Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 25 de setembro de 2020 Páx. 37351

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de setembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 8 de setembro de 2020 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes dos montes veciñais en man común Serra de San Salvador e Serra de Meda e Meda e Montouto, nos concellos de Monterrei e Cualedro.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos MVMC Serra de San Salvador e Serra de Meda e Meda e Montouto, nos concellos de Monterrei e Cualedro, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 15 de decembro de 2017 o presidente da CMVMC de Infesta e Paradiña presentou un escrito no Rexistro da Xefatura Territorial do Medio Rural en Ourense (nº 15077/rx 3065883) relativo a un acto de deslindamento entre os MVMC Serra de San Salvador e Serra de Meda e Meda e Montouto, nos concellos de Monterrei e Cualedro.

Entre outra documentación, achegou a acta de deslindamento, os certificados de aprobación das asembleas, a acta de conciliación ante o Xulgado de Paz de Monterrei e o plano do deslindamento.

Segundo. O 18 de decembro de 2017 presentou no rexistro electrónico da Xunta de Galicia a mesma solicitude.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 4 de outubro de 2019 indica que a solicitude foi realizada de acordo co artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Non obstante, realizou as seguintes consideracións:

A liña que define o perímetro estremeiro invadiría 1,7 m do MVMC Carreiro Ladrón, de acordo cos deslindamentos do MVMC Carreiro Ladrón, co MVMC Meda e Montouto e co MVMC de Rebordondo, aprobados polo xurado provincial o 24 de marzo de 2010. Por este motivo, deberá respectarse esta localización no extremo oeste da liña de deslindamento (punto 1: Tres Cabaleiros). Con esta modificación a liña de deslindamento conciliada apenas varía xa que a distancia máxima coa liña que propón o Servizo de Montes sería duns 0,25 m, no extremo situado máis ao oeste.

O extremo da liña do deslindamento situado máis ao leste (punto 18: Lameiro do Porco) debería ser acordado coa CMVMC de Vences. Non obstante, pódese admitir este punto de xeito que sirva de referencia para definir a dirección da liña do deslindamento do MVMC Meda e Montouto co MVMC Serra de San Salvador e Serra de Meda, sen prexuízo do necesario acordo da CMVMC de Vences para estabelecer mediante outro deslindamento o punto onde finaliza esta liña do deslindamento polo leste.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 4 de febreiro de 2020:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Serra de San Salvador e Serra de Meda e Meda e Montouto, nos concellos de Monterrei e Cualedro, de acordo co informe do Servizo de Montes do 4 de outubro de 2019.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 10 de setembro de 2020

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense