

O Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro, para o desenvolvemento da Lista de especies silvestres en réxime de protección especial e do Catálogo español de especies ameazadas, menciona no seu anexo as seguintes especies, que están presentes no ENIL: gabián (Accipiter nisus), bilurico das rochas (Actitis hypoleucos), ferreiriño rabilongo (Aegithalos caudatus), alca torda, alca común, pica dos prados (Anthus pratensis), vencello común (Apus apus), garza real (Ardea cinerea), virapedras (Arenaria interpres), pilro tridáctilo (Calidris alba), pilro curlibico (Calidris alpina), píllara real (Charadrius hiaticula), carrizo dos xuncos (Cisticola juncidis), garzota común (Egretta garcetta subsp. garcetta), papamoscas (Ficedula hypoleuca), gavita (Haematopus ostralegus), andoriña común (Hirundo rustica), gaviotón común (Larus marinus), gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus), motacilla alba (Motacilla alba subsp. alba), mazarico chiador (Numenius phaeopus), ferreiro abelleiro (Parus major), ferreiriño común (Periparus ater), corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis subsp aristotelis), picafollas europeo (Phylloscopus collybita), carrán cristado (Thalasseus sandvicensis) e bilurico común (Tringa totanus).

De entre todas elas destaca o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) que o Catálogo galego de especies ameazadas (Decreto 88/2007, do 19 de abril) cataloga como vulnerable, así como a garzota común (Egretta garzetta), gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus) e o carrán cristado (Thalasseus sandvicensis) que serán obxecto de medidas de conservación especiais no referido ao seu hábitat, coa finalidade de asegurar a súa supervivencia e a súa reprodución na súa área de distribución, por estaren listadas no anexo IV da Lei 42/2007, do 13 de decembro:

b) Mamíferos.

Morcego común (Pipistrellus pipistrellus).

c) Moluscos gasterópodos.

Corniño (Nucella lapillus).

4. Paisaxe.

a) O ENIL Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte está integrado no ámbito de aplicación do POL na unidade da paisaxe Canido e dentro das áreas continuas de protección costeira e mellora ambiental e paisaxística. Localízase na grande área paisaxística das Rías Baixas, na comarca paisaxística de Vigo litoral, de acordo co Catálogo das paisaxes de Galicia, aprobado polo Decreto 119/2016, do 28 de xullo.

Non obstante, o areal valórase como antropizado, con áreas de xardín, pasarelas de acceso peonil, valados e instalacións de servizos, e fortemente alterado na súa contorna máis inmediata e dentro do dominio público marítimo-terrestre (aparcadoiros, beirarrúas, vías asfaltadas e luminarias).

b) O plan incorpora os aspectos referidos á protección da paisaxe nas áreas de protección costeira e a ordenación das praias e da súa contorna. En particular, consideraranse as directrices do POL para a ruta Senda dos Faros.

Artigo 5. Identificación dos recursos obxecto de aproveitamento

1. A zona está autorizada para a produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños e clasificada coma zona B (Gal 11/04-regulamentos 852/2004, 853/2004, 854/2004). Non obstante, non consta autorizado ningún establecemento de acuicultura na zona.

2. Existe unha zona xenérica para a explotación de poliquetos comprendida polos bancos intermareais entre puntal da Serra e o areal de Arealonga, que na actualidade non está activa. Prevese a posibilidade de recuperación destes usos e, de dárense as condicións, a recuperación da explotación de recursos mariños tales como o marisqueo a pé ou a extracción de poliquetos.

3. Para levar a cabo actuacións e ocupacións no dominio público marítimo-terrestre deberase dispoñer dos correspondentes títulos habilitantes, de conformidade coas exixencias do título III da Lei 22/1988, do 28 de xullo. En canto á posibilidade de execución de obras e instalacións nas augas mariñas e no seu leito, a autorización desas posibles actuacións requirirá o informe favorable do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e axustarse ao establecido no artigo 3 da Lei 41/2010, do 29 de decembro, de protección do medio mariño.

Artigo 6. Identificación dos factores de risco que poidan afectar os seus valores naturais

Os riscos que poden afectar os valores naturais do espazo natural protexido son:

a) Recursos edáficos. Alteración das características e distribución da area, solo ou rochas, incluíndo a erosión directa ou indirecta por causas naturais ou asociadas ao ser humano.

b) Flora e fungos. Modificación directa ou indirecta de hábitats e especies. Danos sobre especies, incluída a recolección parcial ou total. Introdución de especies alóctonas, en especial, daquelas que posúen un carácter invasor.

c) Fauna. Modificación e alteración directa ou indirecta de hábitats, microhábitats e especies. Molestias ou captura, principalmente das aves, que afecten a súa presenza, alimentación, cría ou descanso. Aumento da comida dispoñible para as especies oportunistas. Introdución de especies alóctonas, en especial, daquelas que posúen un carácter invasor.

d) Recursos hídricos. Modificación da calidade da auga do medio e a súa contorna por entrada de nutrientes, fitosanitarios, contaminantes ou microorganismos patóxenos. Alteración da dispoñibilidade de auga para o ecosistema e para as especies ligadas a el.

e) Recursos paisaxísticos. Alteración da paisaxe por infraestruturas ou equipamentos disonantes coas características do medio. A elevación do nivel sonoro con sons alleos ás características naturais do espazo.

f) A urbanización con lousas de cemento no centro do areal non resulta coherente co obxectivo de conservación e restauración das dunas, e supón unha distorsión nos valores paisaxísticos naturais e panorámicos do recurso protexible. Buscarase unha localización alternativa para estes servizos nas áreas de aparcadoiro fóra do areal ou ben en espazos adxacentes, detrás do trazado da Senda dos Faros.

g) Adoptaranse medidas correctoras das afeccións co fin de acadar unha menor fragmentación do cordón dunar e incorporaranse os espazos recuperados á zona de conservación.

h) A emisión de gases á atmosfera de forma directa no espazo ou indirecta na contorna.

i) Calquera outro recollido no desenvolvemento do presente plan.

Normativa e programación

CAPÍTULO III

Obxectivos de conservación

Artigo 7. Obxectivos de conservación

1. Establecer unha figura de protección recoñecida a nivel rexional para garantir unha adecuada xestión e conservación deste espazo no tempo.

2. Avanzar no proceso de recuperación tanto da zona dunar como do propio areal e a súa contorna.

a) Mediante a preservación dos recursos e procesos naturais (bióticos ou abióticos) ligados a este espazo, compatibilizando os usos sociais tradicionais asociados ao medio costeiro areoso.

b) Axudando a garantir o equilibrio do sistema duna-areal para que a dinámica modele este espazo e incremente a súa reserva de area.

3. Revalorizar e dar a coñecer os valores e singularidade deste medio entre a cidadanía e visitantes.

a) Facilitando a divulgación, coñecemento e estudo do medio e as súas interaccións.

b) Impulsando esta área costeira para que a poboación local compatibilice o uso e goce do medio coa conservación e protección deste.

4. Aumentar a diversidade de flora, fauna e fungos autóctonos característicos deste medio.

a) Dando prioridade á conservación de especies de interese, endémicas ou de distribución limitada a nivel rexional ou local.

b) Potenciando o desenvolvemento ata acadar o estado de conservación óptimo dos hábitats presentes no espazo; dunas móbiles embrionarias, dunas móbiles de litoral con Ammophila arenaria, cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas e, especialmente, por ser un hábitat prioritario, as dunas costeiras fixas con vexetación herbácea.

c) Protexendo as especies de fauna migratoria, en especial, as aves en paso prenupcial, postnupcial ou en invernada.

d) Eliminando e controlando as especies alóctonas e, en especial, as especies de flora potencialmente máis agresivas (exóticas invasoras) ou negativas para a evolución do espazo.

e) Favorecendo a presenza de invertebrados, en especial, os ligados ao medio dunar.

f) Realizando unha adecuada xestión dos amoreamentos de algas neste espazo, de xeito que facilite a presenza de invertebrados como base de alimento para as aves limícolas.

5. Compatibilizar calquera uso público do espazo coa súa conservación.

a) Acadando un equilibrio entre os usos de lecer e de recreo coa protección do espazo, as especies e os hábitats.

b) Dispoñendo dunhas infraestruturas e servizos que cumpran as necesidades dos/das usuarios/as pero que tamén estean integradas e sexan respectuosas co medio e os seus valores.

6. Protexer a paisaxe e os seus valores.

a) Diminuíndo os impactos, integrando os diferentes elementos presentes de forma harmónica e coherente respecto dos valores naturais dos hábitat representados.

b) Unindo os usos e actividades no territorio.

7. Fomentar a conectividade con outros espazos de valor ambiental situados na súa contorna, garantindo a funcionalidade dos hábitats presentes, favorecendo a diversidade cunha visión de continuidade, evitando o illamento ou fragmentación.

CAPÍTULO IV

Directrices xerais de xestión e conservación

Artigo 8. Réxime xeral de usos

1. Os recursos naturais dentro do espazo natural xestionaranse considerando os principios inspiradores establecidos no artigo 2, coa intervención necesaria para manter non só a estrutura dos ecosistemas senón tamén as súas funcións, os procesos naturais e a conectividade. A conservación activa orientarase a asegurar a evolución natural do medio e das especies asociadas.

Artigo 9. O instrumento de planificación

1. O plan é a ferramenta básica que define as liñas de acción para a conservación dos valores do espazo e que garante a súa correcta evolución. Ademais, deberá compatibilizar os usos sociais coa preservación dos hábitats, especies e procesos naturais.

2. Os criterios e normas establecidas determinan os usos e aproveitamentos, as actividades e as directrices para a xestión e conservación do espazo. Procurarase a protección e conservación dos usos e aproveitamentos tradicionais que se realizaban no espazo definido para o ENIL. Non obstante, os fortes cambios e alteracións xerados no espazo nos últimos anos e o cambio de usos que levou asociado limitan a conservación dos usos tradicionais.

Na actualidade só se recoñece a existencia dun uso tradicional ligado á varada das embarcacións denominadas gamela coruxeira. Localízanse nun pequeno espazo da zona posterior da duna do Baluarte. A maior parte deste núcleo de embarcacións localízase fóra do espazo, no areal da Fontaíña. Este uso debe manter as mesmas condicións en canto ás características das embarcacións e o seu número e, ademais, non entrar en conflito con outras normas sectoriais de aplicación. En ningún caso será posible autorizar actividades que, aínda que teñan carácter tradicional e se poidan recuperar, afecten os valores, procesos ou especies do espazo protexido.

Os usos e actividades que se poidan realizar neste espazo deberán rexerse polos principios polos cales se declarou o ENIL Non serán autorizables as actividades que vaian contra a conservación do medio, a preservación da diversidade e dos hábitats, a protección de especies ou os procesos naturais.

Os traballos de conservación e mantemento da área serán coordinados e dirixidos polo órgano municipal competente e deben ser comunicados e ter o consentimento antes da súa realización. As rutinas de traballo poderán ser revisadas segundo sexa temporada alta ou baixa de xeito que se simplifique a organización das tarefas.

Defínense as directrices para a xestión e conservación do espazo que o dotan das normas e ferramentas necesarias para unha adecuada xestión e conservación. Estas velarán pola protección dos recursos naturais, polo uso público sustentable das actividades recreativas, dos equipamentos, das infraestruturas e das instalacións públicas ou en réxime de concesión/autorización permitidas e compatibles co espazo e as persoas usuarias, pola investigación científica para un maior coñecemento do medio e polas actividades educativas necesarias para reforzar e difundir os valores do espazo.

Artigo 10. Regulación do espazo

1. As actividades que se realicen terán en conta os valores presentes en cada zona do ENIL a fin de evitar, na medida do posible, interferencias cos elementos naturais que afecten os procesos, a diversidade biolóxica ou a conservación dos hábitats.

2. Para determinar os usos potenciais admisibles de cada zona establécese unha zonificación onde se regulan os usos, segundo a zonificación, en función da evolución do espazo, dos seus valores ou das circunstancias que así o requiran.

3. Defínese unha área de alto valor e fraxilidade, a zona de protección, constituída maioritariamente polas dunas embrionarias e secundarias e, en menor medida, por dunas estabilizadas. A xestión terá en conta que as dunas embrionarias e as dunas secundarias son elementos moi dinámicos que non poden ser contidos ou pechados e, por tanto, teñen capacidade de evolucionar colonizando novos territorios e ampliando a súa distribución, o que poderá exixir medidas específicas fóra da zona de protección.

4. Ao redor da zona de protección defínese unha zona de amortecemento co obxectivo de permitir a evolución de forma natural da duna actual tanto cara ao mar como cara ao interior. En dirección ao mar, as dunas primarias e secundarias que están ligadas coa parte alta do areal resultan básicas para garantir a estabilidade da praia e a función de defensa da costa que exercen estas formacións. En dirección oposta, terra adentro, a zona de amortecemento permitirá o avance da duna estabilizada e a restauración da trasduna degradada para a recuperación do hábitat prioritario 2130* ata a zona de uso xeral.

O xestor poderá limitar o uso e adoptar medidas específicas de conservación e restauración na zona de amortecemento.

5. A zona de usos moderados, definida pola superficie de area seca e a zona intermareal ata a liña de auga, define o espazo cuxo uso permite a realización de actividades recreativas e de lecer vinculadas ao uso tradicional dos areais.

Nesta zona, a autorización para a execución de obras e instalacións nas augas mariñas e o seu leito deberase axustar ao establecido no artigo 3 da Lei 41/2010, do 29 de decembro e requirirán do informe favorable do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico respecto da súa compatibilidade coa estratexia mariña da Demarcación Mariña Noratlántica.

6. A zona de uso xeral define o espazo cuxo uso permite a presenza de servizos e instalacións necesarias para o uso público, realización de actividades e mantemento do espazo en xeral.

7. A concellería con competencia en materia de ambiente será a responsable das tarefas de conservación, mantemento e xestión, coa participación doutras concellerías na prestación de servizos no ámbito do ENIL. Desta forma, todas as tarefas ou rutinas de traballo desenvolvidas por outros departamentos deben ser comunicadas previamente á súa realización.

8. Poderá crearse unha comisión de traballo intramunicipal específica para a xestión e conservación do espazo ou integrada dentro doutra xa existente. Esta velará periodicamente pola evolución e conservación do espazo e terá, ademais, a capacidade de convidar o persoal técnico alleo á estrutura municipal para tratar temas relacionados co ENIL.

9. A policía local e os inspectores e inspectoras municipais, ademais doutras administracións competentes, serán os encargados de velar polo respecto aos recursos naturais e o cumprimento das normas ditadas.

10. Os recursos edáficos e xeolóxicos, os hidrolóxicos, a flora, fauna e fungos e a paisaxe, débense entender como un conxunto integrado cun funcionamento complexo e dependente entre si.

CAPÍTULO V

Directrices específicas

Sección 1ª. Directrices específicas orientadas á conservación e restauración
dos hábitats dunares en relación cos recursos naturais

Artigo 11. Recursos edáficos e xeolóxicos

1. Son obxectivos básicos:

a) Recuperar a dinámica litoral da zona mantendo a conexión coa duna.

b) Evitar a perda de recursos edáficos e dos procesos xeolóxicos naturais.

c) Conservar e aumentar a reserva de area do areal e, en especial, na área dunar.

d) Eliminar as interferencias do ser humano nos procesos xeomorfolóxicos naturais.

A area, as acumulacións desta, o substrato rochoso e os afloramentos de solo antigo son a base dos procesos biolóxicos que teñen lugar no espazo. A súa adecuada preservación e protección é clave para o resto de procesos. Algúns fluxos están directamente asociados á parte viva do sistema, de xeito que a súa perturbación inevitablemente afectará o recurso edafolóxico. É por iso que se establece como directriz fundamental deste plan a conservación e o mantemento dos fluxos e procesos xeomorfolóxicos en todo o espazo definido polo ENIL.

2. Son directrices específicas de conservación e restauración:

Unha práctica deportiva repetitiva e frecuente nunha mesma zona podería alterar o perfil do areal e, de atoparse preto da duna, podería modificala e, co paso do tempo, terminar afectando a zona protexida. En consecuencia:

a) Non se permite a extracción de area, rochas ou solo, en xeral, incluíndo a parte bioxénica formada polas cunchas ou restos destas.

b) As actividades deportivas, recreativas ou de mantemento que poidan afectar a dinámica natural poderán ser restrinxidas ou limitadas temporalmente.

c) Debe facerse un seguimento daquelas actividades que, aínda sendo un uso permitido, pola súa recorrencia poden ser negativas e afectaren os procesos naturais do espazo.

d) De atoparse incompatibilidades, estableceranse medidas correctoras para aqueles usos que sexan incoherentes coa preservación do medio; estas medidas poden ir desde o desprazamento da actividade ata a limitación temporal.

Artigo 12. Recursos hidrolóxicos

1. Obxectivos específicos:

a) Preservar os recursos hídricos.

b) Garantir e manter a calidade adecuada da auga do nivel freático e zonas de acumulación.

c) Identificar e eliminar calquera foco potencial de contaminación.

d) Analizar periodicamente a calidade da masa de auga salgada na lámina contigua ao ENIL.

e) Facer e fomentar un uso sustentable da auga e unha correcta xestión dela despois de usala.

Calquera masa de auga doce ou salgada, xa sexa na superficie, no medio mariño ou no nivel freático, debe ser protexida de calquera elemento, substancia ou organismo que poida alterar a súa calidade natural e afectar os elementos vivos que dela dependan e que estean presentes no ENIL.

2. Son directrices específicas de conservación e restauración:

a) O Concello de Vigo velará pola conservación destes recursos dando traslado das incidencias aos organismos competentes por razón de materia.

b) Calquera concesión/autorización dentro do espazo do ENIL que implique o uso de auga da rede pública deberá contar cunha adecuada conexión á rede de sumidoiros.

c) Co obxectivo de conservar os recursos naturais e as zonas verdes limítrofes incluídas dentro do ENIL, non está permitido, con carácter xeral, o emprego de produtos fitosanitarios, funxicidas ou fertilizantes.

d) En caso de uso de maquinaria, terase especial precaución no correcto funcionamento e posta a punto, e non pode entrar no espazo maquinaria con fugas de aceite, combustible, refrixerante, líquido hidráulico, líquido de freo, anticonxelante, etc.

e) Evitarase verter produtos ou substancias, calquera que sexa a súa natureza, en todo o ámbito do plan.

f) A Concellería de Medio Ambiente poderá analizar calquera mostra procedente do espazo para verificar a súa calidade conforme a normativa que sexa de aplicación. Ademais das análises realizadas durante a época estival por parte da Consellería de Sanidade, a Concellería de Medio Ambiente poderá realizar un control analítico periódico como parte dun programa de control da calidade das augas de baño para o municipio.

Artigo 13. Recursos de flora, fauna e fungos

1. Son obxectivos básicos:

a) Preservar a diversidade xenética e biolóxica, garantindo a conservación das especies da flora, fauna e fungos silvestres e, en especial, das autóctonas, entendéndose como tales as asociacións, especies, subespecies ou variedades existentes dentro da súa área de distribución natural.

b) Conservar e recuperar os hábitats naturais representativos do espazo; dunas móbiles embrionarias, dunas móbiles de litoral con Ammophila arenaria, dunas costeiras fixas con vexetación herbácea e cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas, acorde coas características climáticas e edafolóxicas, prestando unha atención preferente á conservación e recuperación do hábitat 2130* polo seu carácter prioritario.

c) Potenciar a recuperación das especies en xeral e, en particular, calquera que estea catalogada como de interese especial, vulnerable, ou en perigo de extinción, así como os seus hábitats ou asociacións.

d) Favorecer o desenvolvemento e equilibrio dos sistemas naturais.

e) Dar conectividade ao territorio, preservando os valores e funcionalidade dos ecosistemas e evitando a súa fragmentación.

f) Controlar e eliminar calquera elemento, especie ou uso que poida interferir na diversidade, en xeral, do espazo.

2. Son directrices específicas de conservación e restauración:

a) Evitar calquera actividade que afecte a flora e que, indirectamente, tamén podería alterar determinados procesos xeomorfolóxicos.

b) A protección da flora é importante no ámbito do ENIL pero, sobre todo, é relevante na zona protexida e nos límites desta, definida como zona de amortecemento. Debe establecerse un seguimento periódico da evolución da vexetación dentro da zona protexida e nos límites desta.

c) A parte alta do areal e duna embrionaria son moi activas e cambiantes e é imposible delimitalas, polo que se establece unha banda de dez metros desde a zona de protección na cal se adoptarán as medidas activas de restauración dos hábitats 2110 e 2120 e as necesarias para a protección e conservación da costa.

d) Os usos deben ser acordes coa correcta conservación e evolución, sobre todo tendo en conta a súa fraxilidade.

e) Darase preferencia á conservación dos hábitats naturais, ás especies, ás relacións entre elas e á súa funcionalidade, considerando a posibilidade de establecer medidas complementarias na contorna, se for preciso.

f) Ademais de favorecer a consecución do estado óptimo en cada un dos hábitats presentes na zona protexida, adoptaranse as medidas activas de conservación e restauración do hábitat 2130*, tanto na zona de protección como na zona de amortecemento que permita o avance da duna estabilizada e a restauración da trasduna degradada ata a zona de uso xeral; farase un seguimento periódico da evolución deste hábitat e, cando sexa necesario, adaptaranse os usos para garantir a súa conservación.

g) Evitarase a introdución e proliferación de especies distintas das autóctonas, na medida en que poidan competir con estas e alterar os equilibrios ecolóxicos do medio. Para as especies máis agresivas (exóticas invasoras) levaranse a cabo actuacións específicas de eliminación atendendo ás características destas e minimizando o impacto sobre o medio e o resto de especies.

h) Poderanse establecer mecanismos para o control de especies que incrementen o seu tamaño de poboación de maneira desproporcionada e que se constate que causan alteracións no medio.

i) Concédese prioridade á conservación de especies e subespecies endémicas así como ás poboacións de tamaño moi reducido que se consideren de interese a nivel local ou restrinxidas ao espazo do ENIL.

j) O peche que delimita a zona de protección é un elemento básico para a salvagardar e conservar os valores do ENIL, e o seu mantemento debe ser prioritario. Manteranse as características básicas e a funcionalidade do peche respecto da progresión natural do espazo e a interacción dos usuarios e usuarias con este. A súa distribución será coherente e dinámica coa evolución natural e poderá ser modificado se for necesario.

k) Manter a conectividade pola costa, cara ao Serral (oeste) e A Fontaíña (leste), e cara ao interior, sobre todo tendo en conta a proximidade do brañal do Vao a que hai décadas estaba ligado, resulta prioritario.

l) Durante os labores de conservación ou mantemento do espazo deben evitarse interferencias sobre a flora, os fungos e, especialmente, sobre a fauna, favorecendo as condicións para a reprodución, expansión, cría, alimento e estadía de forma permanente ou temporal das diferentes especies.

m) Os amoreamentos de algas son fundamentais tanto pola presenza de invertebrados, que son a base alimenticia das aves limícolas, como pola súa intervención nos movementos de area durante os temporais de outono e inverno. A súa xestión deberá seguir criterios de conservación e sustentabilidade para o espazo.

n) As árbores ou masas arbóreas do espazo deberán ser totalmente compatibles coa conservación do espazo. Farase un control especial daquelas especies que, sendo alleas ao medio, se constate que afectan a viabilidade de determinadas especies ou hábitats e só neste caso poden ser cortadas, podadas gradualmente ou transplantadas dentro ou fóra do ENIL.

ñ) Velarase polo correcto estado fitosanitario das árbores e pódese realizar a correspondente valoración en caso de dúbida. Esta será tida en conta para tomar as iniciativas necesarias para a súa correcta conservación e xestión.

o) As árbores danadas ou derrubadas durante os temporais deberán ser substituídas por exemplares autóctonos sempre que non sexan disonantes no medio e non interfiran na correcta conservación deste.

p) As actividades de control de especies faranse evitando os períodos de cría ou reprodución das diferentes especies presentes no espazo, e considéranse como épocas máis favorables o outono e inverno. Terase en conta tamén o efecto sobre as aves en invernada, se as houber.

q) Na eliminación das especies alóctonas terase especial precaución en evitar a súa propagación neste ou noutro medio e deberanse destruír.

r) Estableceranse medidas correctoras, que se definirán segundo o caso, encamiñadas a diminuír e eliminar os impactos orixinados por usos que poidan afectar a conservación dos valores ou as alteracións causadas pola vexetación alóctona. Entre estas medidas pode estar a limitación do uso de forma temporal dunha área, o transplante e dispersión especies autóctonas dentro do ENIL de forma harmónica e coherente ou a plantación de especies arbóreas autóctonas.

Artigo 14. Recursos paisaxísticos

1. Son obxectivos básicos:

a) Protexer a diversidade paisaxística do espazo e do municipio.

b) Recuperar as características do medio litoral con base nos procesos naturais presentes na zona.

c) Controlar e limitar os impactos que poidan alterar a paisaxe, ben sexa por usos inadecuados, ruídos ou sons alleos ao espazo, contaminación por luz artificial ou que xeren distorsión do campo visual como postes, mobiliario urbano, sinalización informativa ou divulgativa, publicidade, graffiti, pintadas ou especies vexetais de gran porte que non sexan representativas deste medio.

d) Fomentar a diversidade e riqueza da paisaxe, integrando os usos e actividades.

2. Son directrices específicas de conservación e restauración:

a) Teranse en conta a preservación dos recursos paisaxísticos tomando as iniciativas que sexan necesarias para súa protección e redución dos impactos de maneira progresiva.

b) Considerar as directrices que se establezan na unidade de paisaxe de Canido do POL.

c) As novas concesións, autorizacións ou licenzas que sexan autorizables deberán ser adaptadas á preservación deste recurso.

d) Os diferentes elementos do mobiliario urbano que, estando xa instalados, sexan incompatibles ou que alteren os valores terán un período de adaptación que estará definido pola súa necesidade de reposición ou renovación.

e) Con carácter excepcional e durante períodos concretos, poderase utilizar megafonía con fins relacionados coa seguridade e comunicacións ás persoas usuarias do areal, procurando facer un uso responsable e limitado ao estritamente necesario segundo as condicións do servizo que se está a prestar.

f) As conducións aéreas de luz e teléfono deberán ser canalizadas e soterradas.

g) Prestarase especial atención á limpeza de graffiti ou pintadas sobre os elementos públicos.

Sección 2ª. Directrices específicas de uso público orientadas á conservación
e restauración dos hábitats dunares

Artigo 15. Uso público

1. Son obxectivos básicos:

a) Definir os usos públicos baixo criterios de sustentabilidade.

b) Compatibilizar a xestión e conservación do espazo coa utilización da cidadanía.

c) Favorecer e adecuar as actividades para favorecer a implicación da poboación no plan de conservación do espazo.

d) Informar puntualmente a cidadanía dos usos e actividades públicas permitidas empregando novas tecnoloxías e con criterios sustentables.

e) Rexistrar as actividades que se realizan en función da data e da súa adecuación ao espazo.

f) Promover actividades e usos que faciliten a participación e implicación de persoas con discapacidade motora, sensorial ou doutra natureza.

g) Fomentaranse e levaranse a cabo as iniciativas que sexan precisas para compatibilizar o uso público coa conservación dos recursos naturais.

2. Son directrices específicas de uso público:

a) O uso público xeral poderá ser limitado, en función da zonificación aplicable no ENIL, atendendo a principios de preservación e protección da costa ou de protección e conservación dos valores naturais.

b) No caso de que se detecten impactos sobre o medio por algún dos usos permitidos ou autorizados, proporanse as medidas correctoras oportunas para emendalo.

Sección 3ª. Directrices específicas orientadas á conservación e restauración dos hábitats dunares en relación coas infraestruturas, equipamentos e instalacións

Artigo 16. Infraestruturas e equipamentos públicos

1. Son obxectivos básicos deste punto:

a) Terminar as infraestruturas e equipamentos presentes no espazo.

b) Ofrecer a toda a cidadanía servizos adecuados aos usos do espazo e compatibles coa conservación do medio.

c) Buscar a harmonía e integración dos diferentes elementos.

2. Son directrices específicas de conservación e restauración neste punto:

a) As infraestruturas e equipamentos necesarios para o uso do espazo deben gardar coherencia e racionalidade conforme aos seus valores e características.

b) O seu emprazamento será sempre atendendo ás normas vixentes.

c) A renovación ou substitución de instalacións e infraestruturas seguirá criterios de integración e respecto polo medio.

d) As duchas e fontes deberán contar con mandos regulables en tempo para evitar un mal uso da auga, conexión á rede de sumidoiros e areeiros que serán regularmente revisados para evitar o derramamento de auga na contorna.

e) As papeleiras e colectores de lixo deberán estar tapados ou ter as características necesarias para impedir que as gaivotas e outros animais poidan sacar e dispersar o seu contido ou recoller auga no seu interior.

f) Os puntos de iluminación deberán ser adecuados ao espazo no que se atopan, evitando a proxección de luz cara á zona de protección, con luminarias eficientes co menor consumo posible.

g) O espazo poderá fomentar o emprego de enerxías renovables tratando de fomentar criterios de sustentabilidade, integrándoos no medio e divulgando a súa función.

h) As infraestruturas para albergar servizos básicos do areal deberán ter auga, luz, conexión á rede de sumidoiros e ser accesibles. A localización axustarase á zonificación prevista neste plan e procurarase que estean plenamente integradas no espazo concreto en que se sitúen.

Artigo 17. Equipamentos en concesión ou autorización

1. Son obxectivos básicos:

a) Incluír nas concesións/autorizacións criterios de conservación e protección do espazo.

b) Dar servizos complementarios adecuados ao uso do espazo e compatibles coa conservación do medio.

c) Ser harmónicos e homoxéneos.

2. Son directrices específicas de conservación e restauración:

a) O órgano competente do Concello de Vigo será o encargado de velar pola adecuada disposición e control dos equipamentos de maneira coherente e racional conforme os valores e características do espazo e segundo ás directrices e zonificación establecidas neste plan de conservación.

b) Os equipamentos en réxime de autorización/concesión que sexa preciso instalar na época estival deberán axustarse ao establecido neste plan de conservación e contar coas autorizacións previstas na lexislación sectorial.

c) Velarase pola normalización das tomas de auga, luz, teléfono e saneamento nos puntos de concesións autorizadas e autorizables. Os rexistros deben estar sinalados e sen acceso fóra da época de concesión.

Artigo 18. Instalacións para actividades puntuais ou temporais

1. Son obxectivos básicos deste punto:

a) Definir as características relativas ás instalacións para actividades de carácter puntual ou temporal que sexan autorizables.

b) Que toda instalación estea plenamente integrada no medio e sexa respectuosa con el.

c) Posibilitar a autorización de equipamentos para a divulgación, educación ambiental e investigación no espazo.

2. Son directrices específicas de conservación e restauración:

a) O órgano municipal competente será o responsable da avaliación e control de que as instalacións sexan conformes cos valores e características do espazo.

b) Todas as solicitudes deberán estar debidamente detalladas e localizadas sobre un plano actualizado.

c) Deberán contar coas pertinentes autorizacións sectoriais que sexan de aplicación.

d) Para a montaxe ou desmontaxe destes elementos evitarase o emprego de maquinaria pesada.

e) As solicitudes para equipamentos puntuais poderán ser denegadss se non se axustan aos usos permitidos e autorizables segundo a zonificación do espazo.

Establécese unicamente un espazo no centro do areal con lousas de cemento, zona de uso xeral, como o espazo axeitado para a loxística de actividades preferentemente divulgativas e científicas, sempre que sexan autorizables.

Sección 4ª. Directrices específicas para as actividades científicas

Artigo 19. As actividades científicas

1. Son obxectivos básicos:

a) Promover e facilitar o coñecemento e estudo do espazo.

b) Achegar o coñecemento á cidadanía para que comprenda e se implique na conservación de especies, hábitats e procesos naturais.

c) Compatibilizar as actividades para o coñecemento do medio co uso público e a protección do espazo.

d) Inventariar periodicamente os recursos naturais do espazo.

e) Documentar e facer un seguimento da evolución do espazo en todos os ámbitos posibles.

f) Intercambiar o coñecemento sobre o espazo.

g) Incorporar a información obtida nos traballos realizados á xestión e conservación do espazo mesmo, de ser necesario, con modificacións no plan de conservación.

h) A restauración, mantemento e rexeneración dos hábitats presentes no espazo protexido.

i) A conservación e, se for o caso, a recuperación de especies ameazadas.

j) Avaliar a capacidade de carga, potencial turístico e incidencia socioeconómica.

k) Controlar ou eliminar as especies invasoras.

l) Avaliar os recursos naturais susceptibles de aproveitamento sustentable.

m) Fomentar a conectividade coa contorna.

2. Son directrices específicas de conservación e restauración:

a) As actividades para o estudo e coñecemento do ENIL que poidan afectar á conservación e protección do espazo ou ben limiten os usos e actividades permitidas segundo a zonificación deberán contar coa autorización da autoridade competente do Concello de Vigo, sen prexuízo doutras autorizacións sectoriais que procedan.

b) As solicitudes deben presentar unha memoria suficientemente xustificada e documentada, coa descrición da actividade, as características, a metodoloxía, o plan de acción, a duración, a finalidade e os participantes no estudo xunto coas autorizacións que sexan necesarias.

c) O concello, se o considera relevante, poderá solicitar ao autor unha copia do traballo realizado para incorporar á base documental do espazo, velando en calquera caso polo cumprimento da normativa de protección da propiedade intelectual.

d) Os permisos de investigación poderán ser revogados por non se axustaren ao autorizado ou por incumpriren as normas establecidas.

e) Darase prioridade a aqueles estudos encamiñados a detectar ou adiantarse a situacións que potencialmente poidan afectar a preservación do espazo, os seus valores, os procesos naturais ou a súa diversidade.

f) Tamén serán de interese os estudos que fomenten a conectividade con outros ecosistemas próximos mediante corredores naturais.

g) O Concello de Vigo compartirá toda a información ambiental e científica dispoñible, segundo o cumprimento da normativa sectorial de aplicación.

h) Disporase dun fondo documental que facilite e dinamice as tarefas de coñecemento e os resultados dos estudos que se leven a cabo no espazo poderanse divulgar polos medios que se consideren adecuados.

Sección 5ª. Directrices específicas para as actividades educativas ou de divulgación orientadas á conservación e restauración dos hábitats dunares

Artigo 20. Marco de acción

1. Son obxectivos básicos:

a) Implicar as persoas usuarias na súa conservación e protección.

b) Realizar e promover actividades de divulgación e sensibilización dirixidas ao colectivo escolar e á súa inclusión nos programas docentes.

c) Desenvolver actividades específicas para colectivos minoritarios, persoas con mobilidade reducida, deficiencia visual ou auditiva, etc.

d) Favorecer a adquisición de hábitos e condutas respectuosas co espazo en particular e co medio natural en xeral.

e) Programar e desenvolver actividades educativas e, en particular, aquelas que faciliten as visitas e o coñecemento dos valores e singularidades do ENIL.

f) Divulgar e integrar os valores paisaxísticos do espazo e a contorna.

g) Prestar especial atención á poboación do contorno inmediato ao espazo, garantindo a súa participación en programas de educación ambiental.

h) Facilitar a participación de entidades sen ánimo de lucro nas actividades de coñecemento do espazo.

i) Elaborar manuais, guías ou fichas de carácter técnico sobre as metodoloxías de control, mantemento e traballos de conservación do medio.

j) Toda a información municipal sobre o espazo deberá adaptarse e actualizarse á nova figura de protección. Facilitarase a información precisa para a divulgación do espazo.

2. Son directrices específicas de conservación e restauración:

a) A autoridade competente do Concello de Vigo deberá velar por que as actividades educativas que se realicen dentro do ENIL non interfiran sobre as actuacións de conservación e protección, ou ben limiten outros usos permitidos no espazo.

b) Calquera actividade educativa que se desenvolva no medio deberá ser compatible coa preservación dos valores, procesos e especies presentes.

c) Promoverase a difusión do coñecemento do espazo directa ou indirectamente polos medios que se consideren máis adecuados. Tratarase, na medida do posible, de ser coherente e racional no emprego de materiais, e facilitarase a divulgación e o acceso á información por medio das novas tecnoloxías.

d) Fomentarase a inclusión de actividades relativas ao ENIL no programa educativo de sensibilización ambiental do Concello de Vigo.

e) As actividades de educación ou sensibilización ambiental promovidas desde a comunidade educativa deberán comunicar ao órgano competente o día da visita, o horario e un resumo breve da actividade.

f) As actividades de divulgación alleas ao concello deben contar co coñecemento e autorización previa deste. Deberase presentar unha comunicación suficientemente xustificada e documentada, coa descrición da actividade, as características, a duración, a finalidade, os destinatarios e experiencia similar. Ao remate desta, deberá entregarse un documento cos resultados, información e material empregado.

g) Os permisos educativos poderán ser revogados por non axustárense ao autorizado ou por incumpriren as normas establecidas.

h) Promoverase a formación, capacitación e sensibilización sobre o espazo dos operarios/as e persoal técnico que, directa ou indirectamente, traballen ou ofrezan información sobre o espazo.

i) O persoal que participe nas actividades de divulgación deberá estar claramente identificado de cara ás persoas participantes e usuarias do espazo, segundo se indique na autorización. Contarán ademais con formación específica e experiencia neste ámbito.

CAPÍTULO VI

Plan de melloras

Artigo 21. Liñas de traballo

Establécense como liñas de traballo para a correcta evolución do ENIL, desenvolvidas no capítulo VII mediante medidas específicas de xestión, as que seguen:

1. Recuperación, conservación e protección dos recursos e procesos naturais: actuar con prioridade sobre a recuperación das zonas máis alteradas e minimizar os impactos destas actuacións, en especial, sobre as zonas dunares.

2. Compatibilización do uso público: acorde cos usos permitidos na zonificación e os diferentes elementos presentes merecentes de protección.

3. Integración de infraestruturas, equipamentos e instalacións: mellorar e adecuar os servizos necesarios para o uso público de maneira harmónica coa filosofía e valores do espazo.

4. Coñecemento científico do medio: dinamizar o estudo de especies, hábitats e procesos.

5. Divulgación, sensibilización e educación: achegar e difundir os valores, coñecementos e usos á cidadanía e turistas.

6. Conectividade do espazo coa contorna: fomentar a conexión e continuidade pola costa e cara á braña do Vao.

7. Protección da paisaxe: mellorar a integración do espazo na contorna e viceversa.

8. Documentación de actividades: documentar e salvagardar toda a información referente á xestión do espazo e o seu manexo.

CAPÍTULO VII

Desenvolvemento das medidas de xestión do espazo e implementación das directrices específicas de conservación e restauración dos hábitats dunares

Artigo 22. Desenvolvemento do plan de melloras en medidas de xestión

As medidas específicas de xestión orientadas á conservación e restauración dos hábitats dunares establecidas en función das directrices e as liñas de traballo son:

1. Conservación e restauración da duna embrionaria ou primaria (THIC 2110 dunas móbiles embrionarias).

A duna embrionaria orixínase a partir dos restos depositados polo mar durante as mareas e temporais, localízase na parte alta do areal e establece a zona de transición co cordón dunar. Nela dominan as plantas pioneiras.

As condicións neste hábitat son extremas, con baixa capacidade de retención de auga, escasa a presenza de nutrientes, elevada concentración de sales, elevada temperatura superficial e elevada a mobilidade do substrato. O seu desenvolvemento é escaso pero de grande importancia para salvagardar o equilibro sedimentario do sistema areal-duna. A súa preservación é fundamental para a protección e defensa da costa. A cobertoira vexetal é baixa. O seu dinamismo fai imposible confinala a través do peche, polo que a zona de amortecemento na fronte dunar será sempre de 10 metros desde o peche da zona de protección, e é esta a ferramenta para garantir a súa correcta evolución e xestión.

Debe evitarse calquera actividade que erosione ou altere o perfil da duna dentro deses 10 metros (actividades deportivas, limpeza mecánica, paso de maquinaria, accións que alteren a morfoloxía, mesmo a pequena escala, ou outras de análoga natureza). A ausencia ou redución desta franxa é un indicador de erosión ou alteración do sistema. A presenza de desniveis entre a duna embrionaria (na área dunar delimitada) e a superficie de area seca (praia alta) é un indicador de erosión ou alteración do medio.

O afloramento de paleosolo ou rochas, habitualmente cubertas, sen que se recupere de forma natural é indicativo da alteración ou erosión do medio. A presenza de especies alóctonas e, en especial, as exóticas invasoras tamén é un indicador da alteración do medio cuxo grao de afectación dependerá da cobertoira, estratexia vexetativa e do éxito de ocupación destas especies.

O incremento desta franxa dunar en volume e superficie, o aumento da diversidade biolóxica, a presenza de novas especies características desta duna ou o achegamento ao seu óptimo son indicadores positivos, polo que o seguimento, o estudo e a protección serán prioritarios para a conservación do espazo protexido.

Na duna embrionaria están presentes especies como Elymus farctus subsp. boreo-atlanticus (dominante), Cakile maritima, Polygonum maritimum, Honkenya peploides, Salsola kali, Sporobolus pungens, Euphorbia peplis, Otanthus maritimus ou Chamaesyce peplis. En canto á fauna, dominan os coleópteros.

Debido ao gran dinamismo desta franxa, favorecerase a súa evolución natural controlada, evitando os impactos e propoñendo as medidas correctoras necesarias; incluso fóra da zona de protección cara á zona de amortecemento; mesmo modificando os límites da zona de protección, de ser preciso. En caso de que por factores naturais haxa unha alteración ou dano na duna embrionaria, estudarase a orixe do impacto, as consecuencias, a capacidade de rexeneración natural e as medidas correctoras precisas para a súa restitución.

2. Conservación e restauración da duna secundaria (THIC 2120 dunas móbiles do litoral con Ammophila arenaria –dunas brancas–).

É a seguinte franxa de vexetación. Nela as condicións para o crecemento das plantas son mellores, hai máis abrigo e menos entrada de salitre polo vento. O número de especies increméntase con respecto á franxa anterior. A cobertoira de vexetación e media e, en calquera caso, superior á da duna primaria ou embrionaria. A actividade eólica é importante.

Neste hábitat a especie vexetal dominante é Ammophila arenaria, pero tamén están presentes especies como Euphorbia paralias, Crucianella maritima, Pancratium maritimum, Otanthus maritimus, Medicago marina, Eryngium maritimum, Lotus creticus, Calystegia soldanella, Leymus arenarius, Artemisia campestris ssp. maritima, Sporobolus arenarius, Polygorum maritimum ou Cutandia maritima, entre outras. Entre a fauna, destacan os insectos, coleópteros e lepidópteros. Tamén aparecen réptiles e aves.

O manexo da area realizarase controlando a presenza de especies alóctonas e supervisando a evolución natural do sistema. Actuarase naqueles casos en que sexa preciso, como na eliminación de exemplares alóxenos ou de restos de lixo transportados polo vento.

A presenza de especies alóctonas e, en especial, as exóticas invasoras é un indicador da alteración do medio cuxo grao de afectación dependerá da cobertoira, estratexia vexetativa e o éxito de ocupación do medio.

A presenza de especies endémicas ou ameazadas, o incremento de diversidade biolóxica, o aumento da superficie, a presenza de novas especies características desta duna, ou o achegamento ao seu óptimo serán indicadores positivos, polo que no manexo deste hábitat tamén se vixiará que a presenza de animais domésticos non interfira coa fauna ameazada, especialmente en períodos de reprodución e cría. O seguimento, o estudo e a protección serán prioritarios para a conservación.

Ningún tipo de actividade que afecte directa ou indirectamente esta franxa de vexetación pode ser permitida.

En caso de que, por factores naturais, haxa unha alteración ou dano na duna secundaria, estudarase a orixe do impacto, as consecuencias, a capacidade de rexeneración natural e as medidas correctoras precisas para a súa restitución.

3. Conservación e restauración da duna terciaria (THIC 2130* dunas costeiras fixas con vexetación herbácea –dunas grises–) na zona de protección e na zona de amortecemento.

É a franxa máis distante do mar, a intensidade do vento diminúe, o substrato é máis estable e presenta unha maior porcentaxe de materia orgánica. As gramíneas deixan de ser dominantes e hai unha maior presenza de especies leñosas.

É un hábitat de interese comunitario cuxa conservación e recuperación é prioritaria.

Entre as especies que atopamos ou poderíamos atopar no seu estado de conservación óptimo están Armeria pungens, Crucianella maritima, Iberis procumbens, Thymus carnosus (incluído no anexo II da Directiva de hábitats), Echium gaditanum, Jasione lusitanica, Helichrysum italicum subsp. serotinum, Artemisia campestris subsp. maritima, Rumex bucephalophorus, Petrorhagia prolifera e Tuberaria guttata, entre outras.

A diversidade de fauna vese incrementada ata abranguer insectos (coleópteros e lepidópteros), réptiles, aves e mamíferos.

O manexo nesta área permitirá o avance da duna estabilizada e a restauración da trasduna degradada para a recuperación do hábitat prioritario 2130* ata a zona de uso xeral. A autoridade competente adoptará medidas específicas de conservación e restauración e poderá limitar o uso na zona de amortecemento; actuarase tamén controlando a presenza de especies alóctonas, eliminando impactos antrópicos (presenza de lixo, compactación, etc.) e supervisando a evolución natural do sistema.

A presenza de especies alóctonas, especialmente de exóticas invasoras, é un indicador da alteración do medio cuxo grao de afectación dependerá da cobertoira, estratexia vexetativa e o éxito de ocupación do medio. A presenza de especies endémicas ou ameazadas, o incremento da diversidade biolóxica, o aumento da súa extensión, a presenza de novas especies características desta duna ou o achegamento ao seu óptimo serán indicadores positivos, polo que o seguimento, o estudo e a protección serán prioritarios para a conservación.

Ningún tipo de actividade que afecte directa ou indirectamente esta franxa de vexetación pode ser permitida.

En caso de que por factores naturais haxa unha alteración ou dano na duna terciaria estudarase a orixe do impacto, as consecuencias, a capacidade de rexeneración natural e as medidas correctoras precisas para a súa restitución.

Debido a que é un hábitat prioritario, a súa extensión fóra dos límites actuais poderá levar asociada a modificación destes para garantir a súa conservación. Na zona de amortecemento ao carón da duna terciaria poderase limitar calquera actividade que poida afectar a expansión desta duna fóra dos límites actuais.

4. Conservación e restauración de especies nas comunidades vexetais rupícolas aerohalófilas da primeira banda de vexetación das costas rochosas (THIC 1230).

A vexetación que domina neste medio é unha formación rupícola con Crithmum maritimum, Festuca rubra subsp. pruinosa, Plantago maritima, Inula crithmoides, Daucus carota subsp. gummifer, Limonium spp., Silene uniflora, Silene obtusifolia, Angelica pachycarpa, Trifolium occidentale, Armeria maritima ou Spergularia rupicola, entre outras.

A avifauna é a fauna dominante e emprega este espazo para o descanso. O manexo desta área será controlando a presenza de especies alóctonas e supervisando a evolución natural do sistema. Actuarase naqueles casos en que sexa preciso, como na eliminación de exemplares alóxenos, e dos restos de lixo transportado polo vento, e introduciranse especies de interese.

A presenza de especies alóctonas, especialmente de exóticas invasoras, é un indicador da alteración do medio cuxo grao de afectación dependerá da cobertoira, estratexia vexetativa e o éxito de ocupación do medio. O movemento ou desprendemento de rochas de tamaño medio ou grande pode ser indicativo ou derivar na alteración do medio. A presenza de especies endémicas ou ameazadas, o incremento da diversidade biolóxica, a presenza de novas especies características deste espazo ou o achegamento ao seu óptimo serán indicadores positivos, polo que o seguimento, estudo e protección será prioritario para a conservación.

En caso de que por factores naturais haxa unha modificación da fronte rochosa e/ou da súa cobertoira vexetal, é necesario avaliar a orixe do impacto, as consecuencias, a capacidade de rexeneración natural e as medidas correctoras precisas para a súa restitución.

Ningún tipo de actividade que afecte directa ou indirectamente esta franxa de vexetación pode ser permitida.

5. Eliminación e control de especies exóticas invasoras e/ou alóctonas.

Unha das principais ameazas para a evolución do espazo é a competencia entre as especies autóctonas e as alóctonas. As especies foráneas poden ter una elevada capacidade de dispersión e colonización polo que tenden a ocupar os espazos degradados ou con menor cobertoira vexetal. A correcta xestión destas especies é fundamental para a preservación dos valores do espazo.

Entre outras, están presentes na superficie do ENIL especies como Arctotheca calendula, Aster squamatus, Conyza bonariensis, Conyza canadensis, Conyza sumatrensis, Cortaderia selloana, Oxalis pes-caprae, Paspalum dilatatum, Parthenocissus quinquefolia, Soporobolus indicus, Stenotaphrum secundatum ou Phoenix canariensis; o seu seguimento e control debe ser exhaustivo.

É aconsellable realizar un manual, guía ou ficha de traballo, adecuándose á zonificación, na que se programen as datas recomendadas de erradicación, a metodoloxía de traballo e eliminación dos restos vexetais e o seguimento, sempre seguindo criterios de compatibilidade coa conservación da contorna inmediata.

As especies máis agresivas deberán ser eliminadas, se é posible, antes do período de produción de semente. Serán depositadas en bolsas de plástico pechadas e destruídas adecuadamente. Aínda que a prioridade inicial son as especies máis agresivas, este control debe estenderse a todas as especies alóctonas presentes no espazo.

Para o control e erradicación destas especies terase en conta a normativa sectorial de aplicación, en especial o Real decreto 630/2013, do 2 de agosto, que regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras, ou norma que o substitúa. Ademais, poderán ser de consulta outras publicacións como o plan de control e eliminación de especies vexetais invasoras de sistemas dunares e as plantas invasoras de Galicia.

6. Control de especies autóctonas pero introducidas na zona de protección e amortecemento.

A diversidade do espazo vese afectada por exemplares de gran porte que, na actualidade ou potencialmente, sobre todo a medida que medran, afectan os hábitats e especies. Así, destacan os exemplares arbóreos con capacidade de propagación vexetativa ou mediante a xerminación de sementes. Estas especies rexenéranse facilmente en terreos areosos con humidade e temperaturas benignas, e é frecuente que se desenvolvan no interior da duna e en espazos limítrofes. Isto, para efectos prácticos, fai que teñan un comportamento semellante aos exemplares exóticos ao modificaren as características do medio a medida que medran en altura e aumentan o seu potencial para dispersarse. Entre elas, temos exemplares de Populus alba, Populus nigra, Pinus pinea e Pinus pinaster cuxo uso é principalmente ornamental, e dan sombra ao espazo para diversificar os usos.

É aconsellable realizar un manual, guía ou ficha de traballo, adecuándose á zonificación, na cal se programen as datas recomendadas para o control, poda ou eliminación (se interfire na diversidade ou calidade do hábitat), a metodoloxía de traballo e eliminación dos restos vexetais e o seguimento, tendo en conta criterios de compatibilidade coa conservación da contorna. Analizaranse as datas e a periodicidade máis adecuadas para realizar os traballos segundo a zonificación, a actividade das especies presentes e o uso público. A maquinaria empregada deberá estar en bo estado de mantemento e o seu manexo deberá evitar calquera contaminación puntual do medio.

7. Potenciar a diversidade biolóxica dos hábitats presentes no espazo.

A presenza de especies autóctonas e a súa boa representatividade é fundamental para unha correcta evolución do espazo. Todos os traballos que se realicen deben ser documentados para ter constancia do proceso realizado e da súa evolución. Ademais, deberán ser dirixidos por persoal técnico competente con experiencia neste tipo de tarefas e ser incorporados ao rexistro de documentos creado. Poderanse establecer indicadores para valorar a evolución cara aos obxectivos propostos. Terá prioridade a restauración daquelas zonas en que a presenza de especies alóctonas teña desprazado de maneira importante a vexetación autóctona potencial.

Documentaranse as especies alóctonas erradicadas e as especies autóctonas empregadas para restaurar o medio, indicando a localización dos traballos, a cuantificación das especies retiradas e, de ser o caso, a plantación de especies autóctonas fotografando os traballos e evolución da superficie.

É factible e aconsellable utilizar especies que habitan o propio espazo, a través de chantóns ou sementes, para a rexeneración das zonas do ENIL máis distantes do seu óptimo. Tamén terán prioridade aquelas iniciativas dirixidas a aumentar a representación de especies autóctonas que sexan endémicas, que presenten poucos exemplares, cunha distribución moi restrinxida, que aparezan no Catálogo nacional de especies ameazadas, no Catálogo galego de especies ameazadas vixente ou que formen parte do mencionado na Lei 42/2007, do 13 de decembro. Estes traballos deberán documentarse para comprobar a súa evolución e eficacia.

Por último, é prioritario potenciar microhábitats que favorezan a presenza de especies de invertebrados como base da cadea alimenticia doutros seres vivos presentes no medio. Este é o caso dos amoreamentos de algas ou restos de troncos ou ramas que de forma adecuada e racional, seguindo criterios de conservación, poden favorecer a presenza de novas especies.

8. Limpeza do espazo.

É preciso realizar un mantemento axeitado de todo o espazo no tocante aos residuos domésticos, comerciais e asimilables, prestando especial atención ás metodoloxías de limpeza nas zonas de maior valor e singularidade xa que a acción do vento, con frecuencia, favorece o esparexemento deste tipo de residuos no interior da zona protexida.

A limpeza do medio será periódica ou puntual segundo sexa preciso, atendendo á zonificación do espazo. Nas zonas de protección estarán a cargo de persoal formado e coñecedor dos valores e especies presentes no ENIL co obxectivo de que as actuacións teñan un impacto mínimo sobre o medio. Ademais, na zona de protección o persoal deberá estar autorizado pola autoridade municipal competente. É recomendable dispoñer de fichas técnicas sobre metodoloxías de traballo segundo a zona e, de ser preciso, promoveranse campañas de concienciación para evitar que os residuos dos/das usuarios/as do areal queden fóra dos colectores de lixo. Como se recolle no artigo 16, os colectores deben estar tapados para evitar que as gaivotas e outros animais poidan acceder ao lixo e dispersalo.

Nas restantes zonas do ENIL, zona de uso xeral, zona de uso moderado e zona de amortecemento, a limpeza será realizada por outros servizos municipais, agás en períodos de restrición de uso, seguindo os criterios de conservación do espazo e baixo a supervisión correspondente.

Na zona de amortecemento, o emprego de maquinaria para limpar a area, tractor e remolque para angazar a area estará restrinxido ao ser incompatible coa preservación dos valores e procesos do espazo. Nesta zona limitarase o tránsito de maquinaria ao estritamente necesario e favorecerase, na medida do posible, a limpeza manual sobre a mecánica como criterio de uso sustentable do espazo.

A retirada dos residuos que traia o mar procurarase que sexa manual, e só naqueles casos en que sexa imprescindible se realizará por medios mecánicos, que deberán estar en bo estado de mantemento.

9. Mantemento e revisión do peche da zona de protección.

Evitar a deterioración do peche asociado á zona de protección é prioritario para a conservación do espazo. A dinámica da zona fai que a acumulación de area na fronte dunar sexa importante, o que favorece a ocultación do peche e que perda a súa eficacia. Neste caso, para erguelo ou modificalo é precisa a supervisión técnica e a correspondente autorización sectorial. É preciso facer un seguimento e mantemento do peche para garantir as características de protección que ofrece.

O peche deberá ter a flexibilidade e capacidade de ser modificado de acordo coa evolución natural do medio, e pode variarse o límite actual se é importante para a preservación e conservación do espazo e os seus valores. Os traballos de conservación realizaranse con carácter xeral fóra da época de maior afluencia de persoas usuarias do areal e de menor actividade biolóxica. Excepcionalmente, poderanse acometer traballos destinados á reparación fóra destes períodos. Cando haxa que realizar traballos de substitución de postes nun número considerable ou de elevación destes, poderá empregarse maquinaria específica, evitando os danos sobre a flora ou fauna dentro e fóra do espazo protexido. A maquinaria empregada deberá estar en bo estado de mantemento e o seu manexo deberá evitar calquera contaminación puntual do medio.

10. Definir a xestión dos depósitos de algas.

Darase especial atención aos amoreamentos de algas, entendendo que estas non son un residuo senón que forman parte dos procesos naturais que acontecen na zona e que teñen unha función vital para o espazo e para súa diversidade biolóxica.

O tratamento destes depósitos debe diferenciarse durante a época estival e o resto do ano. As algas non son un problema para o medio, pero a afluencia de persoas na época estival pode supor un conflito se hai acumulacións importantes.

Cómpre definir nun documento as metodoloxías de traballo segundo a época do ano, as características dos amoreamentos, as especies de algas e a presenza de lixo mesturado. Neste documento deben recollerse as situacións potenciais e elaborar respostas eficientes que permitan tratar este elemento como unha parte máis do medio.

Os depósitos de algas e a súa conservación deben entenderse como una oportunidade para aumentar a presenza de especies limícolas en invernada. Excepto no verán, evitarase a recolla de algas, de xeito que se favorezan a súas funcións para o ecosistema. É preciso, non obstante, retirar o lixo que estea mesturado. Non se recomenda retirar do areal as pequenas liñas de depósitos de algas totalmente estendidas sobre a area na franxa de acción das mareas.

Ante amoreamentos de varios centímetros que poidan ter lugar no verán, estes poderán retirarse seguindo criterios de sustentabilidade. Terase en conta que, cando sexan apartadas da zona intermareal, debe ser prioritario minimizar a cantidade de area adherida a elas. Se nalgún momento a acumulación de algas entra en conflito con algún uso establecido no espazo, poderá estudarse o caso e establecerse medidas correctoras complementarias.

11. Compatibilizar o uso público do espazo coa conservación dos valores deste.

Nun medio tan frecuentado e cun elevado uso, débese prestar especial atención ao uso racional tratando de interferir o menos posible nos procesos naturais.

O Concello de Vigo deberá poñer os mecanismos necesarios para facer un control eficaz e coherente entre a conservación do medio e os usos que nel se poidan realizar. Facilitaranse os coñecementos e a documentación precisa para que todo o persoal implicado, directa ou indirectamente no espazo, teña as ferramentas e mecanismos adecuados para desenvolver con solvencia o seu papel na preservación do medio.

A Policía local, o persoal inspector municipal ou calquera outra autoridade facultada serán os encargados de levantar as actas de denuncia recollendo os feitos que se produzan. Os órganos competentes do Concello de Vigo darán traslado á consellería competente para a tramitación do correspondente procedemento sancionador.

Permitirase calquera actividade recollida na lexislación vixente como usos permitidos ou autorizables sempre que non entren en confrontación coa conservación dos valores do espazo buscando, en calquera caso, a restrición temporal, procurando a análise das alternativas posibles e impactos potenciais antes da súa limitación permanente.

12. Integración de infraestruturas, equipamentos e instalacións: revisión e integración do mobiliario de tempada para o uso público do areal.

Antes do inicio da época estival prepararase o espazo para a afluencia intensiva que vai ter nos meses seguintes, polo que é preciso revisar as instalacións públicas para que cumpran as súas funcións, sexan adecuadas e estean nun estado óptimo de conservación. Estes traballos deben compatibilizarse coa axeitada preservación do medio e deberán estar supervisados por persoal técnico municipal.

Estas tarefas consisten, actualmente, na colocación de pasarelas de madeira para mellorar a accesibilidade ao areal, da torre de salvamento e socorrismo, dos paneis informativos, do almacén de salvamento e socorrismo, da megafonía ou de colectores de lixo.

Durante os traballos de colocación e retirada das pasarelas débese, por unha parte, vixiar o estado destas e, por outra, minimizar os impactos sobre o medio. A súa retirada é necesaria cando non estea xustificado o seu uso co obxectivo de non interferir nos movementos de area e evitar que queden cubertas ou se danen. É frecuente que durante o inverno a vexetación dunar autóctona colonice parte dos accesos polo que, con previsión e planificación, na súa colocación poderanse extraer estas plantas e utilizalas noutras zonas do espazo onde sexa preciso.

Para a colocación e retirada da torre de salvamento e socorrismo ou ben da megafonía, débese empregar maquinaria en bo estado de mantemento, sen fugas e minimizando calquera impacto sobre o medio.

Os paneis informativos deben colocarse nas proximidades dos accesos principais e, a ser posible, seguindo criterios de eficiencia, nun estado de conservación óptimo e xerando o menor impacto visual sobre o medio.

O aumento do número de colectores para cubrir a demanda estival deberá ser acorde coas características do medio, en bo estado de conservación, con tapa e favorecendo, na medida do posible, a recolla selectiva ao menos na fracción de envases. É necesario durante a colocación e retirada empregar metodoloxías que minimicen o impacto sobre o medio. Poderán realizarse avaliacións sobre o lugar en que están, rutinas de limpeza, eficiencia no uso e mesmomodificacións na súa localización.

13. Ampliar o coñecemento científico do medio con estudos de flora, fauna e fungos.

É preciso obter información sobre determinados grupos da flora, fauna e fungos que, pola súa dificultade de estudo, son menos coñecidos, en especial de liques, musgos ou insectos, sen descoidar os outros elementos de interese.

Promoveranse os traballos que identifiquen e minimicen os impactos dos usos e actividades permitidas ou autorizables sobre o espazo e a súa capacidade de carga.

Actualizaranse os inventarios de cada un dos grupos representados no espazo coa periodicidade que determine o órgano competente.

Esta información engadirase e formará parte da planificación e xestión do espazo.

14. Divulgación, sensibilización e educación: favorecer a difusión dos valores do espazo.

Utilizaranse principios de racionalidade para a transmisión das características e singularidades do espazo. Tentarase que, co menor investimento posible, a mensaxe acade a maior difusión posible coa máxima eficacia e eficiencia.

Débense promover iniciativas que favorezan a difusión da información á cidadanía polo que é preciso utilizar as novas tecnoloxías para poñer á disposición pública a maior parte da documentación, principalmente, a través da web municipal. En ningún caso a difusión de información sobre o espazo poderá ir contra a propia conservación do medio.

Poderán organizarse actividades educativas e divulgativas dirixidas á comunidade escolar, poboación en xeral, usuarios e usuarias do espazo, poboación da contorna inmediata, visitantes ou colectivos con características especiais. Estas actividades poden consistir en visitas guiadas, exposicións, paneis, folletos, charlas informativas ou calquera outro medio ou actividade que se considere adecuada para o coñecemento do medio. As actividades deberán ser inclusivas para persoas con discapacidade.

15. Potenciación da conectividade do espazo coa contorna.

O ENIL debe considerarse como un verdadeiro eixo vertebrador do medio de maneira que, ademais de valorizarse a si mesmo, permita a conexión con outros lugares costeiros e, tamén, co interior, a través de rego do Vao, o que permite a conectividade con outros elementos de gran valor ambiental, paisaxístico e cultural para o municipio.

O dominio público e a titularidade dos terreos de carácter municipal na contorna da desembocadura do rego do Vao facilita a unión e vinculación coa braña do Vao, perdida desde hai varias décadas. A unión con outras zonas costeiras próximas tamén se ve facilitada polo dominio público.

Esta integración debe facerse de maneira coherente, ordenada e racional, fomentando a recuperación de espazos cando sexa preciso, pero tamén evitando a alteración ou degradación dos que estean ben conservados.

O brañal do Vao é un espazo que acolle regos, regueiros, zonas asolagadas temporal ou permanente, pradarías enchoupadas, xunqueiras, espadanas e bosque de ribeira. Orixinalmente, esta braña estaba conectada ao areal do Vao conformando a secuencia areal-cinturón dunar-zona palustre.

Tamén hai unha importante modificación antrópica que na medida do posible debería ser corrixida ou mitigada.

Esta braña presenta un elevado valor en canto á fauna, e é un lugar estratéxico para as aves acuáticas, anfibios e réptiles. Tamén ten un elevado valor para a flora, con presenza dunha xunqueira de auga doce cun estado de conservación e tamaño únicos no concello. Son representativos da zona a diversidade de hábitats e especies presentes, ademais dos valores xeomorfolóxicos, etnográficos e paisaxísticos. É o corredor natural entre os montes de Coruxo e a costa.

Xa no tramo costeiro, cara ao leste, temos o areal de Fontaíña, no cal se está a levar a cabo a recuperación do cordón dunar, seguido do de Fechiño, entre zonas de costa rochosa e o areal de Calzoa.

Cara ao oeste atopamos o areal do Serral, tamén cun proceso de recuperación da vexetación dunar e, de seguido, un tramo de costa rochosa, relativamente ben conservado que conecta co areal de Canido cunha boa representación de pradarías de sebe.

16. Protección da paisaxe-conservación e xestión paisaxística.

A paisaxe é un elemento que identifica e define o litoral: a súa preservación é unha aposta de presente con valor para o futuro que dá valor ao territorio.

As infraestruturas, servizos e sinalizacións deben estar integrados e ser coherentes coa contorna, e causar o menor impacto visual posible.

As especies arbóreas non deberán ser disonantes nin alterar a continuidade da paisaxe, dando preferencia á presenza de especies autóctonas características desta franxa costeira.

17. Documentar as actividades e usos permitidos, incluíndo concesións/autorizacións temporais.

Para garantir unha boa xestión das actividades e usos que se poden realizar no espazo, é preciso que a dita información quede debidamente documentada. O órgano municipal competente en materia de ambiente procurará documentar todas as actuacións que se leven a cabo no ENIL.

CAPÍTULO VIII

Zonificación e normas de uso

Artigo 23. Xustificación da zonificación

1. A zonificación ten como finalidade introducir categorías que, con carácter xeral ou específico, determinen os usos e actividades que poden establecerse no espazo natural para garantir a conservación dos hábitats, especies e procesos protexibles, con especificacións para cada unha das zonas, segundo o caso, e adecuándose á súa capacidade de carga.

2. A zonificación integra o réxime de usos derivados da normativa sectorial aplicable en materia de protección do patrimonio natural, e os usos asociados ao ámbito de protección de costas, por atoparse no dominio público marítimo-terrestre, así como os usos determinados polo POL. Na integración destes usos observarase o máis restritivo co obxecto de salvagardar os valores do espazo.

3. O Plan de Conservación define as seguintes áreas ordenadas de maior a menor nivel de protección: zona de protección (verde escuro); zona de amortecemento (verde claro); zona de uso moderado (azul); zona de uso xeral (vermello).

Esta regulación adecúa o uso público do espazo á preservación dos valores e características que motivaron a solicitude do ENIL. A representación por cores de cada zona recóllese no mapa de zonificación do anexo II.

Artigo 24. Zona de protección

1. Esta área, en cor verde escuro, define o espazo cuxo grao de protección é máximo, onde se localiza o campo dunar e un pequeno cantil rochoso, e é clave para manter os hábitats, asociacións, especies e procesos merecentes da declaración de ENIL. A conservación e limitación de usos nesta área é prioritaria.

A área regulada por esta zonificación correspóndese coa superficie dunar e conta cunha superficie total de 14.975 m2 distribuída en distintos sectores repartidos ao longo do espazo.

2. Usos permitidos.

Exclusivamente as actividades de conservación e mantemento xeral do espazo realizadas polos servizos municipais.

3. Usos autorizables.

Exclusivamente as actividades científicas e de protección e conservación que requiran de autorización segundo a normativa sectorial de aplicación.

4. Usos non permitidos.

Calquera uso non recollido como permitido ou autorizable.

Artigo 25. Zona de amortecemento

1. En verde claro aparece definida a zona de amortecemento, unha área cuxo grao de protección, sen chegar a ser máximo, é importante para garantir unha boa conservación e evolución da zona de protección. Este espazo debe permitir a evolución natural do sistema fóra dos límites actuais da zona de protección.

A conservación e limitación de usos estará vinculada a súa influencia e á propia evolución da zona de protección, tendo gran relevancia para esta. A área regulada por esta zonificación está definida pola superficie que rodea a zona de protección e está limitada polas zonas de uso xeral e de uso moderado. Conta cunha superficie total de 25.388 m2.

2. Usos permitidos.

a) O uso libre e público do espazo para o descanso e lecer, e pódense coutar, de forma parcial, temporal ou definitiva, determinadas zonas se as circunstancias así o requiren co obxectivo de protexer procesos de conservación e defensa da costa por parte do campo dunar, así como os hábitats ou especies de interese. As zonas coutadas de forma definitiva, ao considerarse que acadaron os valores representativos dos hábitats da duna móbil embrionaria ou da duna costeira fixa con vexetación herbácea, terán a máxima protección de usos deste plan de conservación. En xeral, estes usos non deben afectar á conservación do areal, protección da costa ou os valores do espazo.

b) O acceso de maquinaria e vehículos vinculados aos servizos municipais ou doutras administracións con competencias para conservación, vixilancia, salvamento, socorrismo, emerxencias e mantemento da área. En calquera caso, o acceso destes vehículos será acorde coa normativa de aplicación, minimizando o impacto sobre o medio natural e as infraestruturas.

c) A presenza de animais domésticos e salvaxes en catividade rexerase polo disposto nas ordenanzas municipais e demais normativa sectorial que sexan de aplicación e, en especial, no recollido no artigo 7.3 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia. En ningún caso poderán entrar en conflito coa conservación e protección do espazo: alterar, modificar, molestar ou danar os elementos vivos ou inertes que compoñen este espazo natural protexido.

3. Usos autorizables.

a) As actividades educativas, científicas e divulgativas relativas ao estudo e coñecemento do ámbito.

b) A colocación de papeleiras e pasos de madeira vinculados ao uso público e conservación durante a temporada de baño.

c) A colocación de paneis e sinais informativos referidos ao espazo, os seus valores ou a conservación deste.

4. Usos non permitidos.

a) Calquera actividade de carácter lúdico ou deportivo que atente contra a conservación do areal, protección da costa ou os valores do espazo; de maneira directa ou indirecta.

b) Accións que sexan incompatibles coa conservación do medio e procesos naturais; recolla de area e cunchas, fogueiras, cetraría, adestramento de animais domésticos, venda ambulante, grellas, parcelamento temporal con paraventos, introdución de especies alleas ao medio ou en confrontación coa recuperación deste e accións de análoga natureza.

c) O aproveitamento do espazo ou das especies presentes, incluída a recolla de sementes, a recolección parcial ou total da flora ou fungos, así como causar danos, molestias ou a captura da fauna coa excepción de actividades de conservación ou científicas que teñan a finalidade de preservar e aumentar os valores e a diversidade do propio espazo.

d) Nas áreas coutadas temporalmente queda prohibido o acceso de calquera usuario/a do areal, así como dos animais de compañía.

e) Calquera uso non recollido como permitido ou autorizable.

Artigo 26. Zona de uso moderado

1. Esta área delimitada en azul define o espazo cuxo uso permite a realización de actividades recreativas e de lecer vinculadas ao uso tradicional dos areais.

A área regulada por esta zonificación esta definida pola superficie de area seca e a zona intermareal ata a liña de auga. Con respecto á duna e o dique rochosos limítrofes, gardará unha distancia de 10 metros, en xeral. Conta cunha superficie total de 64.761 m2, da cal 61.066 m2 están no areal do Vao e 3.695 m2 no areal de Baluarte.

2. Usos permitidos.

a) O uso libre, público e común do espazo pola cidadanía para o paseo, descanso, lecer e goce ou aqueloutros actos semellantes previstos na normativa sectorial de aplicación que non sexan incompatibles coa conservación e protección do ENIL.

b) O acceso de maquinaria e vehículos vinculados aos servizos municipais ou doutras administracións con competencias para conservación, vixilancia, salvamento, socorrismo, emerxencias e mantemento da área. En calquera caso, o acceso destes vehículos será acorde coa normativa de aplicación, minimizando o impacto sobre o medio natural e as infraestruturas.

c) A presenza de animais domésticos e salvaxes en catividade rexerase polo disposto nas ordenanzas municipais e demais normativa sectorial que sexa de aplicación e, en especial, no recollido no artigo 7.3 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar doas animais de compañía en Galicia. En ningún caso poderán entrar en conflito coa conservación e protección do espazo: alterar, modificar, molestar ou danar os elementos vivos ou inertes que compoñen este espazo natural protexido.

3. Usos autorizables.

a) As actividades de carácter lúdico ou deportivo que precisen calquera tipo de instalación desmontable poderán autorizarse de forma restritiva, con limitación no tempo e sempre que:

1º. Teñan claro interese público, alén dos intereses privados ou comerciais das entidades organizadoras ou patrocinadoras.

2º. Cumpran a normativa sectorial de aplicación e dispoñan das autorizacións precisas doutras administracións públicas competentes.

3º. En todo caso, deberán ser compatibles coa conservación e protección do medio.

b) As actividades educativas, científicas e divulgativas relativas ao estudo e coñecemento do ámbito e que requiran algún tipo de instalación.

c) Instalacións do areal vinculadas aos servizos públicos de vixilancia, salvamento, socorrismo, asistencia sanitaria e accesibilidade.

d) As actividades marisqueiras nos termos que autorice a consellería con competencias na materia.

4. Usos non permitidos.

a) O acceso e permanencia de vehículos privados de motor, independentemente das súas características, potencia e finalidade.

b) Os usos de goce ou lecer de calquera actividade con artefactos con capacidade para voar, moverse pola acción do vento, mecanicamente ou controlados por dispositivos a distancia que impliquen a alteración dos elementos naturais vivos, inertes ou dos procesos naturais do medio.

c) Actividades que sexan incompatibles coa conservación do medio e procesos naturais; recolla de area e cunchas ou algas, fogueiras, cetraría, adestramento de animais domésticos, venda ambulante, introdución de especies alleas ao medio ou en confrontación coa recuperación deste, etc.

d) Calquera uso non recollido como permitido ou autorizable.

Artigo 27. Zona de uso xeral

1. A área delimitada en vermello define o espazo cuxo uso permite a presenza de servizos e instalacións necesarios para o uso público, realización de actividades e mantemento do espazo en xeral. Está definida polo paseo peonil que rodea e dá acceso ao areal, ademais das zonas axardinadas englobadas entre estes espazos. Conta cunha superficie total de 8.900 m2.

2. Usos permitidos.

a) O uso libre, público e común do espazo por parte da cidadanía para o paseo, descanso, lecer e goce ou aqueloutros actos semellantes previstos na normativa sectorial de aplicación que non sexan incompatibles coa conservación e protección do ENIL.

b) O acceso de maquinaria e vehículos vinculados aos servizos municipais ou doutras administracións con competencias para conservación, vixilancia, salvamento, socorrismo, emerxencias e mantemento da área. En calquera caso, o acceso destes vehículos será acorde coa normativa de aplicación, minimizando o impacto sobre o medio natural e as infraestruturas.

c) Actividades de mantemento de infraestruturas de abastecemento de auga, saneamento, xestión e tratamento de residuos de carácter público, sempre que non impliquen novas obras ou instalacións.

d) En xeral, calquera actividade destinada a mellorar as condicións naturais e paisaxísticas do espazo.

3. Usos autorizables.

a) Actividades de carácter deportivo, sociocultural e recreativo de interese xeral que sexa necesario realizar ao aire libre coas instalacións desmontables imprescindibles para o uso de que se trate.

b) Actividades científicas, así como, de ser preciso, calquera instalación temporal vinculada a estas.

c) Instalacións do areal vinculadas aos servizos públicos de vixilancia, salvamento, socorrismo, asistencia sanitaria, accesibilidade e mantemento.

d) Os equipamentos e instalacións que dan servizo ás persoas usuarias do espazo, en réxime de autorización ou concesión, que sexa preciso instalar na época estival.

Os usos anteriormente expostos entenderanse sen prexuízo da exixibilidade de licenza urbanística municipal, da autorización urbanística ou das demais autorizacións administrativas sectoriais que procedan.

4. Usos non permitidos.

a) O acceso e permanencia de vehículos de motor privados, independentemente das súas características, potencia e finalidade.

b) A varada ou almacenaxe de embarcacións, calquera que sexa a súa finalidade e características.

c) As actividades que sexan incompatibles coa conservación do medio, usuarios e procesos naturais como cetraría, adestramento de animais domésticos, introdución de especies alleas ao medio ou en confrontación coa recuperación deste.

d) Os bancais, desmontes, recheos e outras actuacións afíns.

e) Os depósitos de materiais, almacenamento ou parque de maquinaria.

f) Calquera actividade extractiva, incluída as instalacións para tal fin.

g) Calquera uso non recollido como permitido ou autorizable.

Artigo 28. Excepcións

Excepcionalmente, e sempre que se manteña un estado de conservación favorable do ENIL, poderán quedar sen efectos estas prohibicións, logo de autorización expresa da consellería con competencias en materia de conservación do patrimonio natural, sen prexuízo das autorizacións receptivas establecidas na normativa vixente que poidan resultar de aplicación.

Artigo 29. Réxime xeral de protección

1. O réxime xeral de protección será o establecido na normativa sectorial que resulte de aplicación por razón de materia:

a) Protección da flora, da fauna e dos fungos silvestres.

b) Protección do patrimonio natural e da súa diversidade.

c) Protección dos recursos hídricos.

d) Protección dos recursos do solo e da paisaxe.

e) Protección do dominio marítimo-terrestre.

f) Protección do patrimonio cultural.

g) Outras que sexan de aplicación.

Artigo 30. Réxime de autorizacións e comunicacións de usos

Os usos e actividades recollidos como autorizables neste plan exerceranse logo de autorización ou comunicación á Administración municipal nos termos establecidos na lexislación vixente. En todo caso, a solicitude ou comunicación deberá acompañarse das perceptivas autorizacións ou concesións outorgadas polas administracións competentes segundo a normativa sectorial de aplicación.

As obras de interese xeral que poidan afectar o ámbito do ENIL rexeranse polo establecido na lexislación de costas e demais normativa de aplicación.

Artigo 31. Réxime de infraccións e sancións

O réxime de infraccións e sancións aplicables será, con carácter xeral, o establecido no título IV da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, sen prexuízo doutras normas vixentes que poidan ser de aplicación ás ditas infraccións ou ilícitos de calquera clase.

CAPÍTULO IX

Plan económico e previsións orzamentarias

Artigo 32. Orzamento

1. Para asegurar que se cumpran eficazmente os fins perseguidos coa declaración do ENIL Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte, o Concello de Vigo comprométese formalmente a poñer en práctica as medidas precisas para asegurar a conservación dos valores naturais que motivaron a declaración.

2. O Concello de Vigo consignará anualmente e con cargo aos orzamentos municipais, as cantidades necesarias para acadar os fins da declaración do ENIL e para desenvolver as medidas de conservación previstas neste plan.

3. A distribución do gasto orzamentario previsto por anualidades será o seguinte:

Medidas de xestión

Descrición das medidas

2021

2022

2023

2024

2025

2026

Total

1-2-3

Conservación e restauración da duna embrionaria ou primaria (2110).

Conservación e restauración da duna secundaria (2120 dunas móbiles con Ammophila arenaria).

Conservación e restauración da duna terciaria (2130* dunas costeiras fixas con vexetación herbácea –dunas grises–).

1.500

1.400

1.400

1.300

1.200

1.200

8.000,00 €

4

Conservación e restauración de especies nas comunidades vexetais rupícolas aerohalófilas da primeira banda de vexetación das costas rochosas (código de hábitat 1230).

180

180

180

180

180

180

1.080,00 €

5-6-7

Eliminación e control de especies exóticas invasoras

e/ou alóctonas.

Control de especies autóctonas pero introducidas na zona de protección e amortecemento.

Potenciar a diversidade biolóxica dos hábitats presentes no espazo.

3.992,92

2.652,32

2.652,32

2.652,32

2.652,32

2.652,32

17.254,52 €

8-9-10

Limpeza do espazo.

Mantemento e revisión do peche da zona de protección.

Xestión dos depósitos de algas

103.000

103.000

103.000

103.000

103.000

103.000

618.000,00 €

11-12

Compatibilizar o uso público do espazo coa conservación dos valores deste.

Integración de infraestruturas, equipamentos e instalacións: revisión e integración do mobiliario de tempada para o uso público do areal.

22.658

21.932

21.932

21.932

21.932

21.932

132.318,00 €

13-14-15-16

Ampliar o coñecemento científico do medio con estudos de flora, fauna e fungos.

Divulgación, sensibilización e educación. Favorecer a difusión dos valores do espazo.

Potenciación da conectividade do espazo coa contorna. Protección da paisaxe-conservación e xestión paisaxística.

5.000

5.000

5.000

5.000

5.000

5.000

30.000,00 €

17

Documentar as actividades e usos permitidos, incluíndo concesións/ autorizacións temporais

1.500

1.500

1.500

1.500

1.500

1.500

9.000,00 €

Total anual

137.830,92 €

135.664,32 €

135.664,32 €

135.564,32 €

135.464,32 €

135.464,32 €

815.652,52 €

CAPÍTULO X

Vixencia e revisión

Artigo 33. Vixencia

As determinacións deste plan de conservación entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e continuarán en vigor en canto non se revise o plan polo cambio significativo e suficiente das circunstancias ou criterios que determinaron a súa aprobación. En calquera caso, e na falta de modificacións excepcionais, o plan deberá revisarse pasados seis anos.

Artigo 34. Extinción

A consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural poderá iniciar o expediente para retirar a condición de espazo protexido no caso de que non se cumpran as finalidades de conservación recollidas na declaración do espazo ou se detecten desviacións importantes respecto do plan de conservación aprobado.

ANEXO II

Ámbito territorial de aplicación do Plan de conservación e planos

do Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte

1. O ámbito territorial de aplicación do plan de conservación coincide coa extensión e límites cartografados para o ENIL Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte, declarado de xeito definitivo por Orde do 29 de setembro de 2020.

Este espazo protexido atópase no termo municipal de Vigo, provincia de Pontevedra. Conta cunha lonxitude lineal ao carón da beiramar de 780 metros e unha superficie de 11,40 ha.

2. Localízase na folla 223-III da cartografía 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional e ocupa a franxa costeira da parroquia de Coruxo. Está situado na zona central do arco definido entre Cabo Estai (parroquia de Oia) e Cabo do Mar (parroquia de Alcabre) na parte suroriental do concello de Vigo.

3. Planos.

a) Límite do espazo.

b) Planos temáticos: zonificación do espazo, relación do ENIL co PXOM, estado de conservación da zona de protección, presenza de vexetación alóctona e exótica invasora e mapa de vexetación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file