Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 25 de setembro de 2020 Páx. 37349

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de setembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 8 de setembro de 2020 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes dos montes veciñais en man común de Tourón e Serra do Faro, no concello de Melón.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos MVMC de Tourón e Serra do Faro, no concello de Melón, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 19 de febreiro de 2019 o presidente da CMVMC de Tourón presentou un escrito no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (nº 2019/rx 350763) en que solicita a aprobación dun deslindamento entre o MVMC de Tourón e o MVMC Serra do Faro, no concello de Melón.

Coa citada solicitude achegou as certificacións de aprobación das respectivas comunidades, a acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Melón, acta de deslindamento e memoria descritiva con planos topográficos.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 7 de outubro de 2019 indica que a solicitude foi realizada de acordo co artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

O perímetro estremeiro acordado queda ben definido mediante a documentación achegada e afecta unicamente os dous montes veciñais citados, se ten un punto (nº 38) no que conflúen co MVMC Monte do Ceo e Cotos, pertencente á CMVMC das Mestas. Este punto localízase no río Cerves, de xeito coincidente coas descricións que figuran nas carpetas-fichas dos expedientes de clasificación, aínda que nestas figura coa denominación río das Mestas.

O punto nº 1 do perímetro estremeiro localízase no camiño da Cabana tamén de xeito coincidente coas descricións que figuran nas carpetas-fichas dos expedientes de clasificación, aínda que nestas figura coa denominación de camiño da Garda.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento para seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 4 de febreiro de 2020:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC de Tourón e Serra do Faro, no concello de Melón, de acordo co informe do Servizo de Montes do 7 de outubro de 2019.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 10 de setembro de 2020

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense