Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 28 de outubro de 2020 Páx. 42854

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 177/2020, do 15 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Lugo do treito inicial da LU-530 entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+855.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Lugo solicita á Xunta de Galicia a transferencia de titularidade dun treito da estrada LU-530 comprendido entre a rúa San Eufrasio e o Paseo do Rato, entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+855.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1, o cal foi obxecto de renovación do firme e sinalización horizontal recentemente. Así mesmo, indícase que o punto quilométrico final do treito que se vai transferir é tal que mantén dentro da competencia autonómica os estribos e muros de acompañamento do viaduto sobre o río Fervedoira.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de outubro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1

– Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Lugo de:

Clave

Denominación

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89)

LU-530

Lugo-Fonsagrada (LU-701)

0+000

X= 618.048

Y= 4.763.441

0+855

X= 618.410

Y= 4.762.778

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Lugo deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous (2) meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Lugo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de outubro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade